Unha praza moi privada

Por diversos avatares profesionais tiven a honra de participar nalgunhas fases da xestación de Praza Pública, entre elas a escolla do nome da cabeceira. E como xa dixen no seu día, este nome, que agora defendo con unllas e dentes, non é do meu total agrado.

Porque o que me gusta desta Praza, deste novo medio, é que é moi privada. Un bo día unhas persoas tiveron unha idea, xuntaron o capital deles ao doutras persoas e montaron un proxecto empresarial que terá que buscar a súa rendibilidade (e confío sinceramente en que a van atopar). Porque só as cousas rendibles conseguen os seus obxectivos. Esas primeiras persoas, eses emprendedores, son capitalistas comprometidos coa mellora da súa sociedade. Un grupo de individuos e unha vontade.

O panorama onde vai ter que pelexar esta praza privada, porén, está controlado dunha forma bastante inxusta polos medios públicos. Non estou falando a penas da CRTVG: ao lado dos medios de comunicación gobernamentais esténdese unha boa pléade de medios semigobernamentais (e adoito tamén progobernamentais), todos eles públicos porque están financiados nunha grandísima medida con diñeiro dos cidadáns, con eses cartos que non se gastan en axudas a pacientes de alzheimer e si en pagar salarios de xornalistas. Medios de comunicación públicos, promovidos dende o goberno. Medios subvencionados porque son medios de comunicación, e disque deben ser subvencionados. Medios subvencionados porque teñen algúns anacos en galego. Medios subvencionados porque si. Medios que se financian a través de contratos do goberno con produtoras audiovisuais ou grazas a motivos aínda peores. Medios de comunicación, en resumo, financiados por min mais contra a miña vontade. Ou como exemplifica o meu amigo Antonio ao falar de si, "eu pago La Región, pero non a compro".

Chego a esta nave de Praza porque é un proxecto privado, creado e impulsado por individuos co seu esforzo. E outros chegan á mesma Praza porque é un proxecto "público", que lles pertence aos individuos. Tabernas teremos para debater as nosas diverxencias. Agora toca remarmos na mesma dirección.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.