A tolemia da piscicultura

Como “burbulla piscícola” habería que definir a que de xeito compulsivo tratan de exhalar, con modificacións cada vez máis agresivas, todos e cada un dos gobernos galegos dende que López Veiga lograse aprobar, co indecente parapeto dunha campaña electoral, aquel inefábel Plan Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria de 2005, que poñía a disposición das transnacionais do peixe plano o mellor da nosa costa exterior virxe.

Digo burbulla porque, ao cabo, a piscicultura en terra é iso, pois dá un valor excesivo de mercado, e xa que logo falso e susceptíbel de estoupar, a un modelo de produción de alimentos irresponsábel, baseado na usurpación e destrución irreversíbel do patrimonio natural común, na contaminación dos ecosistemas, na escravitude laboral e na pesca extractiva salvaxe, que fomenta os descartes para saciar a voracidade dunhas poucas especies carnívoras, amoreadas e dopadas con antibióticos, antisépticos e non poucos compostos hormonados.

Así, teiman en engordar á mantenta a “futura” importancia da industria acuícola mentres agachan que os prezos dos peixes de plástico –e as insolentes subvencións destes macroproxectos– non fan máis que baixar. E máis que o farán coa posíbel expansión enfermiza destes campos de concentración de rodaballos, como escribiu Manuel Rivas. Chegará un intre en que o único xeito de sermos “líderes mundiais” –abraiante propósito!– será seguir aumentar as superficies destas factorías até que nin un só vestixio quede do mellor da nosa costa.

Daquela, cun custe ambiental e social incalculábel –en absoluto xustificábel pola xeración duns poucos e precarios empregos–, incrementado a nivel global coas emisións provocadas polo desprazamento de alimentos a milleiros de quilómetros, só nos queda esperar o estoupido final da burbulla, e con el asistir ao abandono –ou recualificación– dos millóns de metros cúbicos de formigón que un día soterraron milenios de construción xeolóxica e biolóxica na Galiza nosa.

Algo semellante ao exposto nestes parágrafos escribía eu hai un par de anos, e hai tres, e hai catro, e cinco, no decurso das loitas cívicas en contra, non só da destrución dalgúns enclaves senlleiros da nosa identidade natural como pobo, senón dun modelo de produción de alimentos que, como o da agroindustria, atenta directamente contra a nosa soberanía alimentar, que neste estrato representan a pesca artesanal e a acuicultura rural tradicional, ou extensiva, practicada polo pobo galego dende hai 4000 anos en forma de marisqueo.

É mentira que a acuicultura industrial responda ao interese de reducir a presión sobre os ecosistemas mariños. Responde, antes ben, á instauración dun modelo de negocio que xa vimos na agricultura, co control absoluto dos mercados por unhas poucas empresas e non polas poboación locais e o direccionamento dos nosos hábitos alimentarios cara ao que interesa ao Deus Mercado. Unha fracasada revolución verde, xeradora de miseria, que aquí queren mudar en azul. Son as empresas as que deciden que peixes comemos, cando os comemos e onde os mercamos. Abonda con visitar os nosos mercados, cada vez con menos especies locais, ou os liñais das grandes superficies, nos que a presenza do rodaballo, das robalizas –non lubinas!– ou das douradas de monorración é cada día máis abafante.

É no atentado a esta soberanía alimentar e na destrución do planeta onde debemos enmarcar a loita contra o desenvolvemento da acuicultura industrial. Nos últimos anos os movementos sociais galegos temos traballado moito ao redor deste concepto de soberanía alimentar, herdado da Vía Campesina, pero máis no eido do agro que no do mar, porque existe un Sindicato Labrego Galego que defende, de xeito case heroico, a sustentabilidade no agro; mais non existe un movemento nin unha conciencia na contorna costeira, malia que as nosas vilas mariñeiras están todas en depresión poboacional, depresión laboral, depresión de servizos e depresión cultural. O cemento, iso xa o vimos, non é o camiño.

O malgoberno de Núñez Feijoó vén de dar un paso máis nesta xeira de plans e repláns de destrución declarando toda a nosa costa exterior, absolutamente toda, como susceptíbel de albergar fábricas de peixe. Non hai zonas de exclusión. O noso litoral fica ao completo a expensas dunhas poucas transnacionais, como Stolt Sea Farm –integrante do grupo Stolt-Nielsen, que cotiza na bolsa de Oslo e ten sede no paraíso fiscal de Luxemburgo– e Pescanova, e da súa capacidade para convencer a gobernantes indignos de que forcen a meirande expropiación, física e moral, da nosa historia.

Cómpre reaxir na loita. Cómpre reactivarmos as mobilizacións. Cómpre castigar a esas empresas e ao goberno que as ampara. Mais cómpre, sobre todo, dirixir o discurso non tanto á salvagarda de enclaves naturais e humanos –que tamén– como ao rexeitamento dun modelo de produción de alimentos tan destrutor como inxusto dende calquera ollar, xa sexa económico, social ou ambiental.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.