De outra margem

“Como os ciganos somos de outra margem” (Manuel Alegre)

Somos da liña onde espertan os soños; linde literario no último verso da estrofa. Como as pontes que esvaen as fronteiras, vivimos no fume da utopía. Ao outro lado do ritmo social. Con pulso kamikaze.

Reflexiono e admito a utilidade do pragmatismo, así como as vantaxes de aplicar a lóxica en certas ocasións. Pero posiciónome en contra dun control permanente sobre cada acto, conduta ou forma de cavilar

Somos extremo; principio e fin. Ningún núcleo nos pertence. Nós vagamos, nómades, polas aforas da razón. Habitamos as lapelas dos libros que nos tolean. De aí que desbotemos cálculos lóxicos, para poder pensar.

Reflexiono e admito a utilidade do pragmatismo, así como as vantaxes de aplicar a lóxica en certas ocasións. Pero posiciónome en contra dun control permanente sobre cada acto, conduta ou forma de cavilar. Se non atentásemos contra siloxismos funcionais, acabariamos matando a fantasía. Se non arriscásemos por axudar os demais, perderiamos a condición humana. Se non atendésemos ás emocións, deixariamos de sentir.

Ás veces, precísase erguer trincheiras a calquera sistema establecido e disparar corazóns dementes ás estruturas do poder. E iso foi xusto o que fixemos este sábado 22 de setembro en Vila Nova de Cerveira

Por todo o argumentado, considero imprescindible opoñer resistencia á cordura imposta das maiorías civís. Ás veces, precísase erguer trincheiras a calquera sistema establecido e disparar corazóns dementes ás estruturas do poder. E iso foi xusto o que fixemos este sábado 22 de setembro en Vila Nova de Cerveira.

Cinco escritores dun xénero minoritario expresado en lingua minorizada, viaxamos desde a periferia ata terreos arraianos para falar de emocións. O editor que nos conduciu, Franciso Macías, chamoulle POSITIVAS a unhas publicacións impresas en plena crise do libro galego. E o grupo musical que fixo bailar sentimentos colectivos levaba por título de outra margem, a pesar de ter compoñentes do dous lados do Miño. En canto atravesamos o limiar, traspasamos os límites da percepción. Xamais as verbas significaron tanto; nunca os acordes tocaran esa intensidade. A catarse cubriunos cun único peito. E, dentro, comprendemos que cando o maxín esquece as paredes, só importan as emocións.

Desde a outra margem conformamos o clan nómade da Colección Di-versos (Ed. Positivas); unha particular barricada ante as correntes impostas

–Conta atrás! –anunciou Paula Carballeira– e, a partir de aí, bancos de Baleas invadiron a voz de Estevo Creus. Ao mesmo compás, Alberto Ferreiro maldiciu versos fatídicos ata que se fixeron Inflamables entre os beizos de Samuel L. París. O conxunto soou como se houbese Vinte en escena e os ritmos fonéticos convertéronse en canción desde A OUTRA MARGEM. Desde a outra margem conformamos o clan nómade da Colección Di-versos (Ed. Positivas); unha particular barricada ante as correntes impostas.

Si. Pero... E ao saír? Ao saír decateime de que, nese mesmo intre, podía haber moitos grupos de persoas compartindo distintos refuxios e maneiras de resistencia. Fronte á inercia do utilitarismo inmediato, varias tribos de nómades manteríanse, con firmeza, no bando da autenticidade. Entón, nun alarde de desvarío, pregunteime que sucedería se todos os clans de soñadores ambulantes deixásemos de asimilar, ao mesmo tempo, determinados centros artificiais. Non o sei.

Fronte á inercia do utilitarismo inmediato, varias tribos de nómades manteríanse, con firmeza, no bando da autenticidade

Ao igual que ignoro como puiden desviar tanto o tema dun artigo que se podería resumir con maior precisión en moitas menos liñas... Quizais porque adoro afondar nos sentidos que adquiren as palabras ao combinarse. Ou porque quería transmitir, coa máxima franqueza, a experiencia que vivimos. Se cadra, non me ativen á concisión requirida porque eu, coma ti, renuncio ao control permanente. Tal vez por ser de outra margem. Como a tribo musical que leva ese título ou o equipo dos Di-versos. Como os ciganos...

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.