Pola lingua, cunha soa voz

Os antecedentes

6 de xuño: grazas ao bo oficio de David Lombao, redactor deste xornal, chega ao coñecemento da opinión pública a existencia dun escrito en que a Xunta admite que mentiu á mantenta cando falaba da «imposición del gallego» como coartada para as súas contrarreformas lexislativas en materia lingüística.

7 de xuño: Praza Pública divulga o documento no que a Consellaría de Educación admite literalmente que na altura de 2009 a "realidade da situación" era "moi desfavorable para a lingua propia".

14 de xuño: en comparecencia no Parlamento Galego, o titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Valentín García, confirma o contido do escrito divulgado unha semana antes e vai máis alá ao asegurar que a situación de desvantaxe da lingua galega no ensino "élle así dende que temos razón dos primeiros estudos estatísticos".

A proposta consiste en voltar a xuntar as organizacións, asociacións e plataformas que impulsaron a marea a prol do galego que deu lugar ás masivas mobilizacións de 2009 e xaneiro de 2010

O propio xoves día 7, presento a ProLingua –plataforma na que participo desde a súa constitución e que mostra o seu apoio total– a proposta que hoxe divulgo publicamente, e que non consiste noutra cousa que voltar a xuntar as organizacións, asociacións e plataformas que impulsaron a marea a prol do galego que deu lugar ás masivas mobilizacións de 2009 e xaneiro de 2010, desta volta para esixir que ao recoñecemento da mentira sigan a asunción de responsabilidades políticas e unha inmediata mudanza de rumbo.

A partir de aí, comeza un frenesí de contactos que levan, na inmensa maioría dos casos, a un apoio explícito e incondicional á proposta. Porén non foi posible –aínda– conseguir a necesaria unidade de acción nin definir unha data e un horario para comparecer conxuntamente ante a sociedade galega cunha mensaxe unitaria. De aí que aproveite estas liñas para facer un chamamento público que engloba –sen ánimo de exhaustividade nin de exclusión– organizacións políticas como o PSdeG, o BNG, EU, CxG, o NPC, a FPG ou C.XXI; sindicatos como a CIG, CCOO, UGT, o STEG, a CUT ou a CGT; movementos de renovación pedagóxica como Nova Escola Galega, a AS-PG ou Escola Viva; e por suposto, as asociacións e plataformas directamente vinculadas coa lingua, como A Mesa, AGaL, ProLingua, Queremos Galego, Galego Patrimonio da Humanidade ou Galego Sempre Mais.

Creo firmemente que deberíamos ser capaces de comparecermos conxuntamente, unha vez máis, na defensa do futuro daquel que é o noso maior patrimonio como pobo

Creo firmemente que deberíamos ser capaces de comparecermos conxuntamente, unha vez máis, na defensa do futuro daquel que é o noso maior patrimonio como pobo. Do mesmo xeito que considero que non facelo, polos motivos que fose, constituiría unha gravísima omisión, alén dunha contradición política de difícil explicación: como pode alguén negarse a reivindicar que, como di o mestre Xabier DoCampo, "nós non mentimos"? como entender que, despois de tres anos á espera dunha proba, agora que dispomos dela prime a ansia de protagonismo particular por riba da defensa da causa colectiva? Quero crer que tales preguntas non teñan sentido, polo menos se aspiramos a ser parte activa dun país digno de tal nome.

Por suposto, e como xa se lles dixo ás (múltiplas e diversas) persoas contactadas, o texto que segue abaixo está aberto a todas as modificacións que se consideren necesarias e deben ser as propias organizacións quen determinen a forma e a data da foto de familia. Vaia pois, esta proposta como unha humilde achega que poño á súa disposición, por se serve para avanzar cara a un acordo e, consecuentemente, cara a unha acción unitaria en defensa da lingua que nos une.

A proposta

RENUNCIEMOS A UN PASADO DE MENTIRAS E ATAQUES AO GALEGO

CONSTRUAMOS UN FUTURO DE CONSENSO E PROGRESO

Como viñemos dicindo desde o comezo do mandato do actual Goberno galego, a política lingüística aplicada pola Xunta de Galicia e apoiada en solitario polo Partido Popular estivo sustentada nunha gran mentira: a dunha suposta «imposición del gallego», nomeadamente no ámbito escolar, que nunca existiu. Iso xa o sabía calquera cidadán ou cidadá que coñecese minimamente o sistema de ensino, como tamén sabía que esa absurda teoría fora creada polos inimigos do galego en despachos moi afastados da nosa terra. Pero agora vén recoñecelo a propia Consellería de Educación, como se pode constatar nesta proba documental (calquera persoa pode consultar o documento completo no enderezo web http://bit.ly/confesiondamentira):

“A realidade da situación das dúas linguas oficiais nos centros educativos sobre a que as medidas do Decreto tiveron que incidir ao inicio da súa vixencia para acadar os devanditos obxectivos foi moi desfavorable para a lingua propia, xa que se partiu dunha situación de uso minoritario do galego polo alumnado na xeneralidade dos centros galegos, especialmente nas provincias atlánticas, e poderíase dicir que escaso no alumnado das sete cidades máis poboadas de Galicia.”

(Resposta oficial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, remitida ao Parlamento de Galicia o día 1 de xuño de 2012)

En vista dos gravísimos feitos agora comprobados e confesados polo propio organismo que os promoveu, isto é a Consellería de Educación, as persoas e os colectivos abaixo asinantes esiximos:

1. A dimisión ou o cesamento, con carácter inmediato, de Xesús Vázquez Abad e Anxo Lorenzo Suárez dos cargos públicos que actualmente ocupan, como responsables políticos directos dunha mentira tan grave como esta.

2. A rectificación, por vía de urxencia, das modificacións lexislativas inspiradas nesa mentira e aprobadas –de xeito unilateral e rachando consensos anteriores– para corrixir unha suposta «imposición del gallego» que nunca existiu, como agora recoñece a propia consellería responsable. Tal rectificación debe comezar pola Lei da Función Pública de Galicia e o Decreto do Plurilingüismo no Ensino.

Mais, ao lado das esixencias de que se asuman publicamente as responsabilidades políticas e se resolvan –na medida do posible– os perniciosos efectos das medidas adoptadas en nome dunha falacia, cremos firmemente que a preocupante saúde da lingua galega esixe de todos un exercicio de xenerosidade. E no nome desa xenerosidade, do ben da nosa lingua propia e do máis amplo consenso social, ofrecemos pública e solemnemente o noso apoio á Xunta de Galicia e ao Partido Popular de Galicia para as seguintes medidas:

1. Retornar ao consenso unánime creado polo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega –aprobado en 2004 durante a presidencia de Manuel Fraga– e polas propostas nel formuladas.

2. Aprobar a adopción urxente de novas medidas de impulso do galego no ensino, a seren aplicadas no vindeiro curso 2012-2013, na liña de reparar o retroceso causado durante os tres anos longos xa decorridos da actual lexislatura.

3. Pór en práctica, co apoio explícito de todos os grupos políticos, sindicais e sociais asinantes, todas aquelas medidas de rectificación e reparación que a Xunta de Galicia e o grupo político que lle dá sustento decidan aplicar.

4. Ollar para o futuro todos xuntos, renunciando a axustar contas polo enorme mal feito á lingua, á cultura e ao país e comprometéndose, por todas as partes, a non utilizar a lingua como arma de loita partidaria ou electoral.

Por último, facemos un chamamento ao conxunto da cidadanía galega para que, desde o máximo respecto polos dereitos individuais de cadaquén, se implique activamente no proceso de recuperación, promoción e normalización da lingua propia da nosa terra. Esta debe ser unha tarefa de todas e todos nós, liderada polas nosas institucións de autogoberno mais coa participación do conxunto do tecido social do país.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.