Prostitución: do abolicionismo ao prohibicionismo no goberno da nova dereita

O papel da sexualidade na vida íntima e política das mulleres ten sido historicamente moi relevante. O ámbito da sexualidade produce as súas propias políticas, desigualdades e formas de opresión. Afirmar que a sexualidade é política, aparece a primeira vista como unha obviedade; sen embargo, hai momentos precisos en que esta se encontra máis exposta a ser politizada e renegociada.

Esta norma tipifica como grave a ocupación de xeito temporal das zonas de dominio público das estradas coa finalidade de negociar servizos de natureza sexual, no entendemento de que aquilo supón un perigo para a seguridade vial

Este é un deses momentos: A Generalitat de Catalunya emitiu unha orden, publicada o 30 de maio no Diario Oficial (DOGC), onde se establece a creación dun ficheiro no que se fará constar o nome, o DNI, a dirección, a clase de infracción administrativa e dados especialmente protexidos tales como a natureza sexual (?) das persoas que infrinxan o artigo 56.4 da Lei de Estradas. Esta norma tipifica como grave a ocupación de xeito temporal das zonas de dominio público das estradas coa finalidade de negociar servizos de natureza sexual, no entendemento de que aquilo supón un perigo para a seguridade vial. A sanción pecuniaria pode chegar aos 30.000 euros tanto para as traballadoras do sexo como para os clientes. Se ben pode considerarse unha medida inédita non é menos certo que se pode pensar dende o conxunto de políticas represivas (ordenanzas) no ámbito urbano que veñen sufrindo aquelas que traballan na rúa, sobre todo migrantes.

A prostitución ofreceuse como un espazo onde teñen lugar os máis encarnizados debates feministas sobre a violencia e a dignidade das mulleres. De xeito moi esquemático advírtense dúas correntes: a corrente abolicionista, que xorde fronte a regulamentación e modelos regulatorios na Europa de fins de século XIX, entende que a prostitución sempre é violencia de xénero e nunca pode ser voluntaria. En contra, a partir da década dos 70 do século XX, como froito de unha nova mirada sobre a sexualidade feminina emerxeron grupos que avogaban pola legalización da prostitución. Para estes últimos é preferible abandonar o termo prostitución, pola carga de estigmatización que este ten, e defenden o carácter de relación laboral dos servizos sexuais. Falar de traballo sexual abre un plano onde a muller é autónoma e decide, entre outras opcións vitais, dedicarse a esta actividade. Así mesmo, o feito de que a prostitución obteña o status de traballo reduciría os riscos da estigmatización, de precariedade e de violencia aos que están expostas.

No control da sexualidade feminina interveñen unha multiplicidade de actores, máis as traballadoras da industria do sexo nunca foron consideradas como interlocutoras válidas neste debate. Esta pode ser unha das razóns que fai que se perda de vista que o traballo sexual se exercede maneiras distintas, non só na rúa e non só por mulleres. Outra eiva que teñen os deseños das políticas públicas é que deixan ao lado as evidencias de una industria que avanza ao compás dos cambios tecnolóxicos e dos discursos feministas non abolicionistas. As investigacións serias levadas a cabo sobre a prostitución non deixan de chamar a nosa atención sobre a necesidade dun abordaxe complexa do goberno da prostitución.

Neste senso, a problematización que se fai da prostitución redúcese a plantexamentos binómicos e, por tanto, as medidas resultan insuficientes e inaxeitadas

Neste senso, a problematización que se fai da prostitución redúcese a plantexamentos binómicos e, por tanto, as medidas resultan insuficientes e inaxeitadas. Como ben sabemos, a nosa sexualidade está constituída por discursos, prácticas e saberes que trazan o límite entre a boa muller e a puta. O noso corpo e a nosa sexualidade en maior medida, están sometidos a sistemas de control que determinan as prohibicións. No caso particular da prostitución, o discurso abolicionista foi quen finalmente logrou establecer cales ían ser os límites da nosa sexualidade, permeando os perímetros desa actividade para ser utilizada como parámetro da conduta da muller en xeral. Non hai que perder de vista que o discurso abolicionista parte da premisa de que cando a muller entra no campo da sexualidade sempre o fai como unha vítima da opresión do home, nunca como alguén capaz de axencia.

As prácticas emerxentes deste discurso no Reino de España continúan a sufrir os derroteiros da instrumentalización da nosa sexualidade. En tempos non moi lonxanos o exercicio da prostitución era perseguida pola lei de vagos e maleantes, máis nunca se chegou á formalización dun modelo prohibicionista, ao menos até esta semana, que o Conselleiro de Interior Catalán propuxo a reforma do Código Penal para dotar de eficacia as súas novas medidas represivas en Catalunya.

O feminismo abolicionista fixo un gran favor ao goberno represivo da prostitución dende dúas posturas que, en principio, parecen contraditorias entre si

O feminismo abolicionista fixo un gran favor ao goberno represivo da prostitución dende dúas posturas que, en principio, parecen contraditorias entre si. Por unha banda, se ben non propón un sistema de penalización da muller que exerce esta actividade, si dá carta branca á criminalización do seu entorno. Este é o modelo do Código penal vixente. Sen embargo, nunha relación directa coas políticas urbanísticas e o lema da seguridade cidadán, moitas cidades españolas teñen adoptado modelos materialmente prohibicionistas que produciron, sobre todo na última década, a criminalización das traballadoras sexuais que están na rúa. Por outra banda, o discurso abolicionista –dende a súa orixe- abrazou a protección dos dereitos humanos das mulleres vítimas do abuso sexual e a violencia no eido da prostitución. Non é baladí entón que o ingreso ao ámbito dos dereitos humanos de todas nós teña sido dende a vitimización e a infantilización que produciu o a loita contra “o tráfico de brancas”.

Definida a prostitución como un dos elementos centrais do que se entende como violencia contra as mulleres, o goberno anterior socialista fixo que a prostitución operase como un dos elementos centrais das políticas de xénero. Só basta voltar a escoitar as declaracións de Bibiana Aído ou botar unha ollada aos programas de loita contra o tráfico de mulleres con fins de exploración sexual do que foi o Ministerio de Igualdade.

A loita contra a trata de mulleres na práctica funcionou como un velo para a sanción e estigmatización das migrantes irregulares que exercían a prostitución na rúa e nos clubes

As “boas intencións” do discurso protector foran levadas de forma moi rápida para o plano represivo, sobre todo das mulleres migrantes irregulares. A loita contra a trata de mulleres na práctica funcionou como un velo para a sanción e estigmatización das migrantes irregulares que exercían a prostitución na rúa e nos clubes. Reformouse tamén a lei de extranxeiría para evitar a expulsión destas mulleres, mais o paradeiro das “vítimas” permanece descoñecido e só se conta cos casos en que a lei non se aplicou e finalmente foran privadas da súa liberdade nun CIE e deportadas.

As últimas medidas do goberno catalán expoñen claramente estas contradicións, pero máis que amosalas brinda as condicións de posibilidade para que podan subsistir no mesmo discurso. Por un lado propón, para a protección da seguridade vial, as penas pecuniarias tanto para as traballadoras como para os seus clientes. Nesta liña tamén prevé a confección do polémico ficheiro que gardará os dados sensíbeis destas persoas e, last but not least, a reforma do Código penal que criminalizará directamente as persoas que exerzan a prostitución. Mais para que isto funcione no plano simbólico é necesario recorrer ao discurso da exploración sexual e do tráfico das mulleres propio do abolicionismo.

A protección deslízase rapidamente cara á represión

A protección deslízase rapidamente cara á represión. Un desprazamento espacial que as levou nun primeiro momento das rúas do centro da cidade ás estradas. Unha desterritorialización que as invisibliza aínda máis, unha criminalización que as culpabiliza de ensuxar as cidades, a sociedade enteira. Una reterritorialización no plano simbólico dun deterioro dos dereitos das mulleres e un pau máis na roda para a conquista dos dereitos sobre a nosa sexualidade e a autonomía. Parafraseando un lema feminista: Fora as súas leis da nosa sexualidade!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.