O Misterio da Santísima Hispanidade

Os dirixentes populares téñennos xa afeitos a este tipo de frases lapidarias: breves e de construción sinxela, pero abondo crípticas e con recendo a falar divino. Aznar dixera nos seus días de gloria gloria que “España es un país. Francia es otro país”. Rajoy confesou hai pouco que “Un plato es un plato y un vaso es un vaso” e que “nadie sabe por que cae el auga del cielo, pero cae”. Pois uns días antes das plebiscitarias cataláns, vai Feijóo e di: “Como gallego, quiero seguir siendo catalán” Que quixo dicir? Que mensaxe nos quixo mandar o profeta de Monte Pío? Porque segundo Aznar, “Galicia es un país. Cataluña es otro país”; e segundo Rajoy, “un gallego es un gallego y un catalán es un catalán”. Acaso Feijóo contradí as doutrinas dos seus antepasados? Isto da Hispanidade vai collendo xa trazas dun misterio misterioso.

Por que é un Misterio? É certo que non hai home que poida chegar a comprendelo? Ollo, nin muller tampouco, e mira que son de comprensión moito mais avultada. Semella que hai un límite ao que a razón humana -aínda en óptimas condición- pode captar e entender. Dado que España é unha Unidade de Destino no Universal -un Ser Infinito-, ningún intelecto creado, por dotado que estea, pode abarcar a súa insondable grandeza. A mais profunda das verdades da fe é esta: habendo unha soa España, existen nela dezasete persoas distintas: Andalucía, Aragón, Asturias, Illas Baleares, Illas Canarias, Cantabria, Castela-León, Castela-A Mancha, Cataluña, Estremadura, Euskadi, Galiza, Madrid, Murcia, Navarra, a Rioxa e Valencia. Hai unha soa natureza divina, pero dezasete Persoas divinas. No creado, a cada natureza correspóndelle sempre unha persoa. Se hai catro persoas nunha leira, catro naturezas humanas están presentes, con independencia do que fagan e da pinta que teñan; se so está unha natureza humana presente, hai unha soa persoa. Así, cando tratamos de pensar en España coma dezasete Persoas cunha e a mesma natureza, atoámonos e, desesperados e impotentes por mor da nosa ignorancia, damos cabezadas nas paredes.

Aínda que esta verdade -España Unha e Decimo Séptupla- non colla dentro dos lindeiros das nosas cacholas, non por iso deixa de ser certa e real. Crémola non porque nola descubra a razón, senón porque Feijoo manifestouna, e El é infinitamente sabio e veraz. Para captala mellor imos ter que agardar a que El se nos manifeste na súa totalidade aló no Ceo; e, do que é mal, non sabemos canto vai tardar o día do Gran Espertar. E ese saber que si vai ser pero sen saber cando é coma saber menos ca nada. No meu desacougo pensei que o mellor sería procurar unha segunda opinión, outra posible interpretación do verbo críptico do noso Presidente, aínda tan novo El e xa tan grande! O meu fillo deambulaba por alí pillando moscas ao agache e non vin mais ninguén polos arredores. E por que non llo pedía a el? Boh, xa sei que o seu currículo non bota por fóra (anda a dar os seus primeiros pasos en aritmética e retórica asemade lorchea balóns nos verdes prados de Louzán), pero ben pode achegar candor e frescura a tanto prexuízo e mala fe.

Amoseille as palabras do Presidente e pedinlle que me dera a súa explicación, se é que tiña algunha. Para o meu abraio, o rapaz abandonou a cacería de moscas, sentou á mesa e comezou a esborranchar nun folio números e contas. Pensei en chamar ao 112, non fora que lle dera unha volta; pero couteime, e crucei os dedos a ver en que daba a cousa. Cando rematou, chamou por min e participoume a súa conclusión. Resulta que Feijóo dixo que é galego e quere seguir sendo catalán; ou sexa, se quere seguir sendo é que xa o é. Polo tanto, e xeneralizando, galego e catalán veñen sendo sinónimos, a mesma trapallada; ou sexa, que galego=catalán, ou o que é o mesmo, catalán=galego. Pero se isto é certo para cataláns e galegos, por que non vai selo tamén para o resto do Estado? Sería un agravio inconstitucional que tal cousa sucedera. Polo tanto, todo asturiano é galego, catalán, vasco, navarro, andaluz, murciano, valenciano ... etecé etecé. Conclusión: En España hai 46 millóns cataláns, 46 millóns andaluces,  46 millóns de valencianos ... En total, 46 x 17 = 782 millóns de habitantes. Despois de China, con 1300 millóns, e a India, con 1200, España ocupa o terceiro lugar mais acugulado do mundo coñecido. Estados Unidos, con ser o que é, anda polos 350, aínda non a metade dos españois.

Chegados a este punto, non sei que produce mais desacougo, se a fe desorbitada do Pai ou a fantasía aritmética do Fillo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.