Emprendedores e Prendedores

En tempos de crise a figura do emprendedor emerxe das fonduras e camiña gallardo sobre as ondas do desánimo, enchendo de auga a boca dos políticos e de esperanza o corazón do resto da xente. Pero que cousa é un emprendedor? Para Richard Cantillon (1700) era aquela persoa que paga un certo prezo para revender un produto a prezo incerto, tomando decisións sobre a procura e usos de recursos, e asumindo en consecuencia o risco da operación; para Schumpeter (1930) tratábase dunha persoa innovadora que buscaba derrubar o status-quo dos produtos existentes para crear novos produtos e servizos; e para Luís Bárcenas (2013), emprendedor é un fervello que emprende toda oportunidade de negocio que se lle pon diante dos fociños. 

Para Luís Bárcenas (2013), emprendedor é un fervello que emprende toda oportunidade de negocio que se lle pon diante dos fociños

Das tres definicións tiramos perfís distintos: o emprendedor de Cantillón semella ser o empresario ou comerciante que especula sobre os prezos futuros e organiza a produción para tal fin; o emprendedor de Schumpeter non é calquera empresario, senón só aquel que introduce no mercado un novo produto, servizo ou proceso produtivo; o emprendedor de Bárcenas ten toda a pinta de ser un raposeiro espelido cunha hipertrofia sensorial, que lle permite ver os cartos incluso na noite pecha ou escoitar o tintín das moedas a distancias quilométricas. Podemos considerar a todos eles emprendedores? Nun senso amplo, si, xa que tanto empresarios, innovadores e pillabáns son, segundo define a RAG os emprendedores, persoas que teñen iniciativa para empezar a facer algo con decisión. Pero tanto a RAG coma os tres eruditos mencionados coinciden nunha cousa; a saber, que os emprendedores son persoas, non animais nin congregacións relixiosas nin institucións públicas.

Que só teñamos por emprendedores ás persoas non é mexericada ningunha. De feito, se a calquera de nós nos paran pola rúa e nos piden nomes de emprendedores, seguro que nos saen empresarios de éxito coma Steve Jobs, Bill Gates, Larry Page, Amancio Ortega, Florentino Pérez ... etecé etecé. Ou sexa, que asociamos automaticamente emprendedor=economía privada, e en lóxica consecuencia, tamén asociaremos o rosario encadeado economía privada=dinamismo económico=innovación tecnolóxica=crecemento económico. Pero corresponde esta asociación causal de conceptos á realidade? Si, pero só en parte. Porque por algúns intereses materiais ou espirituais que sabemos ou supomos, (ou os dous á vez), o sector público non aparece recoñecido por ningures, cando na realidade, incluso nos países campións do capitalismo, está ao fronte de toda a investigación básica e do financiamento da meirande parte das innovacións tecnolóxicas; e sen investigación básica ou sen financiamento nos primeiros estadios incertos e arriscados dos proxectos innovadores, estes nunca serían mais ca ideas atoladas de xente rara que pasa o tempo fedellando en sotos e garaxes no canto de traballar como Deus manda.

O grande mérito de Steve foi desenvolver a partir delas un produto do agrado do consumidor. Ninguén lle quita o mérito, pero é tamén de lei recoñecer o traballo previo imprescindible do sector público

Un exemplo de emprendedor schumpeteriano mundialmente recoñecido foi Steve Jobs, e a sociedade recompensouno facéndoo millonario en cartos e fama. Moita xente en todo o mundo sabe do seu teléfono intelixente Iphone, moitos téñeno e moitos outros soñan con telo algún día. O que que moita xente non sabe é que detrás desa exquisitez TIC hai moito investimento de organismos públicos americanos que facilitaron as tecnoloxías previas necesarias: caché DRAM, baterías de litio, pantalla cristal líquido, microprocesador, pantalla multitáctil, gps, internet, recoñecemento de voz, protocolo http e linguaxe html, ... O grande mérito de Steve foi desenvolver a partir delas un produto do agrado do consumidor. Ninguén lle quita o mérito, pero é tamén de lei recoñecer o traballo previo imprescindible do sector público. Por que a Steve lle chamamos emprendedor e ao Estado lle dicimos rémora bolchevique?

Estes, mais que emprendedores son prendedores, pero fan tanta falta coma os primeiros, porque son moitos mais e conforman o tecido empresarial de calquera país

No 2011, nun acto en León, o daquelas candidato Presidente Rajoy pedía un millón de emprendedores para que España saíra da crise. E de supor que non se refería aos emprendedores schumpeterianos (un millón de tipos raros e estrafalarios agochados nun millón de garaxes sería unha bomba de reloxería) nin aos barcenianos (un millón mais de contas en Suíza rebentarían o sistema bancario helvético); mais ben Rajoy estaba a pensar nos de Cantillón: empresarios e comerciantes de toda a vida, xente que prende nunha idea xa posta en marcha e ben probada e di: “isto tamén o sei facer eu e mellor”. Estes, mais que emprendedores son prendedores, pero fan tanta falta coma os primeiros, porque son moitos mais e conforman o tecido empresarial de calquera país.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.