Como chegou a poesía galega ao “Caravansari”?

Dores Tembrás debulladiña por Antía Marante, Manuel Rivas, Oriana Méndez segundo Arturo Casas, Ana Romaní lida por Silvia Bermúdez e Lois Pereiro traducido por Daniel Salgado e lido por Alberte Valverde… A creación e a crítica recentes reúnese no número 4 de Caravansari, unha revista, fermosa e feitiña, que xorde con vocación de tránsito e encontro.

A revista é lugar de encontro da contemporaneidade e nela a creación e a crítica nas distintas linguas se atopan e conversan, exactamente igual que os mercaderes cando entraban nos caravansaris

Fronte a outras publicacións nas que se optaba polo típico especial (e logo a creación en galego… foise co vento!), polas páxinas de todos os números de Caravansari, sempre, desde o seu número 1, transita a literatura galega. Xurdiu cando seica xa ninguén cría nin na poesía, nin nas publicacións en papel, nin nas revistas de creación, mais o seu director, Mateo Rello, defendía o proxecto con convicción e paixón. A revista é lugar de encontro da contemporaneidade e nela a creación e a crítica nas distintas linguas se atopan e conversan, exactamente igual que os mercaderes cando entraban nos caravansaris.

Neste último número, entre nomes coñecidos (Jordi Pàmias, Gamoneda, Rikardo Arregui, Cernuda, Kirmen Uribe) e outros que non o son tanto, aparece unha escolma de poetas mexicanos e unha entrevista a poetas que decidiron meterse a editar (Rosa Lentini, Esther Prieto, Pere Gimferrer, Jesús Munárriz e Sergio Gaspar). Polo medio deles transita a tribo. Antía Marante analiza nun longo artigo, intenso e esclarecedor, a fotografía e as pegadas da memoria na obra de Dores Tembrás, que participou en Barcelona Poesia no ano 2011. Procuren o vídeo no youtube e aproveiten para sentir a presentación de Marta Font.

Na sección de entrevista, un Kirmen Uribe que fala sen cancelas e un Manuel Rivas a termar dos silencios, responden ás preguntas do editor sobre a poética e a escrita contemporánea. Nas páxinas de creación, canda os inéditos de Tembrás e Rivas, recóllese unha escolma de Lois Pereiro a partir da obra completa publicada pola editora barcelonesa Libros del Silencio. E na sección de crítica, na que aparecen moitos poemarios portugueses e cataláns, batemos con libros recentes de Oriana Méndez, Ana Romaní e Lois Pereiro.

Como chegou a poesía galega ao Caravansari? A resposta ten nome: Fina Iglesias. Co seu labor infatigábel e silandeiriño de tradutora e coordenadora dos contidos galegos, a tribo transita por esta revista de Santa Coloma

Como chegou a poesía galega ao Caravansari? A resposta ten nome: Fina Iglesias. Co seu labor infatigábel e silandeiriño de tradutora e coordenadora dos contidos galegos, a tribo transita por esta revista de Santa Coloma. Que non atopan exemplares? Póñanse en contacto coas principais librarías de Barcelona, Sargadelos incluída.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.