Magnetismo e transcendencia na política

Hai mais de dous mil anos, na cidade asiática de Magnesia, un aborixe de temperamento curioso e sen moito que facer, tropezou nunha pedra negra e, mira ti por onde, descubriu que turraba das cousas de ferro contra si. Pero houbo que agardar ata o ano 1600 para que aparecera publicado o primeiro tratado serio e completo de magnetismo,  baixo o título De magnete e da autoría dun tal William Gilbert, británico el. Fixádevos ata onde tiven que ir dar para darlle consistencia ás miñas sospeitas. Agora volas conto.

Nas municipais 2003, eu ía de 11 na lista bloqueira de Lalín e sacamos 3 concelleiros; nas do 2007 ía de 8 e sacamos tamén 3; nas do 2011, fun de 5 e sacamos 2; e, por último, nas deste ano, ía de número 2 e sacamos 1 só concelleiro

Os feitos observados historicamente son os seguintes:  Nas municipais 2003, eu ía de 11 na lista bloqueira de Lalín e sacamos 3 concelleiros; nas do 2007 ía de 8 e sacamos tamén 3; nas do 2011, fun de 5 e sacamos 2; e, por último, nas deste ano, ía de número 2 e sacamos 1 só concelleiro. Xa digo, admiten as mais variadas interpretacións , pero os datos están aí, e son públicos e contrastables. Cales son logo as miñas sospeitas? Pois que igual a teoría do magnetismo nos da unha explicación á serie de datos exposta. Resulta que o tal magnetismo da materia ven sendo o resultado do movemento dos electróns nos átomos das sustancias; e cun chisco de esforzo podemos imaxinar o interior do noso corpo cheo de electróns viaxando en bandadas coma tolos dun lado cara outro e sen paradura, coma biosbardos no solpor do parque de Rosalía de Castro.

Pois resulta que, segundo a teoría, os electróns con distinta dirección atráense e os que levan a mesma dirección, repélense. A saber, está claro que os electróns da miña dona e mailos meus deben mirar para cadanseu lado e, pola contra, os electróns do gato Grissom e mailos da auga deben ser cuspidiños. De ser isto certo e así, os meus electróns e mailos dos compatriotas lalineses son coma dúas pingas de auga e, como non podía ser doutro xeito, repélense (nin eu lles gusto a eles, nin eles me enchen moito o ollo, todo hai que dicilo). Partindo desta base, e xa con algo claro, afondamos no estudo da serie de datos e chegamos á seguinte conclusión: o magnetismo inverso (Sucasas, lalineses) queda definido pola ecuación lineal pl=3c-1, sendo pl=posto na lista e c=concelleiros obtidos, e para un campo magnético definido polos valores 0 ≤ pl ≥ 8 . Para valores pl > 8 non hai tal campo magnético nin farrapos de gaita, xa que o candidato subiu do posto 11 ao 8 e os concelleiros obtidos foron os mesmos

O magnetismo inverso (Sucasas, lalineses) queda definido pola ecuación lineal pl=3c-1, sendo pl=posto na lista e c=concelleiros obtidos

E xa metidos en fonduras científicas podemos dar un paso mais e da teoría do magnetismo pasar á teoría da transcendencia, da física á metafísica, pero sen perder o fío da cuestión que nos ocupa. A física demostrou que o meu fracaso electoral é debido a un rexeitamento magnético causado por partillar o mesmo tipo de electróns cos meus veciños votantes. “Si, é boa xente e moi simpático, pero ... non sei”, así che contestan se lles preguntas por min. Ese “pero ... non sei” é o rexeitamento magnético, do que seguramente non son conscientes e non saben como explicar. E aquí entra a transcendencia. O político de éxito transcende aos seus votantes, non é un deles, está mais arriba e mais alá deles. A marca “É un dos nosos, é coma nós” é un conto de maría castaña, un mito interesado mais. O votante estarrica o pescozo, mira cara arriba e quere ver algo que estea por riba del, sexa o crego no altar, sexan os músicos da París de Noia na cima do palco ou sexa o alcalde presidente falando dende o balcón principal do pazo consistorial. Ata os speakers´ corner do Hyde Park londinense soben riba dun tallo para elevarse sobre sobre a mirada dos viandantes.

A física demostrou que o meu fracaso electoral é debido a un rexeitamento magnético causado por partillar o mesmo tipo de electróns cos meus veciños votantes.

En resumo, o meu fracaso electoral está xa diagnosticado e ben explicado cientificamente, quedando así descartada calquera enfermidade rara ou eiva vergoñenta do animal: o magnetismo inverso e a falla de transcendencia (que son intranscendente, vaia por Deus) teñen a culpa. E todo por ser “un de tantos”, “un coma eles”. E resulta comprensible que a veciñanza votante razoe: para ser coma min, xa estou eu e abonda xa, para que raios quero mais? Eu quero alguén no que vexa que outra vida mellor é posible; e que non só é posible, senón que é real e estouna vendo diante miña. Eu quero esperanzas e ilusións, e ti, Sucasas, ti non mas das. Aínda que sexan esperanzas vas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.