Unha vez era un alemán, un grego e mais un galego

Aló polos primeiros 80, nun solleiro día de verán, Ía eu detrás do rabaño de vacas, afalándolle coa vara e tornándolle como podía os feros tabáns que se lles pousaban no lombo, e coa fouce e mailo gallete de rozar enriba do ombreiro. Así me retratou un amable turista de pantalón curto e pelo rubio, despois de pedirme permiso con acenos e sorrisos que eu entendín de contado. Dankeschon, díxome cando rematou de disparar. Bitteschon, respondinlle eu, coma quitándolle importancia ao asunto. Non o sei certo, pero o mais probable é que me retratara porque o ecosistema aquel das vacas, as congostras e mais eu lle debeu parecer unha estampa medieval. Para eles, nós eramos atrasados e riquiños.

A comezos dos 90, as balanzas de Pagos por conta corrente dos países do Norte-Centro (Alemaña, Holanda, Inglaterra,  Bélxica, Francia....) e do Sur (Italia, España, Portugal, Grecia...) comezaron a diverxer de xeito uniforme

Dez anos despois, a comezos dos 90, as balanzas de Pagos por conta corrente dos países do Norte-Centro (Alemaña, Holanda, Inglaterra,  Bélxica, Francia....) e do Sur (Italia, España, Portugal, Grecia...) comezaron a diverxer de xeito uniforme: canto mais medraba o superávit nas constas do Norte, mais medraban tamén os déficits nas contas do Sur. Como o comercio intraeuropeo era grande, as exportacións duns países implicaban necesariamente as importacións equivalentes dos outros países membros. Un chisco antes do estoupido da crise, no 2006, os primeiros presentaban un superávit medio do 6% do PIB, e os do Sur un déficit do 10%. Daquela chegou a crise e certo discurso interesado comezou a aguilloar o conflito entre os países do Centro-Norte e os da periferia (aos que chamaban “PIGS” xogando coas iniciais dos países en cuestión), porque estes últimos seica desbaldían a mancheas o aforro dos seus esforzados veciños. E non é así o conto.

O actual conflito da eurozona é froito dunha práctica bancaria moi espallada a partires dos 90: unha serie de grupos financeiros internacionais adquiren cartos nos mercados maioristas a tipos de xuro baratos e recolócanos a tipos mais altos por todo o mundo

O actual conflito da eurozona é froito dunha práctica bancaria moi espallada a partires dos 90: unha serie de grupos financeiros internacionais adquiren cartos nos mercados maioristas a tipos de xuro baratos e recolócanos de seguido a tipos mais altos por todo o mundo. Entre os grupos mais activos están: Barclays Bank, Bank of Scotland, Royal Bank of Scotland, Société Générale, Dresdner Bank, Deutsche Bank, BS, Commerzbank, Dexia, Unicredit ...; ou sexa, grupos bancarios ingleses, alemáns, franceses, belgas, suízos..., que financiaban alegremente as entidades financeiras da periferia para, entre outros destinos, facilitar as exportacións duns e importacións dos outros. Cando os mercados maioristas deixaron de repente de cichar fondos,  os grupos mencionados mais arriba víronse na obriga de retirar o seu apoio aos bancos e caixas de aforro da periferia europea. Pero estes fondos maioristas eran globais e de orixe moi diversa, polo que non ten ningún sentido falar de que os países do norte aforraban para financiar o gasto dos do Sur. E tampouco o tal gasto era unha festa rachada, xa que tal nivel de gasto en consumo e infraestructuras beneficiou as exportacións dos países do Norte e  fixo mais doadas e pracenteiras as viaxes de lecer dos seus turistas.

Para eles, seguiamos sendo atrasados, pero xa non tan riquiños coma cando iamos afalando o rabaño de vacas ou guiando o arado de pau trala xugada

Un día destes que pasou, na cafetería do Hotel Gallego de Albarellos de Monterrei, unha parella de turistas rubios daban conta dunhas cervexas e mais uns sándwichs completos. Na tele botaban imaxes da rubia Angela Merkel e o grego Alexis Tsipras, asemade contaban que Europa non podía recuar diante dos desbaldidores e nugalláns. Entendín que realmente Europa era Alemaña e Outros e, algo así coma Montoro y Asociados, Rivera e Hijos, ou Dominguez e Cia. Eu pedira un café con leite grande e enchoupaba nel unhas madalenas en honor de Antonio Recio, o peixeiro maiorista de Montepinar. A parella teutona farfallaba  non sei que e de cando en vez viraban a cabeza cara min. Ou o soñei ou xúrovos que vin fachenda e desprezo naqueles ollos claros. Seguramente estaban a pensar que eu non era digno de partillar o mesmo espazo ca eles. “Claro, aí o tes, rillando madalenas nun hotel de tres estrelas ..e seguro que aquel bmw que hai alí aparcado é seu ... logo pretenden ser coma nós!” diríalle o home á muller, enrabechado e ofendido. Para eles, seguiamos sendo atrasados, pero xa non tan riquiños coma cando iamos afalando o rabaño de vacas ou guiando o arado de pau trala xugada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.