A insoportable levidade das alternativas ao caos

Pois cada día semella máis evidente que aquilo do caos sistémico do que tanto levan escrito Inmanuel Wallerstein e Giovani Arrighi (e que Xosé Manuel Beiras popularizou entre nós) non ía desencamiñado. Aínda que eles falaban do caos macro que provoca a crise de hexemonía da potencia americana nun momento no que novas hexemonías están a conformarse pero aínda se atopan nunha fase inmatura, este caos sistémico macro parece ter tamén as súa réplicas noutros niveis micro.

Así, da serie de despropósitos que está a protagonizar a monarquía española (o caos non estriba tanto na existencia deses despropósitos como no feito de que saibamos deles), ás voltas coa idoneidade do sistema autonómico como vertebrador territorial de España, pasando polo directo cuestionamento da continuidade do Estado do benestar que se creara a través da financiarización da economía española para lexitimar a "reforma pactada", fálanos de que outro relato, o da Transición da ditadura franquista á democracia liberal, está tamén a vivir o seu momento caótico á espera de que unha nova narración, naturalmente apoiada en feitos, recoloque ou cree ex novo as maltreitas estadas que suxeitan o edificio hispano todo. A nivel galego, tamén o nacionalismo está a padecer a onda expansiva do caos sistémico. A sensación de que cómpren novas teorías e novas prácticas para unha realidade escorregadiza cuxos presupostos e alicerces semellan esboroarse ao noso arredor está a provocar un sismo particular no que existe de cidadanía organizada neste noso país.

Ese 'gaullismo de esquerdas' non sería outra cousa que a posta en práctica de certas ideas da socialdemocracia (capitalismo regulado, redistribución, nacionalización, sentido da soberanía forte) unido a unha certa recuperación do concepto "pobo"

No nivel macro a esperanza das clases subalternas semella depositarse niso que Jorge Vestrynge gusta de chamar gaullismo de esquerdas (afortunadamente, polo de agora ese gaullismo de esquerdas non asumiu os prantexamentos cripto-xenófobos de Vestrynge) e que non sería outra cousa que a posta en práctica de certas ideas da socialdemocracia (capitalismo regulado, redistribución, nacionalización, sentido da soberanía forte) unido a unha certa recuperación do concepto "pobo" (entendido ao xeito do "Populismo" de Ernesto Laclau, como o significante baleiro que encarna ao conxunto de demandas democráticas dos de abaixo) e que estaría a ter en Latinoamérica o seu foco de difusión e, na Francia do Front de Gauche, a súa emulación para o marco europeo.

A recente nacionalización da petroleira YPF a cargo do goberno arxentino, un exemplo palmario deste gaullismo de esquerdas, está a provocar no Estado español dous comportamentos en apariencia encontrados: o dos que reaccionan mediante o patrioteirismo primario denunciando a agresión arxentina aos intereses españois e o dos que, sabedores de que os intereses dos cidadáns nada teñen que ver cos dunha multinacional como Repsol, ven o xesto arxentino con envexa e como a proba esperanzada de que o concepto de soberanía aínda florece nalgún lugar (aclarar que esta visión non pertence unicamente aos que se senten nacionais das nacións sen estado senón tamén a moitos dos que se senten nacionais españois). As dúas reaccións teñen como común denominador considerar á nación como o principal espazo político.

Como contrapartida, o xesto do goberno Kirchner dános tamén un valioso indicio dos límites contra os que poden bater, no futuro, as políticas socialdemócratas no mundo globalizado e multipolar. A loita polo control de recursos enerxéticos escasos e o repregramento en lóxicas puramente nacionais é o embrión dun mundo que, malia poder albergar en certas rexións políticas máis redistributivas que as do neoliberalismo (o cal non é difícil), pode desembocar nunha guerra total (quente ou fría) de grandes zonas económicas contra outras. É este, en última instancia, o verdadeiro talón de Aquiles da estratexia socialdemócrata: non ser unha alternativa global nin no que ten que ver coa dependencia de recursos enerxéticos finitos nin no que ten que ver coa redistribución económica a escala mundial nin, por suposto, no que ten que ver cun mundo rexido polo militarismo no que a  inmunidade real só se adquire mediante a posesión de armas nucleares.

É probable que IU procure, apoiándose na potente narración republicana, desenvolver a versión hispana do gaullismo de esquerdas populista

En canto ao Estado español, e ante o abandono polo PSOE do espazo socialdemócrata, é probable que IU procure, apoiándose na potente narración republicana, desenvolver a versión hispana do gaullismo de esquerdas populista. Un renacer da idea de pobo español enfrontado ao capital sen patria que se poderá reforzar puntualmente coa emerxencia do españolismo centralista de UPyD (o Barómetro de abril feito por Metroscopia para El País mostraba un desgaste do bipartidismo e unha suba tanto de IU como de UPyD); se ben UPyD, máis cedo que tarde, terá que abandonar a súa ambigüidade en materia socioeconómica (menos crible con apoios como o dado á Lei de estabilidade orzamentaria do PP) o cal é probable que mine bastante a súa credibilidade en tanto que partido nacionalista e o confine ao que é: un partido personalista nacido da xenreira ás nacións periféricas.

No que toca ao novo nacionalismo galego que se tenta articular arredor do chamado Novo Proxecto Común semella que a influencia desta corrente neo-gaullista de esquerdas, ou, se se prefire, de socialdemocracia soberanista, será fonda

No que toca ao novo nacionalismo galego que se tenta articular arredor do chamado Novo Proxecto Común semella que a influencia desta corrente neo-gaullista de esquerdas, ou, se se prefire, de socialdemocracia soberanista, será fonda. En primeiro lugar porque, ao se tratar dun movemento político que reivindica o dereito a gobernarse por si propio dun pobo sen estado, ten xa moi andado, no seu nacionalismo e/ou galeguismo, a referencia populista presente neses outros proxectos que triunfaron ou que están a xurdir con forza noutras latitudes. En segundo lugar, se, como parece, o NPC está chamado a aglutinar un abano amplo de sensibilidades que van do centro esquerda aos movementos sociais alternativos (bastante semellante ao Front de Gauche, por certo) é máis que probable que sexa arredor de políticas reivindicadoras dun reformismo forte e da defensa do territorio que se atope o espazo de intersección entre un conxunto de proxectos cuxas propostas maximalistas teñen pouco que ver.

A realidade xa se encargará de abrir novas posibilidades e novas rotas que poidan crear a nova esquerda do mundo globalizado, o novo internacionalismo dunha esquerda abocada, por máis que mire para outro lado, a pensar o planeta coma un todo

Así, en tempo de caos sistémico, e ante a falta dunha estratexia e dun discurso mellor na esquerda (e, sobre todo, viable) semella que, malia as súas limitacións, a idea de reformismo forte e a de soberanía son un primeiro chanzo no que comezar a imaxinar un mundo libre do xugo neoliberal e da súa ditadura dos mercados. Sabendo xa de antemán que nin un nin o outro son a panacea compre ir andando o camiño paso a paso. O carácter dialéctico da realidade e a nosa propia consciencia de que estamos a apostar por un camiño tremendamente continxente xa se encargarán de abrir novas posibilidades e novas rotas que poidan crear a nova esquerda do mundo globalizado, o novo internacionalismo dunha esquerda abocada, por máis que mire para outro lado, a pensar o planeta coma un todo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.