A privatización sanitaria, apoiada por unha casta profesional

Nos últimos anos está avanzando unha estratexia a gran escala que ten por obxectivo principal desmontar o actual Estado de benestar e apropiarse dos orzamentos dedicados aos servizos públicos. En sanidade hai unha alianza económico-política que ven desenvolvendo un labor calado pero efectivo para apropiarse do control dos centros asistenciais e dos orzamentos sanitarios das comunidades autónomas (CCAA). 

Nos últimos anos está avanzando unha estratexia a gran escala que ten por obxectivo principal desmontar o actual Estado de benestar e apropiarse dos orzamentos dedicados aos servizos públicos

No Club Gertech (organización dedicada a divulgar ideoloxía neoliberal e a establecer estratexias privatizadoras na sanidade) participan universidades, centros de investigación, empresas de informática e tecnoloxía sanitaria, laboratorios farmacéuticos, fondos de investimento (sobre todo de EEUU e China) e grupos de comunicación; constitúen un potente lobby que pretende facerse co control do “negocio” sanitario, coa complicidade dos gobernos central e autonómicos e de certos profesionais do sector.

Estas organizacións, de forma coordinada, pretenden apoderarse da información xerada polo Sistema Sanitario Público (SSP) en relación coa saúde da poboación e das persoas; controlar a planificación estratéxica (compras, procesos asistenciais, sistemas de información, etc.), a xestión dos centros sanitarios (Lei 15/97) e o funcionamento dos servizos asistenciais por medio das Áreas de Xestión Clínica (AXC);  e “obrigar” ao SSP a adquirir os seus custosos produtos tecnolóxicos. O fin último é ben claro: apropiarse da maior parte dos orzamentos sanitarios (que representan o 40% do presuposto das CCAA).

 

Misión privatizadora da Áreas de Xestión Clínica

As Áreas de Xestión Clínica (AXC) teñen encomendada a misión de privatizar a xestión dos servizos asistenciais hospitalarios e de Atención Primaria (AP), modificando a súa estrutura organizativa e funcional

Como parte esencial desta estratexia, as Áreas de Xestión Clínica (AXC) teñen encomendada a misión de privatizar a xestión dos servizos asistenciais hospitalarios e de Atención Primaria (AP), modificando a súa estrutura organizativa e funcional.

Queren presentar as AXC como unha fórmula para integrar os servizos asistenciais e dar participación e poder de decisión aos profesionais;  en realidade están destinadas a fraccionar os centros en múltiples empresas (coa finalidade de discriminar as máis rendibles para os inversores privados) e a reforzar o control da Administración a través de directores nomeados “a dedo” polas Xerencias con capacidade para contratar, incorporar novos produtos e ampliar ou restrinxir as carteiras de servizos. Para rematar, as AXC contarán con Consellos de Dirección nos que se poderán  integrar representantes dos colaboradores e inversores do sector privado.

En Galicia, polo momento, estas Áreas non teñen entidade xurídica propia (como contempla a proposta do Ministerio de Sanidade) o que as transformaría en auténticas empresas independentes; mais todo parece indicar que si terán orzamento propio, persoal laboral (grazas ao cambio no Estatuto Marco realizado, de maneira tramposa, no verán de 2013), que percibirán incentivos económicos vinculados ao aforro, e gozarán de autonomía e capacidade para vender os seus produtos a outros servizos ou centros, creando un auténtico mercado sanitario interno.

 

Actuación complementaria

Este lobby está conseguindo a colaboración entusiasta dos gobernos do PP nunha serie de medidas encamiñadas a avanzar na privatización

Paralela e complementariamente, este lobby está conseguindo a colaboración entusiasta dos gobernos do PP nunha serie de medidas encamiñadas a avanzar na privatización: cambiar a estratexia de atención a enfermos crónicos, orientándoa á utilización de aparellos tecnolóxicos instalados nos fogares (en lugar de coidados por persoal especializado); privatizar o sistema de información do SSP para poñelo ao servizo das multinacionais sanitarias (historia clínica electrónica, redes informáticas, sistemas de información e citas aos pacientes, Call Center etc.); ceder ao sector privado o control dos programas e actividades de investigación financiadas con fondos do SSP; apoiar a implantación e difusión das innovacións tecnolóxicas (fronte á promoción e prevención a cargo da AP); e ceder a empresas de consultoría e multinacionais sanitarias a formación do persoal sanitario.

Todo iso sen renunciar aos copagamentos impostos, á colaboración público privada da construción e xestión dos novos centros (PFI), á privatización dos servizos (que chaman externalizacións),  nin ao incremento dos concertos co sector privado.

 

Grupos profesionais que colaboran activamente nesta estratexia

O potente lobby privatizador conta coa colaboración activa de grupos profesionais que están sendo cómplices neste continuado e grave ataque contra o SSP a cambio de prebendas menores

O potente lobby privatizador conta coa colaboración activa de grupos profesionais que están sendo cómplices neste continuado e grave ataque contra o SSP a cambio de prebendas menores, de manter os seus privilexios persoais e corporativos e da posible obtención de beneficios no futuro. Tamén pode haber profesionais que teñan conflitos de interese coa industria tecnolóxica, coas empresas farmacéuticas e cos fondos de investimento. A súa posición non está condicionada polo beneficio xeral da poboación senón por intereses particulares ou empresariais.

Algúns grupos, con escasa representatividade no sector sanitario pero marcada tendencia progubernamental, están apoiando a implantación destas políticas: FACME (Federación de Asociacións Científico Médicas); SEDISA (Sociedade Española de Directivos da Saúde, integrada por directivos de centros sanitarios públicos e privados); FPME (Foro da Profesión Médica, integrado por organizacións como a OMC -Organización Médica Colexial-, a  CESM-Estatal -Confederación Española de Sindicatos Médicos-, a Conferencia de Decanos de Medicina etc.). 

Nos foros e nos documentos publicados por estas organizacións defenden abertamente as medidas que reclama o lobby privatizador e que o goberno decreta con dilixencia. Son os cómplices necesarios para que se apliquen con tanta rapidez estas medidas que pretenden:  impoñer ás AXC, transformar os hospitais en empresas autónomas, laboralizar aos sanitarios, desenvolver a I+D+I financiada con diñeiro público pero baixo control do sector privado, incrementar as externalizacións de servizos, xeneralizar as novas formas de xestión (Lei 15/97), promover a gobernanza  dos centros por “expertos”  sen participación profesional, favorecer a libre elección de centro para potenciar o mercado sanitario interno e mesmo introducir tickets moderadores para limitar o acceso dos pacientes aos servizos.

Todas estas actuacións, e outras que non se enuncian, aplícaas o Goberno, de maneira silenciosa e clandestina, provocando un desgarro definitivo no SSP que tivemos ata agora. Todas estas medidas, tan negativas para a poboación e os profesionais, son aplicadas coa complicidade das organizacións citadas, que non son representativas do sector pero figuran como asinantes dun “Pacto Estatal pola Sanidade” que pretende da luz verde a esta estratexia de demolición.

Tamén favorecen o uso intensivo de tecnoloxías –responsables do incremento do gasto sanitario irracional- que poden provocar iatroxenia e potenciar as desigualdades en saúde

Estas medidas supoñen un cambio solapado, pero moi profundo, do actual modelo sanitario establecido pola Lei Xeral de Sanidade de 1986 (universal, equitativo, accesible e redistributivo, baseado na promoción da saúde e na AP). Perpetúan o modelo hospitalocéntrico en detrimento da AP e da atención á dependencia.  Tamén favorecen o uso intensivo de tecnoloxías –responsables do incremento do gasto sanitario irracional- que poden provocar iatroxenia e potenciar as desigualdades en saúde.

 

Por unha alianza social e profesional

É urxente consolidar unha gran alianza social e profesional en defensa do SSP fronte a este lobby privatizador

É urxente consolidar unha gran alianza social e profesional en defensa do SSP fronte a este lobby privatizador, que conta coa colaboración cómplice dun pequeno pero influinte grupo de profesionais, que  pretenden apoderarse do orzamento sanitario por medio de diferentes tácticas. O sector sanitario ten que  facer visible o seu rexeitamento desta estratexia que pon en risco o propio SSP, o dereito á asistencia sanitaria da poboación e a protección dunhas condicións de traballo dignas para os traballadores sanitarios.

 

Asinan:

  • Manuel Martín García. Presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP).
  • Pablo Vaamonde García. Médico de Familia. Exdirector xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.