La mort de la France

Publicaba o diario global que algúns deputados socialistas franceses estaban revoltados coas medidas de austeridade que viña de anunciar o flamante primeiro ministro, e competidor co FN en materia de racismo, Manuel Valls. Na nova incluíase tamén unha cita de Alain Minc, conselleiro neoliberal de Sarkozy, que dicía o seguinte: "No fondo, Mitterrand desembarazounos do comunismo; agora, Hollande, desembarázanos do socialismo. Isto é, para Francia, un xigantesco paso adiante".

Neste momento, cando o groso da esquerda oficial está instalada no wishfull thinking (que é a forma máis decorosa do non-pensamento), é a dereita desacomplexada quen fai as análises (real)políticas capaces de tirar todas as crúas conclusións da realidade

A frase é dunha grande lucidez e demostra algo que, non por doroso, é menos certo: neste momento, cando o groso da esquerda oficial está instalada no wishfull thinking (que é a forma máis decorosa do non-pensamento), é a dereita desacomplexada quen fai as análises (real)políticas capaces de tirar todas as crúas conclusións da realidade.

O movemento comunista, en tanto que movemento autónomo de masas, segue soterrado nos cascotes do xa lonxano muro de Berlín e dedícase a presentarse ás eleccións coa esperanza de poder, nalgún momento, aplicar políticas socialdemócratas; os socialdemócratas son, literalmente, walking deads: mortos camiñantes que aparecen nos medios coas súas rosas e as súas reivindicacións, sempre en clave cultural e de dereitos civís, sen tomaren consciencia (ou tomándoa cinicamente) de que aquela caída do muro que experimentaran coma un vitoria histórica sobre a outra familia da esquerda fornecía, en realidade, das pedras coas que haberían labrar a súa propia lápida.

Aurélien Barnier, un intelectual francés vencellado a ATTAC e ao Front de Gauche e partidario do que en Francia chaman desmundialización, pono negro sobre branco na tese que defende en La gauche radicale et ses tabous (A esquerda radical e os seus tabús): a aceptación do marco da Unión Europea post-Maastricht por parte do PCF francés de Robert Hue, isto é, do PCF socialdemócrata que ficou tras Mitterrand, do que fala Minc, foi o último cravo da esquerda francesa no seu propio ataúde aceptando un grillete que lle impedirá levar a cabo o seu programa. Barnier sitúa en Maastricht o inicio do ascenso de Le Pen. Unha Fronte Nacional ao que se lle deixou todo o espazo político para facer un discurso que, non por demagogo e racista, presenta, en materia económica, un verniz menos antiliberal.

Francia era, no reparto de poder da UE, o contrapeso histórico ás ansias imperiais alemanas que hoxe campan de Fisterra a Kiev

Esta mort de la france que diría Matt Eliott é o lugar no que estamos e a revolta dos deputados socialistas, que xa veremos en que acaba, a anécdota contrapuntística dunha traxedia para todo o sur de Europa, posto que Francia era, no reparto de poder da UE, o contrapeso histórico ás ansias imperiais alemanas que hoxe campan de Fisterra a Kiev.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.