Non te deixes influír!

Creo que ainda non é demasiado tarde para construir unha utopía que nos permita compartir a terra.
    Gabriel García Márquez.

Hoxe é o Dia Internacional da Nai Terra, a Pachamama, como din os pobos orixinarios. Un día para lembrar as amenazas da especulación e o lucro fácil sobre os recursos naturais, que baixo excusas do crecemento e gobernos consentidores e calados amputan a terra co único obxectivo da riqueza. Ben saben en Corcoesto ou o Pobo Mapuche. E para falar desas alianzas empresas gobernos quería traer o exemplo  nos temas agrarios.

O que pretenden os grupos de presión é influír na toma de decisión para que exista un marco o menos obrigatorio posible para reforzar a agroindustria das grandes corporacións do agrobusiness

Rematei de ler o libro sobre os lobbies europeos do noso colega de grupo parlamentar, o activista e eurodeputado José Bové, que describe letra con letra a realidade, a súa influencia nos procesos de decisión das institucións europeas, pouco democráticos e nada transparentes. Estes grupos de presión, vendidos á competencia por riba das persoas, vendidos ao poder por riba da democracia, acampan ás súas anchas polos corredores parlamentares, petan nas portas, insisten, chaman, manipulan. Pero nós, non nos deixamos influír! Debémonos á xente, a defender un modo de vida digno, e debémonos á ética do que nos pediron os pobos cando nos escolleron: non deixarse influír por eses compartamentos tan estendidos destes entes que só pensan na ganancia saltándose todas as regras democráticas. O que pretenden os grupos de presión é influír na toma de decisión para que exista un marco o menos obrigatorio posible para reforzar a agroindustria das grandes corporacións do agrobusiness. Esas mesmas compañías que expulsan do Cauca aos produtores por plantar soia, esas mesmas que fumigan nos campos paraguaios e matan en Curuguaty, esas mesmas que arrasan os ríos no territorio mapuche.

A PAC é un gran negocio para produtores de grande ascendencia política en Bruxelas, xa que poden acceder a outros mercados alén do seu

Un exemplo claro desa influencia é na Política Agraria Común, a famosa PAC, a máis antiga das políticas comunitarias. Naceu para garantir a autosuficiencia alimentaria en Europa, harmonizando a produción agraria e garantíndolle a quen produce unhas rendas mínimas. Despois da reforma de 1992, a PAC é un gran negocio para produtores de grande ascendencia política en Bruxelas, xa que poden acceder a outros mercados alén do seu, e é máis dificultosa para países como Galiza que vemos limitada a nosa capacidade produtiva para facilitar a supervivencia das pequenas e pequenos produtores.  Nese ano caen as barreiras comerciais e a UE cede ás esixencias do comercio internacional auspiciadas polos Estados Unidos, coa desregulación progresiva dos mercados e as regras ditadas pola OMC. A idea orixinal da solidariedade múdase pola de competencia. Igual que noutras políticas europeas. As consecuencias foron evidentes: eliminación de pequenas e pequenos produtores, concentración da produción, perda de soberanía alimentar e maior dependencia da importación de proteínas vexetais, a aposta por un modelo de agrobusiness que confrontaba modelos como o galego. Pois ese modelo é o que impera nas decisións das institucións europeas. E quero mencionar esa colaboración en relación coa inxusta reforma da Política Agraria Común, que foi un dos grandes temas desta lexislatura e que marcou xa o que vai ser esta política europea de aquí a 2020

Por iso dende o Parlamento Europeo, eurodeputadas e eurodeputados que pensamos diferente porque cremos noutro modelo de agricultura, votamos contra da PAC

Por iso dende o Parlamento Europeo, eurodeputadas e eurodeputados que pensamos diferente porque cremos noutro modelo de agricultura, votamos contra da PAC, porque era inxusta, porque no seu enfoque dominaban esas pérfidas prácticas dos lobbies malos, e porque defendiamos que a agricultura ademais dun fin de produción alimentos, ten un fin social e de vertebración do territorio. En Galiza, o 34,87% da poboación vive en núcleos rurais que ocupan case o 90% do territorio; moitas vilas, parroquias e lugares viven da producion agraria, e en termos de emprego, as explotacións agrogandeiras teñen o maior peso do conxunto do estado, cunha altísima especialización do agro galego na produción de leite, que sofreu unha gran transformación inducida pola UE e totalmente consentida polos sucesivos gobernos españois. O noso agro sofreu un dramático sacrificio a favor doutros Estados e tivo o sector que investir moito co fin de competir cun mercado único que nos impoñía malas condicións de partida como unha lousa.

Arias Cañete, que en lugar de defender un modelo produtivo como o galego, deixou tirada a Galiza para salvar regadíos e campos de golf

Por iso, tamén nesta reforma xa pechada que vai marcar unha década, numerosas voces dixemos que non a que se afogue ao noso agro e non a estas políticas erradas. Como as que aplicou o candidato do Partido Popular Arias Cañete, que en lugar de defender un modelo produtivo como o galego, deixou tirada a Galiza para salvar regadíos e campos de golf. Con motivo da reforma, reuniuse con eurodeputadas e eurodeputadas, e cando a representante do Bloque sacou o tema do futuro do sector despois de que en marzo de 2015 rematen as cotas, mudou de tema. Mentres Bruxelas permitía plans de desenvolvemento rural descentralizados, como o que ten Escocia, Cañete acaba de pechar un plan centralizado e que fai perder a Galiza nada máis e nada menos que 300 millón de euros. Un candidato que prima uns tipos de agricultura no canto doutra e que prefire, igual que preferiu a maioría dos seus correlixionarios conservadores na Eurocámara apoiar a quen ten terra e non a quen a traballa.

Unha das persoas coas que máis traballei como eurodeputada galega con ese obxectivo,  foi sen dúbida José Bové

Con este panorama de partida do que foi a reforma, entre institucións que se ven influídas por poderosos lobbies do agrobusiness, porque seus dirixentes asi o queren, no Parlamento Europeo -coa dinámica da codecisión que existe dende 2009, tratamos de chegar a acordos e compromisos na maré da diversidade de opinións, ollares nacionais e actitudes. Esa foi sempre nosa actitude como representantes do Bloque para defender alí a Galiza. E unha das persoas coas que máis traballei como eurodeputada galega con ese obxectivo,  foi sen dúbida José Bové. Como camarade do grupo Verdes-Alianza Libre Europea -no que está integrado o BNG no subgrupo nacionalista da ALE- estabamos xuntos no grupo de traballo do agro do noso grupo parlamentar. 

Miranda, con José Bové

No hemiciclo, sentábame xusto diante del e sempre falabamos moito de política -que se de Lampedusa, que se da pesca artesanal, que se do medio ambiente, que se da espionaxe, dos inxustos acordos internacionais como o de Marrocos-UE ou da agricultura biolóxica-.  Colaborou moito con nós, non só nos temas agrarios senón tamén na defensa dos dereitos colectivos, apoiando propostas da ALE e mantendo unha estreita relación co noso eurodeputado corso François Alfonsi. Eleito en 2009, atopámonos de novo na Eurocámara,  despois de coincidir moitas veces dende o Foro Social Mundial alén mar a outra serie de actividades europeas. Gostou moito do repenique  dado ao Comisario nun dos múltiples debates que houbo no hemiciclo en 2012, con aquelo de  “Meu País, Galiza, é unha nación leiteira”. Agora é candidato á Comisión Europea, unha persoa de fiar, que entende a cuestión nacional e que defende a terra.  Tantas veces que saímos manifestarnos nas portas do Parlamento en Estrasburgo para apoiar os grupos de agricultores e agriculturas e asociacións que defendían esa PAC máis xusta e que mudaran as regras, mentres os lobbies ou embaixadores doutro modelo de agricultura, do agrobusiness bulían polo Parlamento Europeo para que os grupos parlamentares votaran as propostas e para mudar os bos acordos acadados, que logo pretendían desfacer cando chegaran ao Consello de Ministros, onde señores como Arias Cañete contaban con seu entusiasta apoio. E facendo un modelo que logo exportar nos acordos comerciais, como o que se ameaza co acordo Estados Unidos-Unión Europea. 

Gostou moito do repenique  dado ao Comisario nun dos múltiples debates que houbo no hemiciclo en 2012, con aquelo de  “Meu País, Galiza, é unha nación leiteira”

Loitouse  por unha agricultura máis xusta e máis verde, por un reparto equitativo das axudas europeas e por cuestionar un modelo como o da PAC que fracasou na tentativa de garantir rendas a labregas e labregos, de apoiar a agricultura familiar, e outros modelos de producción.  Este escano galego presentou numerosísimas enmendas co Bové, e agradecemos que nos apoiara na defensa do sector agrogandeiro galego.  Nelas reclamamos un modelo xusto, que limitara os denominados pagamentos directos -do primeiro pilar da PAC- para beneficiar ás productoras e productores de menores rendas e non aos rentistas da terra que receben axuda sen producir, ren. Loitamos por un  modelo cun enfoque máis verde que loitara contra os pesticidas e primara os cultivos biolóxicos, que non matara as abellas nen contaminara nosos ríos. Defendimos un modelo de desenvolvimento rural que cohesione o territorio, free e evite o despoboamento,  que cree servizos no rural e no que Galiza poida decidir (pois podía ser asi se o Estado quixera pero acabamos de ver no reparto dos fundos, que non quere senon centralizar por riba de todo). Queriamos que fora un modelo agrario equitativo, con límites nas axudas nos 100.000 euros e non 300.000, como ata agora que en moitos casos non ian para quen traballa e produce na terra senón para quen ostenta a propiedade como o Príncipe de Mónaco, a duquesa de Alba, a raíña de Inglaterra ou numerosas familias de pedigrí de Andalucía que crían touros de lidia, algunhas delas relacionadas con eurodeputados do PP. Porque queremos que o rural teña futuro. Dende unha visión nacionalista de esquerda, esta PAC é moi inxusta, por eso no BNG, e tamén noso compañeiro Bové, votamos en contra. Porque as labregas e labregos ficaban fóra, porque as axudas directas non tiñan en conta a actividade agraria senón a superficie, porque non garante a cohesión social nen económica nen medio ambiental.

Igual que fixo este  político que non se deixa influír polos lobbies malos,  tampouco se deixou influír a neta da leiteira e galiñeira de Cuntis e denunciamos constantemente dende o noso grupo esa pérfida e consentida influencia

Igual que fixo este  político que non se deixa influír polos lobbies malos,  tampouco se deixou influír a neta da leiteira e galiñeira de Cuntis e denunciamos constantemente dende o noso grupo esa pérfida e consentida influencia.  E como tampouco non debemos deixar influír na sociedade galega por estes gobernantes manipuladores que non protexen a nosa terra e que permiten o espolio medio ambiental, a degradación e a corrupción ligada á especulación.

Defendamos a nosa Terra!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.