Por que é unha mala política comer os alimentos caducados?

Desde hai uns meses o goberno español decretou certos cambios na política das datas de caducidade dos alimentos. A medida viña precedida dunha certa poeira a conto do desperdicio de alimentos que cada ano se rexistra nas estatísticas de consumo. Asumindo algúns dos datos que o Ministerio de Medio Rural baralla, cómpre centrarse na oportunidade das medidas políticas adoptadas. Imos por partes.

Desde hai uns meses o goberno español decretou certos cambios na política das datas de caducidade dos alimentos. A medida viña precedida dunha certa poeira a conto do desperdicio de alimentos que cada ano se rexistra nas estatísticas de consumo

Sen entrar en grandes definicións a data de caducidade sinala o umbral temporal no que un alimento perdeu a seguridade para ser consumido. Este umbral é estatístico e céntrase en coñecer cando a concentración de elementos nocivos pode acadar un nivel tan elevado que se converta en perigoso para a saúde. Na práctica, ademais, tamén serve de parámetro da calidade, pois todo alimento que non rebasou certos límites que se consideran seguros, mantén propiedades de sabor, olor, textura e demais polo xeral superiores aos do produto caducado. O exemplo máis relevante de produtos con data de caducidade é o dos que veñen en envase e que están refrixerados: A etiqueta indica un límite que, rebasado, pode pór en risco a nosa saúde.

Cómpre non confundir a caducidade coa data de consumo preferente

Cómpre non confundir a caducidade coa data de consumo preferente. Esta última normalmente indícanos que as cualidades do produto en canto a seguridade alimentaria teñen períodos moito máis elevados e máis difíciles de estimar. Tamén que a perda delas prodúcese de xeito moito menos acusado.

Normalmente as datas de consumo preferente sinalan que un produto pode ser consumido unha vez rebasado tal umbral. Exemplos disto poden ser o mel ou o aceite. Consumir estes produtos unha vez superada a data de consumo preferente non pon en risco a nosa saúde; porén certas cualidades denominadas organolépticas acostuman a verse afectadas: Perda de sabor, de consistencia, de textura,...

Explicar os motivos polos que se escolle unha ou a outra resultan complexos e longos demais para expolos aquí. Sirva dicir que se ten avanzado moito no coñecemento dos alimentos así como nos sistemas de produción e envasado, factores que, polo xeral, contribúen a mellorar as calidades en si e a reducir os riscos para a saúde. Moitas veces escoitamos persoas que afirman que o consumo dun produto caducado non é malo, porque levan facéndoo moito tempo e nunca lles pasou nada. En xeral non todos respondemos igual a unha mesma exposición de risco pero, que acontecería se na construción, na industria ou en calquera outro sector se tomasen as medidas de seguridade e protección en función de preguntarlle ás traballadoras/es que nunca sufriron un accidente?

Que acontecería se na construción, na industria ou en calquera outro sector se tomasen as medidas de seguridade e protección en función de preguntarlle ás traballadoras/es que nunca sufriron un accidente?

Todos cadramos en que sería unha medida moi arriscada. Pois do mesmo xeito deberamos proceder coa seguridade alimentaria. Que unha persoa exposta a certo risco alimentario non padeza a contaminación, non significa necesariamente que a xeralidade da poboación vaia responder igual.

O consumo de produtos próximos a caducar conleva situacións de risco estatístico; e máis, se cabe, ao falarmos de colectivos de persoas que a maiores padecen algún tipo de afección, ou simplemente son intolerantes

O consumo de produtos próximos a caducar conleva situacións de risco estatístico; e máis, se cabe, ao falarmos de colectivos de persoas que a maiores padecen algún tipo de afección, ou simplemente son intolerantes. A parolada do Ministro de Alimentación afirmando que comía os iogures caducados introduce dous elementos no debate que poden ter efectos moi perniciosos sobre a calidade sanitaria dunha sociedade cada vez máis desposuída de protección: Por unha banda, apelando de xeito temerario á súa propia ignorancia, desautoriza a unha morea de investigadoras, persoal de laboratorio, profesionais do sector alimentario e en xeral persoas que levan anos esforzándose por mellorar a calidade da alimentación de todas nós. Por outra banda introduce un perigoso discurso social: As clases populares se queren comer, que o fagan de calquera cousa aínda que poña en risco a súa saúde, que para iso son as clases populares. Así o Ministro de Medio Rural coa súa verba doada considérase exonerado do debate sobre a distribución e acceso aos alimentos e descarga a responsabilidade directamente na sociedade.

Introduce un perigoso discurso social: As clases populares se queren comer, que o fagan de calquera cousa aínda que poña en risco a súa saúde, que para iso son as clases populares

Nos últimos tempos, debido maiormente a este período de caída económica onde nos sitúan os mercados, comezaron a aparecer certos movementos sociais preocupados polo destino de inxentes cantidades de alimentos que son directamente enviados ao lixo sen teren sido consumidos. Frecuentemente, e non só no Estado Español, temos escoitado voces que reclamaban das grandes áreas comerciais a doazón de alimentos próximos a caducar para a alimentación de persoas sen recursos. A maré social, moitas veces empurrada por un relato mediático alarmista, reclamou do goberno medidas urxentes sobre o desperdicio de alimentos. E o goberno español respondeu cunha lei que na práctica unicamente derroga artigos da lei anterior sobre calidade agroalimentaria, pero que non aporta ningún tipo de medida para estimular o aforro e a redistribución, nin tampouco para garantir a alimentación dunhas clases populares cada vez máis empobrecidas. A alimentación é un dereito básico e inalienable (non é preciso que un lexislador veña a confirmalo). Porén converténdoa nun negocio este dereito vese diariamente conculcado mediante a mercantilización sistemática dos bens básicos de supervivencia.

Esta medida beneficia maiormente á distribución, posibilitándolle manter os alimentos máis tempo expostos e prolongando o tempo de venda

Os verdadeiros beneficiados da medida lexislativa sobre a caducidade non somos nin as persoas que temos o dereito a alimentarnos, nin tampouco as produtoras/es de alimentos (labregas, gandeiras,...). En realidade esta medida beneficia maiormente á distribución, posibilitándolle manter os alimentos máis tempo expostos e prolongando o tempo de venda. Pero tamén beneficia á industria, pois mediante algunha das normas derrogadas (cuestións como número de aceitonas machucadas que poden aparecer por lata, por exemplo) permite a introdución de alimentos con parámetros de calidade máis baixos e reducir os custos de eliminación dos defectuosos. En realidade os beneficios da presunta intervención lexislativa contra o desperdicio de alimentos van destinados a protexer a parte de por si máis favorecida da cadea alimentaria (industria e distribución) e pouco ou nada á produción primaria nin as persoas que nos alimentamos.

A nós, á cidadanía, correspóndenos, non só realizar un consumo racional, senón esixir que o dereito á alimentación non sexa outra moeda de cambio máis en mans dos mercados

O verdadeiro debate sobre como se debe xestionar a produción de alimentos, a distribución destes e garantirlle a unha sociedade o dereito a alimentarse (o que tamén chamamos Soberanía Alimentaria) fica obviado con este tipo de medidas. O dereito dos pobos a decidir sobre que, onde e como se alimenta sigue a considerarse por parte do poder unha cuestión secundaria, por máis que en situacións de crise este tema tome unha relevancia que nunca debeu perder. Cómpre, xa que logo, centrar o debate nas coordenadas oportunas. O sistema de produción, industrialización e distribución de alimentos fica sometido ao que dispón un sistema económico depredador. A nós, á cidadanía, correspóndenos, non só realizar un consumo racional, senón esixir que o dereito á alimentación non sexa outra moeda de cambio máis en mans dos mercados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.