A súa Constitución, o noso cárcere?

Dende o ocorrido o pasado martes no Congreso creo que a sociedade catalá no seu conxunto entende que o Estado español definitivamente non a recoñece e a nega. O que alí se dixo e votouse xa é pasado, todos entramos xa na seguinte fase dun proceso que non vai desaparecer maxicamente.

Dende o ocorrido o pasado martes no Congreso creo que a sociedade catalá no seu conxunto entende que o Estado español definitivamente non a recoñece e a nega

O próximo día 23 de abril un ou dous millóns, que máis ten, de persoas sairá ás rúas dunha cidade europea para proclamar o seu propósito colectivo: decidir a forma de Estado baixo a que queren vivir. Esa será a verdadeira contestación catalá ao ocorrido nas Cortes, e non o que digan os partidos. Dirixentes de partidos estatais lembran con orgullo os azoutes que lle propinaron a Ibarretxe cando levou ás Cortes o seu plan de autogoberno. Creo que Mais debería ter ido a esas Cortes acompañando os deputados defensores da proposición de lei do parlamento catalán, pero é comprensible que aforrase unha previsible humillación. O sistema político actual é unha máquina organizada para destruír a discrepancia ao sistema político e ideolóxico do bipartidismo monárquico, e por iso non desexan que un debate de tal importancia, onde se oen argumentacións indesexadas, poida ser seguido pola cidadanía española: ningunha canle de televisión estatal o emitiu. As voces que incordian a pax española vixente desde o 23-F son afogadas en canto se oen alí. Difundiranse os cortes pertinentes das intervencións e as cabeceiras madrileñas sentenciarán para toda España.

O poder votar nesa consulta non é unha reclamación deses partidos que acudiron ás Cortes, nin sequera é unha reclamación nacionalista, é unha reclamación cívica

O que non parecen comprender os que se senten blindados e donos do Estado, dentro da súa fortaleza, é que a demanda catalá é unha demanda verdadeiramente social, nacional. O poder votar nesa consulta non é unha reclamación deses partidos que acudiron ás Cortes, nin sequera é unha reclamación nacionalista, é unha reclamación cívica. Queren que se celebre esa consulta os partidarios dunha solución e os partidarios doutra, até quen non desexaron no seu día que se expuxese a consulta saben que agora é necesario poder votar. Ningunha sociedade pode aceptar que a afoguen ou que a encerren.

A esa reclamación contestóuselle ensinándolles a chave con que manteñen a porta pechada. A chave que detentan chámase Constitución

A esa reclamación contestóuselle ensinándolles a chave con que manteñen a porta pechada. A chave que detentan chámase Constitución. Rajoy, Rubalcaba e Rosa Díez falaron desde unha mesma perspectiva, esta é a súa casa, fixérono con auctoritas, invocaban o texto constitucional pero en realidade se sentían con autoridade moral sobre España. Quen defendemos outra idea de España non temos xa nada que facer. Rajoy, ademais, falou desde a potestas e faloulles aos representantes do Parlamento catalán coma se fosen nenos malos, eles e os seus votantes. Como estaba no seu castelo e podía, foi insidioso ao acusar algúns, que estaban alí presentes, de ser malvados, (“se las han ingeniado para...”), e foi chulesco até o extremo cando lles dixo que el era quen realmente coñecía Catalunya e que a amaba. Hai amores que matan. Non tería por que amala, a maior parte dos cidadáns españois non a amamos, basta con recoñecela e respectar os seus cidadáns, pero o desprezo mostrado por el e o seu partido antes e despois de chegar ao Goberno fai que esa linguaxe agora sexa unha burla.

A burla absoluta á verdade e á intelixencia vén de que sexa Rajoy, membro dunha organización de ultradereita que combateu esa Constitución do 78, quen agora a esgrima como un tótem e unha chave que pecha as portas sacras

Que o sistema político español vixente perece por si mesmo, non son os bárbaros fóra das fronteiras senón os seus amos quen o afogan, demóstrao que recorran á Constitución como explicación e desculpa da súa decisión política. Cando din “a Constitución impídeo” recoñecen que a Constitución é un obstáculo para solucionar os problemas. A estas alturas xa dá igual o que xa non ten remedio: non ten remedio que ese Tribunal Constitucional anulase partes do Estatuto catalán que tiñan importancia capital e non ten remedio esa votación que di que a Constitución é un cárcere para unha parte da cidadanía. Por certo, tamén o é para boa parte da cidadanía que non vive en Catalunya.

Doutra banda, a burla absoluta á verdade e á intelixencia vén de que sexa Rajoy, membro dunha organización de ultradereita que combateu esa Constitución do 78, quen agora a esgrima como un tótem e unha chave que pecha as portas sacras á vez que a encomia e canta a gloria de quen nola demos / llela demos. Que o garante da Constitución sexa un político que non cre no cambio climático pero cre, en cambio, na superioridade dalgunhas estirpes e en que o que mantén as persoas nun proxecto nacional é o sangue. Ese é o estado de cousas, esa é esta España.

Son os seus donos e pretenden que sexa o cárcere dos demais, que seremos inconstitucionais. Delincuentes

Como non queda máis remedio, no futuro oiremos os políticos que tomen un avión ou o AVE a Barcelona dicir palabras en catalán, poida que en diante até oiamos cancións en catalán na radio e a televisión, quizais busquen que hai escritores cataláns, esforzaranse en ilustrar iso de que lles queren moito, pero xa é tarde para reformar a Constitución. Este martes pasado, 8 de abril, fixérona definitivamente e exclusivamente súa. Son os seus donos e pretenden que sexa o cárcere dos demais, que seremos inconstitucionais. Delincuentes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.