Camaradería da máquina, humanismo feroz

Tarde de sexta, auga a canadas. Rúas e aparcadoiros inzan de vultos a atmosfera húmida da cidade. Formamos parte da paisaxe e do acontecemento, porque acabamos de aparcar e estamos a repartirnos os pesos: a caixa da trompeta e a mochila da escola para min, o bocadillo e o cartafol para o neno. Os chuvasqueiros e un paraugas, por se acaso. Houbo sorte, no segundo andar había prazas de sobra. Tempo haberá de ir merendando mentres subimos as escadas. Coma sempre, o xusto para saír da escola e asistir á primeira palestra. Coa  habelencia que dá o hábito, repartímonos os atazos escolares na franxa vermella para tránsito de peóns. Como cada sexta. O conservatorio atópase á saída, na mesma beirarrúa. it's a wonderful life.

Formamos parte da paisaxe e do acontecemento, porque acabamos de aparcar e estamos a repartirnos os pesos: a caixa da trompeta e a mochila da escola para min, o bocadillo e o cartafol para o neno

Unha berlina desacelera con intención probábel de aparcar aínda non ben repartimos bocata, mochila, e trompeta. E mentres viro para lle axudar a vestir o chuvasqueiro, o carro aterra na praza de aparcadoiro a rente… O condutor baixa do carro seguro de si mesmo, areolado aínda pola graza fetichista do carro, e pregúntolle se se decatou de me ter atinxido a coxa, mais el abre a porta posterior e apaña o maletín e o casaco de pano forte, todo el vestido como o seus pais que xa copiaran estilo dos seus avós: anteollos sen borda, garabata a raias  e zapatos de tacos, chaqueta e pantalón azul escuro con aspecto de ter saído do escritorio, da misa dos domingos ou dun consultorio médico, se cadrar.. Pregúntolle se tanta presa tiña que non podía esperar a que rematáramos..., pois ademais de intimidarnos batérame na perna, sen causar grande dano, certo é, mas estabamos na liña de paso dos peóns e era evidente que non tiñamos previsto acampar alí. Non hai que falar con exceso, diredes. Hai cousas peores. Ao cabo, non houbo que lamentar danos maiores malia as visibles alternativas de aparcamento, a franxa vermella de paso e os cartaces indicando a prioridade dos viandantes -para evitar precisamente a inversión  de prioridades entre vultos móbiles e vultos parados. Quizais se seguimos lendo enxerguemos cales son as razóns que me convidan a debullar o descaro do humanista practicante, o poder e aquilo en que acreditamos, que non sempre é aquilo que facemos.

Non hai que falar con exceso, diredes. Hai cousas peores. Ao cabo, non houbo que lamentar danos maiores malia as visibles alternativas de aparcamento, a franxa vermella de paso e os cartaces indicando a prioridade dos viandantes

Fronte a restra de prazas baleiras - que ben lle terían servido ao burgués para aparcar con total ferocidade-   respóstame  con apreciábel condescendencia que estabamos parados, co caucho queimado no chan como proba suplementar na súa contra, acrecentando con lanzal seguridade  que, por suposto,  non ia pelexar comigo.   Ao que lle respondo que todos estamos convencidos diso, agás el. Lance no que acho recoñecer  ao meu  interlocutor, cando á vista dos alí presentes xa se presta a nos dedicar unha ollada de esguello e ningunha proba de atención ou de desculpa.

Non había moito, coincidíramos os dous no acto de inauguración dun centro cultural. El como  orador e presidente  dun colectivo profesional de médicos, e eu, un máis entre os moitos convidados. Un ritual moi curioso no que se recreou no vello discurso  do humanismo médico para todos os que estabamos na sala asistindo á prédica, en plena devoción de lambidos. Pois o humanismo, mesmo no estado no que se encontra, conserva aínda unha sobranceira reputación na fronteira que vai entre quen practican un ego adquisitivo e agresivo e os que debruzan nun humanismo estoico, actitude fría e  dureza contemplativa. Unha pretensión de pureza e verticalidade, de autoridade e de última palabra, de éticas consideracións  a priori, mas axir pola vida como se a cousificación dos afectos e a fraxilidade do individualismo burgués só tivera resposta como “medicalización” das paixóns (inercia ligada ao mito da infabilidade científica).  Ao cabo, o “suxeito” paciente na medicina humanista é un ignorante, un paciente cuxo status é non ter status. Certo é que duro é o ferro e a máquina non é de carne.

Porén, o médico humanista  acaba de apañar o casaco: tíralle os lambizos, pentea os pantalóns, dille tres palabras ao ipad e diante dos nosos fociños fecha as portas do corpo do delito sen ofrecer  mais cumprimento que as tristes palabras: ”non pelexarei con vostede”. Como dando a entender non saber que estabamos  a facer alí impedíndolle o paso, como “corpos estraños” e provocadores. O que sen dúbida se podería ter sandado con un mínimo recoñecemento emocional, unha reacción  tan hostil como a derrapaxe do automóbil (non teño dúbida ningunha, fixen o que tiña que facer, debeu pensar) mostra o relevo das chamadas virtudes menores.

Teimamos nunha conciencia do poder dunha só dirección e nas declaracións de principio, só útiles para producir efectos de escenificación e oratoria

A primeira lección do breve suceso é que hai un vazamento ético entre o escritorio médico e o carro de conducir. Acho que un dos grandes atrancos do xeito de facer política actual é que non se confía na conciencia política das persoas. Parapeitámonos  en crenzas políticas e metafísicas, en relixións, códigos éticos e responsabilidades sociais corporativas sen nos decatar que, de facelo, para alén do débito profesional, deberían ter algunha repercusión nos concidadáns e na parella, no  paisano e no veciño, nos consumidores, usuarios e pacientes. Gobernámonos os uns aos outros na conversa, dicía Foucault, a base dun despregue de tácticas ben sortidas, tanto de rituais  de contaminación  e desleixo como de sedución e compracencia. Porén, teimamos nunha conciencia do poder dunha só dirección e nas declaracións de principio, só útiles para producir efectos de escenificación e oratoria.

A segunda lección que cómpre tirar da anécdota, é que a impostura non nos permitiu subxectivizar a súa historia do mesmo xeito que non tentou comprender a nosa (é probábel que tamén tivese o tempo contado, xusto para lavarse o pelo e chegar a algunha cita na que departir, sob estrita observación da máscara pública, sobre as bondades das aseguradoras privadas na ars medica).  Mesmo así,  entre a condución intimidante que serve para ceibar bizarras fantasías  e  a falta de preocupación expresada, hai unha certa sinceridade, un aquel honrado (non teño dúbida ningunha, fixen o que tiña que facer) que non se recrea na falacia de certo humanismo en tentar redimirse ofrecendo un “arrepentimento” que produce náuseas.

Ese modelo humanista liberal presenta máis pedras de tropezo. Non abonda co humanismo enxergado como totalizador do que hai

Mais ese modelo humanista liberal presenta máis pedras de tropezo. Non abonda co humanismo enxergado como totalizador do que hai. Un mandado ao silencio para quen a proliferación sempre é unha ameaza para a orde. O humanismo entendido como acomodación ao mundo e "exposta" como tantas historias para nos embalar antes dir durmir.

O médico humanista -cando menos o carimbado pola medicina científico-natural- logo de ter afortalado entre os seus as cualidades deontolóxicas  da profesión  adubiadas de tolerancia multicultural e recursos escolásticos propios do oficio -que teñen abandonado toda vontade de manterse preto dos individuos para servir só as doenzas das que o suxeito está excluído- tórnase unha persoa que  acredita que a prédica humanista non nos obriga o resto do tempo a practicar as cualidades de aquilo que é cortés ou presenta os atributos da urbanidade. O comportamento coherente e consecuente.

A urbanidade e a cortesía, esas modalidades da moral decote esquecidas como virtudes menores son, nada máis e nada menos que a charneira que lle permite á ética encardinarse aquí e agora

A urbanidade e a cortesía, esas modalidades da moral decote esquecidas como virtudes menores son, nada máis e nada menos que a charneira que lle permite á ética encardinarse aquí e agora. Tristes tempos nos que hai que formular  cousas como esta. Ao cabo, todo é un mal entendido. Evitación propia das ciencias de preservación que o sarcástico Sloterdijk chama “pesimismo metódico” nacido da desconfianza do corpo. Ademais, o médico humanista seica é traumatólogo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.