Desabastecemento no hospital da Coruña

A Xunta de Persoal da área sanitaria da Coruña fixo público un escrito no que denuncia o “grave desabastecemento nos laboratorios do CHUAC”. Sinalan carencias no laboratorio de Hormonas, na área de Bioquímica (“falta de reactivo por desabastecemento do proveedor”, foi a resposta recibida polos médicos solicitantes) e mesmo no Servizo de Urxencias, provocando unha perigosa demora no diagnóstico dos pacientes.

A Xunta de Persoal da área sanitaria da Coruña fixo público un escrito no que denuncia o “grave desabastecemento nos laboratorios do CHUAC”

Esta situación é inusual. Nunca houbo, nos últimos tempos, ningunha carencia nos subministros que impedise realizar probas diagnósticas. Estes feitos só acontecen desde a posta en marcha, a mediados de marzo, do centro loxístico, que subministra material sanitario a todos os centros sanitarios de Galicia. Nunca houbo ningunha incidencia pero, coa privatización, estanse a dar unha serie de déficits na reposición de material sanitario, “dende o envío de reactivos incompatibles co aparataxe dos laboratorios ata unha continuada falta dos reactivos necesarios para realizar análises e para o diagnóstico e tratamento dos pacientes”.

Estes feitos só acontecen desde a posta en marcha, a mediados de marzo, do centro loxístico, que subministra material sanitario a todos os centros sanitarios de Galicia

O centro loxístico montárono para almacenar e distribuir material sanitario por toda Galicia. Esta actividade era realizada por persoal do Sergas nas propias áreas, coa máxima eficacia e sen que houbese ningun problema. Agora pasa a mans privadas cun custo de preto de 100 millóns de euros e facilítanlle a unha empresa o manexo dunha información de enorme interese estratéxico empresarial. Preto de Negreira ergueron, nun tempo record, unha enorme nave na que centralizan este servizo. A empresa concesionaria é Severiano Gestión (agora chámanlle Servicio Móvil) que comezou como empresa de mudanzas nas Pontes e agora ten contratos com varios gobernos autonómicos (sobre todo en Madrid, Valencia e Galicia).

Esta actividade era realizada por persoal do Sergas nas propias áreas, coa máxima eficacia e sen que houbese ningun problema. Agora pasa a mans privadas cun custo de preto de 100 millóns de euros

Casualmente xestionaba no ano 2004 o arquivo de historias clínicas do Hospital de Pontevedra, cando un  grave incendio deixou o hospital sen documentación clínica. Estaba encargada, en 2005, dunha nave con material da Consellería de Educación valenciana que tamén ardeu. No informe policial sinalaban a posibilidade de que o lume fose intencionado, Agora as historias clínicas xa están informatizadas e a Xunta concédelle este servizo, de gran relavancia para o funcionamento dos centros. (Este relato xa o contei noutra ocasión, pero cómpre lembralo para ver en que mans deixan a nosa saúde).

Os actuais gobernantes teñen o firme propósito de entregar a mans privadas cada vez máis parcelas da atención sanitaria

Porque esta situación non é única. Os actuais gobernantes teñen o firme propósito de entregar a mans privadas cada vez máis parcelas da atención sanitaria. Xa privatizaron o servizo de ambulancias, as telecomunicacións do Sergas, o subministro de material, o mantemento dos equipos sanitarios, a historia clínica, a receita electrónica, a central de chamadas, a alta tecnoloxía, e agora tamén queren privatizar os servizos de esterilización, unha decisión de alto risco que pode danar  a vida dos pacientes se non se garante unha calidade óptima.

Non se trata dunha decisión técnica: é unha decisión política e o fin que buscan, básicamente, é producir lucro privado a costa dos presupostos públicos

O partido gobernante asegura buscar unha maior eficiencia. Mais non se trata dunha decisión técnica: é unha decisión política e o fin que buscan, básicamente, é producir lucro privado a costa dos presupostos públicos (recordamos, unha vez máis, que o 40% do orzamento da CCAA vai destinado á sanidade). A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) eleborou un informe moi clarificador, no que achega datos sobre esta implacable estratexia privatizadora, dá conta das empresas beneficiadas polas externalizacións e describe o entramado de conflitos de interese existente. Resulta evidente que sitúan o negocio por diante do servizo público.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.