Finalmente gañou Fraga, esta é a súa España

Hai xa uns dez anos. Ao concluír unha entrevista, un correspondente en Barcelona dun xornal europeo confioume con asombro e desgusto que non se entendía cos seus compañeiros destinados en Madrid. As súas visións sobre a situación española e a vida pública en xeral eran totalmente contrarias, coma se vivisen en dous países distintos, en dúas realidades diferentes. Non se trata meramente, pois, de que a prensa manipule a realidade ao servizo duns intereses ou outros, senón que os xornalistas verdadeiramente adoitan participar da ideoloxía dominante na sociedade. Resulta evidente que o distanciamento entre a percepción das cousas desde un lado e outro aumentou enormemente, pero esa descontinuidade, ese vivir en realidades distintas, ten máis alcance que dous países chamados Madrid e Catalunya.

Todas as cabeceiras de prensa madrileñas mostran o optimismo dun Rajoy que afirma que a crise queda atrás, outros xornais que me caen máis preto, un da Coruña e outro de Santiago, transmiten unha imaxe semellante

Dentro do territorio español vivimos en esferas ideolóxicas e percepcións da realidade distintas e niso xogan un papel fundamental os medios de comunicación. Pódese comprobar con facilidade nun día como hoxe, onde esa escenificación da política que é o debate da nación ocupa todas as portadas das cabeceiras de prensa. Todas as cabeceiras de prensa madrileñas mostran o optimismo dun Rajoy que afirma que a crise queda atrás, outros xornais que me caen máis preto, un da Coruña e outro de Santiago, transmiten unha imaxe semellante.

En cambio, vexo que as cabeceiras vascas, das históricas ás máis novas, fan un resumo máis complexo e con máis ángulos. O mesmo que as catalás. Como o posicionamento de practicamente todas as canles de televisión de ámbito estatal encaixa na corrente maioritaria, constato que quitando en Euskadi e Catalunya, ao resto da cidadanía española chéganlle uns medios de comunicación favorables a este goberno.

Constato que quitando en Euskadi e Catalunya, ao resto da cidadanía española chéganlle uns medios de comunicación favorables a este goberno

Tras a morte de Franco a prensa estivo máis solta, ensaiou camiños e buscou o seu lugar nunha sociedade que cambiaba, houbo un tempo en que o quiosco de prensa era unha fonte de liberdade de expresión. Hoxe aquelas voces están atadas e repiten as palabras do seu amo. En certo sentido trasladouse a Madrid o modelo que Fraga ensaiou antes en Galicia e que perdura desde entón: o control absoluto dos medios de comunicación para eliminar a liberdade de prensa e manter afogada á sociedade. No fondo iso ocorreu polos mesmos motivos: porque as empresas pasaron a depender economicamente do poder político, comen da súa man, porque carecen do sentido da profesión e, simplemente, porque son de dereitas. Este último motivo é determinante, unha empresa xornalística española pode convivir e compadrear cunha administración que non sexa do PP pero, en último termo, acabará mostrándose identificada coa ideoloxía e os intereses que representa ese partido.

Trasladouse a Madrid o modelo que Fraga ensaiou antes en Galicia e que perdura desde entón: o control absoluto dos medios de comunicación para eliminar a liberdade de prensa e manter afogada á sociedade

Se non queda prensa tradicional que exerza o xornalismo dun modo independente é polo mesmo motivo polo que en España a dereita non é democrática, polo mesmo motivo polo que non hai unha dereita liberal no sentido orixinal e europeo do termo. Pero iso ten consecuencias devastadoras para a sociedade, fai que un país se sitúe fóra da realidade e se manteña sonámbulo. Alienado.

Salvados xogou hai uns días co noso sentido da realidade, o seu programa sobre o 23-F desestabilizou o sentido da realidade de moitos espectadores. Pero, tras o desconcerto, a cadea reafirmou o relato existente sobre o golpe de estado cando emitiu a continuación un programa que creo que se pode resumir en "o Rei salvounos". Estamos salvados. Pero o programa de Évole deixou no aire un gas de irrealidade que fixo sentir a moita xente que a vida social e política son unha alucinación. Lembrounos a todos que descoñecemos cal é a nosa realidade como país, que somos nenas e nenos perdidos e medorentos que viven dentro dun conto infantil. Unha sociedade encolleita e sonámbula.

O programa de Évole deixou no aire un gas de irrealidade que fixo sentir a moita xente que a vida social e política son unha alucinación. Lembrounos a todos que descoñecemos cal é a nosa realidade como país

Só así se pode tolerar esa representación estúpida que foi o debate do estado da nación. Unha representación de normalidade que nega a nosa anormalidade. Xa non me refiro a que nos movemos dentro un sistema político que está podrecido e roto, senón a que ocupa o Goberno un partido que se comprobou que está corrupto, que estendeu a corrupción e que gobernou grazas a ela.

E hai moito de onírico no escenario do debate da nación deste ano. A estas alturas da historia unha representación protagonizada por Mariano Rajoy e Alfredo Pérez Rubalcaba é tan irreal que marea. A política dos dous partidos e os seus actores afastáronse tanto da vida da xente, os seus actores confundíronse tanto co personaxe que xa ninguén cre que sexan persoas coma os demais. O que hai de teatralización na política e na vida pública en xeral tragou absolutamente todo o demais: é puro teatro. Outra cousa é a quen lle poida interesar esa obra tan resesa e dunha estética máis que obsoleta, tan falsa que repugna. Non se trata exactamente dunha obra teatral escrita por un escritor pantasma pero paréceo, poderíase chamar Desesperación. A desesperación corresponderíalle a unha sociedade enferma e triste e o desesperante corresponderíalle a eses dous actores principais do elenco artístico.

A vida pública e a política española é unha fantasmagoría grotesca e incrible, só se sostén porque a ese obsoleto escenario amplifícano uns medios de comunicación que teñen os seus intereses en que esa fantasmagoría se manteña

A vida pública e a política española é unha fantasmagoría grotesca e incrible, só se sostén porque a ese obsoleto escenario amplifícano uns medios de comunicación que teñen os seus intereses en que esa fantasmagoría se manteña. Naturalmente que existe Internet, onde hai cabeceiras que son pura trincheira sectaria dunha facción e outras, como esta, que tentan ofrecerlle á sociedade informacións que se lles negan. Pero non poden escapar dunha situación tan lamentable, só chegan a un sector social, crecente pero minoritario, que é crítico e esfórzase por coñecer o que se lle oculta.

É necesario preguntarse se en España existe liberdade de prensa. E tamén quen a afoga

Creo que é necesario preguntarse se en España existe liberdade de prensa. E tamén quen a afoga.

Fraga foi un político ao que o seu temperamento desenfreado lle impediu triunfar na política como el querería, pero a súa idea de España finalmente realizouse. Rajoy, tamén por temperamento, non se levaba ben con Fraga, aínda que compartise a súa idea reaccionaria de España, e finalmente resultou ser o seu delfín histórico e realizar o modelo do patrón.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.