Máis cousas sobre o tamaño

Na fascinación do ser humano polo xigantismo debe haber algo innato, pero tamén moita idolatría aprendida co paso do tempo. Non é algo exclusivo dos tempos modernos nin de ningunha civilización en particular. As pirámides exipcias, os templos maias, os budas de Bamiyán, os enigmáticos cabezóns da Illa de Pascua, os castelos, as catedrais, as Twin Towers de Manhattan, o Burj Khalifa de Dubai, a Cidade da Cultura do Monte Ogallá, o Castro Tecnolóxico de Lalín ... A listaxe non ten fin. Contra esta tendencia universal sempre hai minorías que erguen a voz; coma o caso do economista alemán E.F. Schumacher, que en 1973 publicara Small is Beautiful, una fato de alegacións contra a grandura económica; ou o Marqués de Moneixas, Paco Vilariño, que se enfrontou sen éxito ao alcalde de Lalín pola construción daquela barbarie acristalada.

Na fascinación do ser humano polo xigantismo debe haber algo innato, pero tamén moita idolatría aprendida co paso do tempo

Onte ceei pesado e espertei a media noite, desacougado por darlle solución a unha cuestión en principio fútil e intranscendente, pero que viña a conto do que estamos a falar. Resulta que, por procedementos escuros e incribles, eu viña de ser nomeado máximo mandarín do meu país; e o xenio da lámpada máxica deixábame escoller entre ter no mesmo sector industrial unha mega-empresa, por exemplo de tamaño 1000, ou dez empresas de tamaño 100. Desvelado, sen moitas trazas de recuncar no sono e co trosma de Aladino alí agardando a miña resposta, púxenme a pensar cenido. Incluso enfundei os lentes, para pensar mais claro e mais lonxe. Dez empresas de tamaño 100 ou unha de 1000?

O xenio da lámpada máxica deixábame escoller entre ter no mesmo sector industrial unha mega-empresa, por exemplo de tamaño 1000, ou dez empresas de tamaño 100

Como bo mandarín, a miña primeira preocupación era contar con recursos abondos para desenvolver o meu programa político. As dúas alternativas presentaban a mesma contribución ao PIB nacional, pero tiñan as dúas a mesma potencialidade fiscal? En principio, puidera un pensar que o mesmo daba o 35 por 100 de 1000, ca 10 veces o 35 por 100 de 100; incluso, pensei, da menos traballo recadar 350 de golpe, ca ter que apañar 10 en 10 casas distintas. Porén, as probabilidades de que a tributación efectiva dunha compañía grande fique lonxe do tipo teórico son moi altas, xa que ten ao seu dispor importantes e poderosos equipos de especialistas fiscais (incluídos inspectores fiscais) e maila posibilidade de trasfegar ingresos a países de menor presión fiscal ou incluso a paraísos.

Ademais do menor ingreso fiscal efectivo, unha grande empresa multinacional convértese nun contra-poder de peso. Nalgúns casos, pode ter mais poder efectivo ca o propio Estado e estar en disposición de facerlle chantaxes varios para conseguir tratamentos fiscais favorables, lexislacións ad hoc, ... Cando a PSA francesa deixa correr un ruxerruxe de que lle saíu unha frieira de nada no dedo maimiño, o Presidente da Xunta dá cos pés no cu e preséntase en Vigo así arroie ou haxa tres metros de neve. 

E por se o poder de chantaxe e a menor contribución fiscal non fora abondo, a mega-empresa é demasiado grande para quebrar

E por se o poder de chantaxe e a menor contribución fiscal non fora abondo, a mega-empresa é demasiado grande para quebrar. Isto, que semella unha garantía de futuro e estabilidade, é só a cara A da moeda; pero ten unha cara B, que nos di que tamén é demasiado grande para deixala caer. E isto segue a ser unha garantía de futuro, pero a un prezo moi alto e pagado por tódolos cidadáns. A Caixa Rural pode entrar en quebra cando queira, que ninguén lle vai botar unha man; agora ben, o Banco Santander, o BBVA ou Bankia, ese xa é outro cantar.

Cada dous por tres, Inditex, un xigante da economía, sae en letras grandes nos medios de comunicación por mor de abrir un novo centro de negocio na Fifth Avenue de Manhattan, na Regent Street de Londres ou na Avenue Montaigne de París; e cada tres por dous, quen sae é Amancio Ortega, o seu fundador e máximo accionista, por adiantar un posto na escala Forbes ou por mercar media rúa no centro dunha cidade. Pero, alén da xenética fascinación polas cousas desorbitadas e certa dose de orgullo localista, debería eu aledarme e poñerme a aplaudir coas orellas? Se son accionista de Inditex, ou traballo para algunha das súas empresas, ou son familiar achegado; daquela, si. Agora ben, se ese non é o caso, non sei ... sería cousa de pensar un chisco antes de facelo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.