Por que Google vende Motorola a Lenovo?

Hai menos de 2 anos, Google mercou Motorola Mobility por 12500 millóns de dólares, na que foi unha das operacións máis importantes da compañía do buscador. Deixando de lado a cuantiosa suma económica desembolsada, Google fíxose nese momento cunha das empresas pioneiras da telefonía móbil e, sobre todo, cunha avultada carteira de patentes deste sector, imprescindíbeis para defender o sistema operativo Android (e por extensión, os fabricantes que o empregan) na chamada “Guerra das patentes” que mantén con Apple.

Hai menos de 2 anos, Google mercou Motorola Mobility por 12.500 millóns de dólares, na que foi unha das operacións máis importantes da compañía do buscador

Motorola pasaba naquel momento por un momento complicado, sen apenas investimento en innovación e uns dispositivos que non estaban á altura das demandas dos usuarios. Google soubo tomar o control e revolucionar a compañía, un empeño do que xurdiu o Project Ara, un ambicioso proxecto de teléfono modular, e dous smartphones (Moto X e Moto G) nos que se uniron calidade e prezo baixo, polo que acabaron sendo supervendas. Por iso, a venda de Motorola á chinesa Lenovo por apenas 2910 millóns de dólares colleu por sorpresa a máis de un. Fixo Google unha mala operación ou estamos ante unha das manobras máis intelixentes da compañía? Eis algunhas claves:

 

A calidade non ten por que ser cara

Os dous smartphones que Motorola puxo á venda baixo o control de Google son dúas mostras que poñen de manifesto que pode haber dispositivos de calidade a prezos razoábeis

Os dous smartphones que Motorola puxo á venda baixo o control de Google son dúas mostras que poñen de manifesto que pode haber dispositivos de calidade a prezos razoábeis. Claro está, isto pasa por ofrecer algún elemento diferenciador e reducir as marxes de beneficio que moitos fabricantes introducen nos seus trebellos.

Non é a primeira vez que Google fai algo parecido; nos últimos anos a gama Nexus (dispositivos nos que Google presenta as novas versións de Android) seguen esta mesma liña, polo que semella que queren seguir insistindo nun aviso a navegantes: facede terminais para todos os petos.

 

Motorola… sen o mellor de Motorola

Google queda co mellor de Motorola, isto é, con máis de 15.000 patentes de telefonía móbil e co grupo de tecnoloxía avanzada, o equipo humano responsábel dos proxectos máis innovadores da compañía

Outro detalle importante da operación é que Google queda co mellor de Motorola, isto é, con máis de 15.000 patentes de telefonía móbil e co grupo de tecnoloxía avanzada, o equipo humano responsábel dos proxectos máis innovadores da compañía, que se incorporará ao equipo de Android para seguir mellorando este sistema operativo.

Pola súa banda, Lenovo recibe unhas 2000 patentes, unha fábrica nos Estados Unidos e unha marca consolidada. A pregunta que queda no aire é: funcionará do mesmo xeito a marca “Motorola, a Google Company” cá “Motorola chinesa”? Teremos que agardar uns meses para sabelo.

 

Precisa Google unha fábrica de smartphones?

Un dos puntos máis fortes de Android é que hai ducias de fabricantes que o empregan. Isto é unha grande vantaxe para os usuarios, que poden elixir terminais e gadgets de moitos tamaños, formas, deseños, calidades e prezos. Neste senso, Google soubo apoiarse nalgúns grandes socios (Samsung, LG, Sony, HTC, Huawei…) que fixeron de Android o sistema operativo principal co que traballan os seus dispositivos. Mantendo o control sobre Motorola e, polo tanto, continuando a ser un fabricante, Google xogaría cunha vantaxe sobre os demais que podería facer que moitos abandonasen o uso de Android.

Mantendo o control sobre Motorola e, polo tanto, continuando a ser un fabricante, Google xogaría cunha vantaxe sobre os demais que podería facer que moitos abandonasen o uso de Android

Neste senso, parece máis intelixente continuar o modelo de terminal Android referencial (gama Nexus ou, a futura sustituta desta, dispositivos Google Play Edition): trebellos que contan coa última versión do sistema operativo sen capas de personalización de fabricantes, elaborados por empresas líderes do sector e non por Google, responsábel último de Android.

 

Non debemos amolar a Samsung

Ligado coa cuestión anterior, houbo presións de Samsung a Google para que vendese Motorola? Difícil sabelo con certeza, mais o certo é que o fabricante coreano é o piar fundamental para que as cifras de venda de Android sexan tan abultadas (e Google sábeo), do mesmo xeito que Samsung precisa da marca Android - Google para que os seus dispositivos sexan máis atractivos.

Desde hai moito tempo Samsung está a traballar nun sistema operativo paralelo, Tizen. Porén, adíase continuamente o lanzamento de dispositivos que o usen, en grande medida porque non ten unha tenda de aplicacións tan completa como a Play Store de Google

Debemos lembrar que desde hai moito tempo Samsung está a traballar nun sistema operativo paralelo, Tizen. Porén, adíase continuamente o lanzamento de dispositivos que o usen, en grande medida porque non ten unha tenda de aplicacións tan completa como a Play Store de Google. Semella que Tizen é sobre todo unha baza que emprega Samsung para avisar a Google de que, de enfadarse, podería ir en solitario, unha posibilidade que se afasta tras a venda de Motorola.

 

E que pasa con Lenovo?

Rematamos con Lenovo, o comprador, que tras esta operación pasa do quinto ao terceiro posto mundial en número de terminais vendidos, tras Samsung e Apple (segundo posto de fabricantes que usan Android). O movemento non vai afectar ás vendas en Asia, onde teñen un mercado consolidado e en crecemento, pero a gran dúbida é se conseguirán manter (e incrementar) o mercado en Europa e USA. Ao seu favor xoga a fabricación chinesa, que permite reducir os custes de produción, pero o uso en Occidente dunha marca danada, Motorola, é unha arma de dobre fío coa que xogan o seu futuro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.