O franquismo é unha pantasma que pide exorcismo

Vexo unha fotografía de homes con patillas e pantalóns acampanados, Seats 600 e 1500, mulleres con peiteados cardados, caras serias..., e penso “Os anos do franquismo final e a Transición”. Porén, foron anos marcados por unha crise económica orixinada por unha crise do mercado mundial de petróleo e iso tivo consecuencias importantes nas nosas vidas. Pode moito a memoria afectiva e a sociedade lembra máis a crise política. Cando se xuntan, é case inevitable que a crise económica anteceda á crise política, crean gran ansiedade e o que máis se lembra é a inestabilidade política.

Seguramente cando pasen vinte ou trinta anos quen aínda anden por aquí, se contemplan unhas imaxes de hoxe, se volven a vista atrás, é posible que cando lembre este últimos catro se refiran a a época da crise

Seguramente cando pasen vinte ou trinta anos quen aínda anden por aquí, se contemplan unhas imaxes de hoxe, se volven a vista atrás, é posible que cando lembre este últimos catro se refiran a a época da crise. Unha crise profundamente refundadora. Cando a economía, é dicir, os mercados financeiros, soxulgaron, humillaron e cambiaron a estrutura económica e social para resultar unha sociedade máis inxusta. Aquela época en que as sociedades europeas perderon a súa identidade, o seu modelo de estados protectores, para que a súa economía puidese competir no mercado mundial.

Deberiamos vela como o momento en que tantas persoas perderon o traballo, a vivenda, o futuro dos seus fillos... Oxalá esta perspectiva podamos deixala atrás en pouco tempo, pero é posible que así nos lembremos. Con todo, é máis probable que digamos “foi cando finalmente veu abaixo toda a andrómena da Transición”. Ou ben, “foi cando se deu ao fin a ruptura co pasado franquista”.

O franquismo quedou atrás e ben atrás, pero constatamos que pervive un gas franquista que nos rodea a todos, que envolve cada debate social ou político

Porque o franquismo quedou atrás e ben atrás, pero constatamos que pervive un gas franquista que nos rodea a todos, que envolve cada debate social ou político. En España parece normal, pero non o é, que en calquera conversa trivial ou seria sobre calquera asunto público inevitablemente nos referimos ao franquismo, uns afirmarán a súa pervivencia e outros o negarán. Trátase dunha pantasma inaprensible, pero recorrente e ubicua, que non quere marchar e non o fará ata que se lle faga un exorcismo.

O exorcismo tería que ser, creo eu, un novo pacto constitucional, pero esta vez sen a ameaza do Exército

O exorcismo tería que ser, creo eu, un novo pacto constitucional, pero esta vez sen a ameaza do Exército. Un verdadeiro pacto que, a diferenza dos da Transición, se faga en verdadeira liberdade. Ese novo pacto por forza ten que reflectirse nunha nova Constitución. Calquera reforma da vixente, nacida de circunstancias moi distintas ás actuais, será unha chapuza xurídica que non solucionará o problema político: ninguén cre o argumento vixente en que se baseou a democracia da Transición porque a sociedade madurou. É necesaria unha rexeneración política, esta Constitución está morta.

O paradoxal do caso é que quen lle deron a puntilla foron os membros do Tribunal Constitucional cando pecharon a posibilidade do encaixe político de Catalunya, a maior parte da cidadanía catalá pasou páxina desde ese momento. Con todo, a situación xa era grave, pois os dous partidos que sostiveron esta restauración da monarquía estaban xa en crise, un esmagado no Goberno pola crise económica e as súas actuais dificultades para renovarse e renovar o seu contido político e o outro porque, ademais da súa incapacidade para romper co franquismo, a estas alturas xa ninguén pode negar que estaba profundamente corrompido desde os seus inicios. É imposible pechar os ollos.

Foi a Casa Real a que iluminou a situación e creou a imaxe definitiva da crise do sistema político

Pero foi a Casa Real a que iluminou a situación e creou a imaxe definitiva da crise do sistema político. Pasaron décadas desde o último golpe de Estado e a sociedade perdeulle o medo ao Exército, ese medo foi o factor absolutamente determinante para que até fai ben pouco non se cuestionase nada esencial. A figura do Rei, a Casa Real, a Monarquía mesma está cuestionada pola sociedade e iso non ten volta atrás. Un rei que reina sen decidilo a poboación e sen autoridade moral carece de autoridade política. A súa lexitimidade e a fonte do seu poder vén do franquismo. Por moito que iso vista con roupaxes luxosas iso non hai quen o cambie.

Os poderes non democráticos, os poderes fácticos que non nacen das urnas, están a actuar xa para que o sistema político actual cambie o menos posible en aras de manter a máxima estabilidade

Loxicamente os poderes non democráticos, os poderes fácticos que non nacen das urnas, están a actuar xa para que o sistema político actual cambie o menos posible en aras de manter a máxima estabilidade. Exprésanse a través das grandes empresas de comunicación e apostan, uns, por reforzar a figura do Rei actual e, outros, por recomendar a abdicación en favor do Príncipe actual. Poida que o consigan, tan probable como que non. Pero se me preguntan direi que república ou monarquía parlamentaria teñen que ter a súa lexitimidade na cidadanía. Non en Franco nin no Exército, porque entón iso non é unha democracia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.