A asemblea nacionalista de Lugo ou a historia dunha inexactitude

Descoñezo a quen debemos a mentira de que a asemblea nacionalista galega de 1918, de vital importancia para o noso pensamento, se celebrou no simbólico por moitas razóns, mais non por esta que me ocupa, Hotel Méndez Núñez da Rúa da raíña de Lugo. Mais para medrarmos como comunidade non precisamos de máis mentiras. Xa non. E moito menos por parte de persoas que, como eu mesmo, criticamos as fabulosas incorreccións que inzan a historia de comunidades tan próximas a nós como a española: o caso de feitos como o da invención da reconquista, a repoboación, o inexistente reino de Asturias, os fantásticos reis godos ou o caso da quen estaba chamada a ser raíña de Castela, Dª Xoana, filla de Henrique IV, aldraxada até o máis íntimo ao proclamarse que era filla do valido Beltrán de la Cueva.

Descoñezo a quen debemos a mentira de que a asemblea nacionalista galega de 1918, de vital importancia para o noso pensamento, se celebrou no simbólico Hotel Méndez Núñez da Rúa da raíña de Lugo

Claro que, talvez, asuntos como este ou que don Pelayo se fixera rei de Asturias e en Covadonga comezou a darlle voltas á idea de reconquistar un terreo que, de seu, era máis godo que outra cousa, eran necesarios para xustificar a impronta nacionalista de xentes como os e as españolas, acuciados e acuciadas por explicaren que eles e elas eran os verdadeiros donos do chan da Península Ibérica. E iso malia que se tratase de estafar os e as veciñas e de restarlles o vello protagonismo histórico que, ao menos, lles restaba; que era o único que lles quedaba.

O mesmo pasa no seo do nacionalismo galego, inzado polo mesmo secretismo, o mesmo sectarismo, a mesma falla de rigor e a pouca elegancia que caracteriza a empresa nacionalista española

Así as cousas, o mesmo pasa no seo do nacionalismo galego, inzado polo mesmo secretismo, o mesmo sectarismo, a mesma falla de rigor e a pouca elegancia que caracteriza a empresa nacionalista española. Iso si, semella que, contodo, eles e elas, parte dos e das nacionalistas, seguen a se laiar da ignominia e das infamias españolas, españolistas, toda vez que relegan, elixen sen criterio e basean parte das súas actuacións nas mentiras e nas falsidades máis flagrantes. Miña madriña!, en todas partes cuecen habas y en mi casa a calderadas, que reza un dito precisamente español.

Daquela, e como parte deses e desas nacionalistas semella que, aínda que debían non facelo, basean as súas vidas públicas e actuacións na falla máis supina de coñecementos, atendendo a que a información que vou dar é pública desde 2002, ano en que na miña propia Tese de Doutoramento en Filoloxía Galega –un documento público onde os haxa—, creo que, en aras da verdade e para conseguirmos ser serios e serias verdadeiramente –algo ben difícil mais, seino, nunca imposíbel— debo volver aludir novamente á historia da nosa casa, á historia da nosa patria, para tratar de facer un chamamento unicamente á verdade, nada máis (e nada menos!).

O despois malogrado Evaristo Correa Calderón (1899-1986), malia que quizais moleste ou pese, foi o incitador do galeguismo nacionalista de Lugo, mesmo da Galiza case enteira

Xa que logo, desde o meu púlpito como investigador, como intenso coñecedor dos feitos aos que aludo e, como non!, como galego preocupado pola verdade, volverei á carga, e volverei sinalar que o despois malogrado Evaristo Correa Calderón (1899-1986), malia que quizais moleste ou pese, foi o incitador do galeguismo nacionalista de Lugo, mesmo da Galiza case enteira. Isto é un asunto indubidábel. En 1917, asentado xa na Residencia de Estudiantes dun gran Madrid louvador da vertixe cosmopolita de entón, é cando un por entón rapazolo de dezaoito anos –si, despois falanxista, despois marqués (mais Risco e Cunqueiro, tan queridos e louvados por ese mesmo nacionalismo caciquil de que falo foron galeguistas, mesmo nacionalistas, foron falanxistas, mesmo en casos aproximados á ideoloxía nazista e, como non, grandes turiferarios das súas liñaxes nobiliarias)— decide constituírse como o adaíl dunha nova ideoloxía. Os seus contactos co que despois se chamaría a horda ultraica (Cansinos, Bóveda, Garfias, Puche, Borges, Huidobro) non lle impediron aparecer, man a man co seu admirado Antón Villar Ponte, como unha das figuras cohesionadoras do novo galeguismo que vai triunfar no país.

Lugo, a atávica cidade dos muros romanos, procedeu a soterrar un rexionalismo caduco e obsoleto e a acoller, aleitándoo, un nacionalismo expresivamente orientado cara á dotación dunha verdadeira maioría de idade para unha nación

E Lugo, a atávica cidade dos muros romanos, procedeu a soterrar un rexionalismo caduco e obsoleto e a acoller, aleitándoo, un nacionalismo expresivamente orientado cara á dotación dunha verdadeira maioría de idade para unha nación que, a partir daquel instante, comezaría a se denominar a si propia como nación. Só con consultarmos a prensa da época (A Nosa Terra, La Idea Moderna, mesmo El Progreso) comprenderemos o alcance daquel momento, saberemos en que espazo concreto se produciu e poderemos louvar a memoria dos verdadeiros homes, feitos e lugares a quen debemos tamaña empresa.

O día 28 de xaneiro de 1917, no especialmente simbólico local do teatro Lugo-Salón da Rúa Aguirre, celebrouse un populoso acto previo á organización da Irmandade da Fala desta cidade. Nunha xuntanza presidida por Manuel Lugrís Freire na que brillou a presenza de Antón Villar, Luís Peña, Tettamancy, Correa, Banet Fontenla, Vega Blanco e Carballal, e que contou cunha nutrida representación da Irmandade da Fala herculina, procederíase a dar soterramento ao rexionalismo, facéndoo, ademais, como desde as páxinas d’A Nosa Terra se subliñaba, através dun acontecemento no que a Galiza “pol-a vez primeira fala c’oa sua lingua”. Non é estraño que, por caso, desde esa data, o nome de Correa Calderón, habitual colaborador de La Idea Moderna, entrase no da nómina de colaboradores do voceiro xa nacionalista da Galiza.

O 12 de xaneiro de 1918 constituíuse a Irmandade da Fala de Lugo, e outra vez Correa Calderón foi o seu motor organizativo

A partir deste momento, na Galiza, e mesmo fóra, comezou a contarse con numerosas Irmandades espalladas pola súa xeografía: a de Baralla, organizada en 1917 por Evaristo e os seus amigos Paulino Pardo de Neyra e Casiano Díaz Moreno; a de Mondoñedo, que debemos ao interese de Luís Peña Novo, ou a Xuventude Céltiga, que desde Madrid articulou o devandito Correa esta vez a carón de Rodríguez Varela. O 12 de xaneiro de 1918 constituíuse a Irmandade da Fala de Lugo, e outra vez Correa Calderón foi o seu motor organizativo, sendo os encarregados da súa oficina eleitoral sita na Rúa do conde de Pallares Lasala, Vega Blanco, Osorio do Campo, Garín, Xesús Carracedo e Sergio Castilla.

O lugar elixido, como non podía ser doutra forma, foi o teatro Lugo-Salón da Rúa Aguirre

O primeiro acto de afirmación galeguista que provocou o novo grupo lucense das Irmandades foi a primeira asemblea nacionalista, un acto programado para o 24 de outubro seguinte mais que debido á epidemia de gripe que asolaba o país debeu ser posposto para os 17 e 18 de novembro dese mesmo ano. O lugar elixido, como non podía ser doutra forma –existe un craso erro, que descoñezo a quen debemos, cando se fala do Méndez Núñez como lugar en que se levou a cabo a asemblea— foi o teatro Lugo-Salón da Rúa Aguirre, polo demais o único espazo en que se podía celebrar un acto de semellantes características, pois noutro lugar non collerían os seus asistentes, asistentes como Risco, Cabanillas, Losada, Taibo, Viqueira, Mosteiro ou Castelao. O 24 de novembro seguinte, no mesmo escenario do cine da Rúa Aguirre, celebraríase unha nova xuntanza nacionalista, unha “asemblea nacional” (La Idea Moderna dixit) da que xurdiría a Irmandade Nazonalista de Lugo que Correa Calderón constituíu a carón de Carracedo, Tellado, Prado e Lázare, instituíndo un consello de dirección composto por Gayoso Castro, Montero Losada, López Pardo ou Gómez Neira, e apostando pola publicación dun boletín que se chamaría A Fouce.

Como vamos pretender recompor o quebracabezas do noso nacionalismo histórico, como vamos acadar un mínimo de seriedade proclamando feitos ou lugares fantásticos?

Evidentemente, pouco importa –xa se ve— que a asemblea de Lugo fose no Méndez Núñez, no Lugo-Salón, no xardín do palacio episcopal da Praza de Santamaría ou no Eroski máis próximo. Tanto ten. Mais quizais tanto teña se nela estivo Castelao, Correa Calderón ou o Pato Lucas acompañado de Minnie Mouse. Daquela, con efecto, se pouco ten onde verdadeiramente fose a asemblea o que si é transcendente é a investigación, o respecto pola historia verdadeira, o respecto, en suma, por nós mesmos e mesmas. Como vamos pretender recompor o quebracabezas do noso nacionalismo histórico, como vamos acadar un mínimo de seriedade proclamando feitos ou lugares fantásticos? Mais non por acaso, tras levar eu moitos anos demostrando que o vangardismo, na Galiza comeza en 1917 da man de Correa e Montes, os meus propios pobres fillos, no centro de ensino en que acadaron o seu Bacharelato tiveron de ouvir que o tal vangardismo galego nacera á calor de Manuel Antonio e Amado Carballo alá pola volta de 1924 e 1927, dez anos despois da data verdadeira e, en todo caso, falando de vangardistas sincréticos activos tan só nun momento moi posterior ao da propia vida dos ismos peninsulares.

Sigan, pois, a crer nas falacias que se nos ofrecen e, non contentos ou contentas con elas, inventen vostedes as propias: así, a seriedade será absolutamente inexistente

Enfín, mal vamos e mal iremos, mal acabaremos. De aí a seguirmos a proclamar feitos reconquistadores e repoboadores na historia do Reino de España non vai nada. Sigan, pois, a crer nas falacias que se nos ofrecen e, non contentos ou contentas con elas, inventen vostedes as propias: así, a seriedade será absolutamente inexistente. Ánimo na empresa!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.