Ás voltas coa representación

A representación burguesa sempre foi suplantación. O seu mecanismo implica a expropiación da nosa capacidade política e de decisión. Instálase no lombo da lóxica da minorización; todo acto político é minguado ata converterse nunha intranscendente representación simbólica. A política acaba sendo caricaturizada ao se reducir ao acto de depositar unha papeleta nunha urna. Apenas cinco segundos. Esa papeleta non implica de ningunha maneira un contrato entre a cidadanía e os seus teóricos representantes, a pesar do que reza nos manuais de propaganda do sistema que seguen cegamente mesmo os gabinetes de comunicación dalgunhas organizacións da esquerda. Esa papeleta é unha cédula de traspaso absoluto de poderes. Un contrato forzoso de entrega total. Coma o contrato mediante o cal vendemos a nosa forza de traballo. A arquitectura sistémica levantada sobre os alicerces da lóxica do contrato forzoso, a vida ou morte. A dualidade atroz: salario ou miseria e exclusión; simulacro da suplantación ou fascismo.

A representación burguesa sempre foi suplantación. O seu mecanismo implica a expropiación da nosa capacidade política e de decisión. Instálase no lombo da lóxica da minorización; todo acto político é minguado ata converterse nunha intranscendente representación simbólica

Desposuíronnos da capacidade de decidir. Mesmo carecemos do dereito a participar no simulacro se non é como espectadores silenciosos e admirados. Todo protagonismo é potestade exclusiva do Partido da Orde, de calquera das súas pólas. Un brazo do Estado. E o Estado, por se a esquerda aínda non o comprendeu, é burgués. E a burguesía, por se todas estas décadas non foron suficientemente explícitas, ordena e manda e organiza a partir da conciencia das súas necesidades. Non hai aínda clase que protexa mellor os seus intereses colectivos. Garantir o negocio. O Estado é clasista, profundamente clasista, por moito que comprendamos a necesidade de depositar nel certas conquistas. Temporalmente.

Non hai nada novo, nin nada exclusivo desta época, na suplantación que agochan as formas do réxime de representación. Non descubrimos nada esencial cando advertimos que a representación difire a capacidade política popular a instancias separadas dos suxeitos colectivos, que a representación baixo o dominio da burguesía é unha expropiación de capacidades e de dereitos. Non o estamos descubrindo hoxe. É unha realidade tan vella coma o propio parlamentarismo burgués. A novidade ofrécea a contradición que de golpe se desvela cunha evidencia moi carnosa ante os ollos da xente. Cando a chamada crise, ou sexa, a presente reestruturación radical do capitalismo, empeza a tocar os aspectos máis intimamente materiais das nosas vidas, comprobamos que calquera decisión importante está ben agochada na caixa forte dos consellos de administración, non suxeitos, como é obvio, a sufraxio universal nin a control popular.

O efecto óptico é democrático e representativo; a realidade é unha inmensa e abismal zona escura á que a multitude non ten acceso. Nesa zona é onde se toman todas as decisións importantes

Nese momento preciso, cando se evidencia o bloqueo de soberanía popular, desvélase con toda nitidez a trampa da representación, o engano da ilusión de democracia. A gran contradición abre unha ferida sangrante que non dará cicatrizado. O efecto óptico é democrático e representativo; a realidade é unha inmensa e abismal zona escura á que a multitude non ten acceso. Nesa zona é onde se toman todas as decisións importantes. As económicas en primeiro lugar, e, a partir delas, todas as demais. A visión horroriza, porque nos permite comprender a fraxilidade das nosas ilusións de autonomía e de liberdade. Porque nos ofrece o rostro real do monstro que ocupa os nosos soños e asalta as nosas vidas en todas as súas dimensións.

Esa ferida sangrante expresa con toda a súa crueza a incompatibilidade entre capitalismo e democracia, e é entón cando certos movementos sociais e grupos máis ou menos organizados ou espontáneos de cidadás e cidadáns expresan indignación. Aló onde o lucro é a ética que o ordena todo, non hai democracia.

As cousas importantes decídenas os consellos de administración. Esta fractura desvela que a representación é unha farsa

O negocio non pode estar suxeito a decisións democráticas; por tanto, a cidadanía, que só o é nominalmente, non terá capacidade de decisión sobre os asuntos que afectan ás vidas das persoas. As cousas importantes decídenas os consellos de administración. Esta fractura desvela que a representación é unha farsa.

Non nos representan! A multitude berra, pero non por culpa de que haxa unha caste política particularmente perversa, senón por unha conciencia, poida que ás veces aínda intuitiva, da imposibilidade da representación nestas circunstancias. O berro expresa, mesmo máis aló dunha posible articulación política, que lucro privado e representación como idea de proxección do poder e da soberanía popular son radicalmente incompatibles. A saída non é, logo, un proceso de rexeneración ética, senón unha transformación política e das relacións económicas que posibilite a substitución da ética do lucro pola ética da cooperación e do común. Recuperar o sentido orixinario da representación e abolir a suplantación. Esta reacción é profundamente política, esixe un recoñecemento da política, pero desprázao ao protagonismo do suxeito colectivo que conforma a inmensa maioría social hoxe gobernada e dominada por unha exquisita minoría. Falar de antipolítica para definir estes movementos e estas posicións é non comprender a razón dun profundo e radical rexeitamento do réxime e das súas formas políticas. É defender contra toda evidencia a solidez desta fenda contraditoria.

Esta reacción é profundamente política, esixe un recoñecemento da política, pero desprázao ao protagonismo do suxeito colectivo que conforma a inmensa maioría social hoxe gobernada e dominada por unha exquisita minoría

No teatro da representación hai lugar para conmover o público espectador. Certo. Existe esa posibilidade. A capacidade de conmoción non nola expropiarán de todo. Pero será conmoción sen eficacia, inocua, puro simulacro, se non comprendemos e excitamos a fenda contraditoria, se non captamos os límites que impón a representación. Ou sexa, se non asaltamos os lindes de aceptabilidade do sistema, aqueles cuxa transgresión converten toda reforma necesaria en revolución imprescindible. E é máis aló desa fronteira onde a esquerda atopará o seu espazo de construción.

Na súa necesidade de conmover, posto que no ámbito institucional pouco espazo queda para a transformación, as organizacións de esquerda están obrigadas a excitar as contradicións que dan en feridas abertas e sangrantes. Se non hai compatibilidade entre a representación e o lucro, como non a hai, cumprirá explicitar tal imposibilidade e a necesidade dun outro modelo de intervención política. Se, por contra, a organización fai seus os argumentos de lexitimación do réxime e do sistema, ben atacando os movementos sociais que desvelan e expresan a contradición entre democracia e lucro, ben convertendo en ética universal principios que só responden á ética do beneficio, o seu traxecto irá aproximándose ao do mando ata cortarse con el e confundirse cos seus aparellos de dominio e control.

Un discurso crítico co réxime de representación e o seu baleirado democrático, coa profesionalización e coa expropiación da actividade política casa mal coa esixencia da dedicación exclusiva para o traballo parlamentario. Desvélase nese caso unha acumulación de contradicións que conduce a un remuíño ideolóxico e político suicida. Porque o labor parlamentario non é un traballo profesional; porque todas as persoas teñen dereito a ser elixidas, incluídas aquelas que queiran compatibilizar a súa actividade laboral e profesional coas tarefas de representación ou estean obrigadas a facelo; porque o réxime de representación non establece relación directa entre representados e representante individualizado nin existe un corpo social activo que mediante mandato imperativo determine as decisións en cada caso; porque non existe dereito á revogación; porque en política para a transformación o traballo e a responsabilidade son colectivos, dificilmente podemos falar de traballo individual. E por cen mil razóns máis.

O rexeitamento real da profesionalización da actividade política e, por tanto, da barreira para que calquera poida ser elixido independentemente da súa condición social. A esquerda debera telo claro, e non o ten. Todo o contrario

Argumentar motivos de ética funcional ao réxime de representación para criticar a dedicación parcial e compartida con outro traballo dun representante parlamentario é, nunha organización de esquerda, a expresión dunha complexa contradición política. Ao contrario; precisamente compatibilizar tarefas sería o sinal máis preciso de dous aspectos que deberan ser fundacionais dunha nova cultura política: primeiro, o acceso de traballadoras e traballadores ao labor compartido e non individualizable de representación; segundo, o rexeitamento real da profesionalización da actividade política e, por tanto, da barreira para que calquera poida ser elixido independentemente da súa condición social. A esquerda debera telo claro, e non o ten. Todo o contrario. No tocante ao réxime de representación e as súas normas políticas e éticas, o pensamento conservador segue a ser hexemónico. E tamén o patriarcal: ninguén lle esixiría a unha muller o abandono do coidado do seu fogar ou dos seus fillos para acceder á dignidade de representante parlamentaria. E non porque non se considere imprescindible que haxa reparto de traballo sen marcas de xénero, senón porque o pensamento dominante, tamén en tantas organizacións de esquerda, segue a considerar que ese traballo que se acumula nas costas e no cerebro das mulleres non é traballo socialmente necesario máis traballo sometido a algunha forma de plusvalía. Ou sexa, certa modalidade non regulada de traballo asalariado.

Pero ese xa será outro debate, do que a esquerda tampouco poderá escapar aínda que queira.

 

Estrambote

O máis transparente, o de comportamento máis leal, o que menos merecía o maltrato público foi David Fernández Calviño, mais por algunha razón aínda non de todo desvelada foi o albo de todas as infamias

Publico este artigo despois de David Fernández Calviño, deputado da Alternativa Galega de Esquerda, facer efectiva a renuncia ao seu escano e tras un longo proceso de escarño público e erros de comunicación e conceptualización provenientes de diferentes  ámbitos e transportadores de intereses particulares e de grupo. O máis transparente, o de comportamento máis leal, o que menos merecía o maltrato público foi David Fernández Calviño, mais por algunha razón aínda non de todo desvelada foi o albo de todas as infamias, incluídas algunhas obsesións dalgún xornalista especializado en filtracións e díxome-díxomes. Con este artigo non pretendo máis que abrir un debate arredor do réxime de representación, e se ese debate non está mediatizado por intereses partidarios ou de clan nin por xenreiras persoais, mellor será. Por iso non se publicou antes.

Este texto vai dedicado a quen ata hai case nada foi un estupendo parlamentario e desde agora mesmo será un importante investigador obrigado á emigración. A David Fernández Calviño.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.