Ante a dor dos demais

Capturar, deportar ou deixalos morrer no seu angustiante éxodo mediterráneo rumbo ao falso El dorado da Europa-fortaleza. No seu momento, a alta corte dos nosos eminentísimos eurodiputados contentábase con denominar a este proceso políticas de inmigración, e as castas políticas dos nosos estados-nación seguíanlles o xogo. Mais, as máscaras, así como as verdadeiras intencions dos seres humanos, sexa por acción ou omisión, por abuso de retórica ou silencio calculado, só poden ocultarse ata que os feitos converten as representacións, verbais ou dramatúrxicas, en inaceptables falsedades. A día de hoxe, a casposa burocracia da nosa Euro-Otan xa é menos coidadosa coa linguaxe e non se morde a lingua á hora de falar, sen eufemismos, da necesidade dunha política de control de fronteiras.

A día de hoxe, a casposa burocracia da nosa Euro-Otan xa é menos coidadosa coa linguaxe e non se morde a lingua á hora de falar, sen eufemismos, da necesidade dunha política de control de fronteiras

Así pois, controlemos as fronteiras con muros e arame farpado, cunha crecente dotación orzamentaria en forzas de seguridade fronteiriza, e sigamos xogando, mentres tanto, ao humano, demasiado humano xogo da pataca quente, cuspíndonos reciprocamente as responsabilidades recíprocas da última carnicería humana que chegou flotando silenciosamente á illa Italiana de Lampedusa.

Pasan os días, e máis alá do xogo da pataca quente, máis alá de mediáticas e lacrimóxenos rituais de do, máis alá de patéticos funerais de estado, seguimos sen saber cales son as interpretacións e as propostas concretas para ter sequera un gramo de esperanza en que ese imperativo popperián de construir unha sociedade aberta foi, é ou será algo máis que unha inxenuidade moral que esixe o que as élites da civilizatio neoliberal, non só non están dispostas a conceder, senón que ademais afortalan a través da institucionalización e formalización legal de múltiples formas de violencia, exterminación física, deportación e construción de verdadeiros campos de concentración internos, denominados eufemisticamente centros de internamento para estranxeiros.

O silencio, a falta de imaxinación, de volición ética, de profundidade e esforzo interpretativo, da esquerda europea, contrasta angustiosamente cos seguintes feitos:
1 – Por primeira vez na súa historia dende a súa fundación en 1972, a extrema-dereita francesa lidera os sondeos de intención de voto para as eleccions Europeas.
2 – Persiste o número de países nos que as extremas-dereitas nacionais conquiren representación parlamentaria e suben nos sondeos de intención de voto.
3 – A principios de outubro, o parlamento húngaro, dominado con 2/3 de representación parlamentaria de FIDESZ, aproba unha lei que castiga a mendicidade con multas, cárcere e traballo comunitario, dando opción aos concellos para definir e delimitar xeograficamente que zonas poderán e que zonas non poderán habitar os mendigos, e mesmo facendo extensible a lei mesma ás comunidades que habiten en Chabolas na periferia das ciudades e vilas de Hungría.
4 – Persiste a descarnada e cruísima violencia, material e simbólica, coa que algúns importantes alcaldes da socialdemocracia francesa definen e pretenden integrar á comunidade xitana de Francia, aludindo á súa intrínseca incapacidade para encaixar nun suposto modelo de integración Francés que xa hai anos resultou un estrepitoso fracaso, e facendo énfase, ademáis, na súa natural incapacidade para entender os sacrosantos valores democráticos e republicanos do Estado Francés.

Atrévome a concluir que esta esquizofrénica dinámica de control dos fluxos de inmigración extra-comunitaria persistirá cunha non menos dinámica de control dos fluxos de inmigración intra-comunitaria, no que se refire ao que neste artigo chamarei a condición nómada dos suxeitos que deciden abandonar o seu país de orixen ou, sinxelamente, atópanse nun perpetuo non-lugar, fuxindo dos bandazos de fracasadas políticas de suposta integración de minorías étnicas. Ademais, no que se refire ao que neste artigo chamarei a condición sedentaria dos suxeitos que procuran arraizar no seu país, sexa ou non de orixe, tamén persistirá a angusriante dinámica de control demográfico e exclusión social; a reproducción planetaria, global, da civilizatio neoliberal, non pode darse sen, ao mesmo tempo, a cristalización dun sistema penal e carcerario que persegue, controla e disciplina aos propios despoxos que xera o seu selectivo mercado laboral.

Lampedusa non é un acontecimento illado que se mereceu un inusual protagonismo mediático debido á súa excepcional crueldade. Lampedusa é a macabra cotidianeidade

Lampedusa non é un acontecimento illado que se mereceu un inusual protagonismo mediático debido á súa excepcional crueldade. Lampedusa é a macabra cotidianeidade, o día a día que se respira nas fronteiras da Europa fortaleza. Esta Europa rancia, sosa e casposa que vai converténdose nun infumable verxel de xenófobo e racista populismo patriarcal e que, inxenuamente, alguns crían superado despois da segunda guerra mundial e os milagrosos pactos keynesiáns que conviviron, cómpre recordalo, cunha volta ao reafortalamento e refinanciación público-privada do conglomerado industrial-militar e penal-carcerario.

Ou é que acaso xa ninguén se acorda da chamada directiva Bolkestein que se aprobou no ano 2006 para permitir aos estados membros da UE a xestión do retorno e deportación de inmigrantes sen papeis?

Lampedusa é unha das múltiples consecuencias. A gobernanza ultraliberal a escala planetaria é a causa. Ou é que acaso xa ninguén se acorda de que as leises Italianas contra a Inmigración clandestina que agora alarman á clase política Europea son a continuación do que o consello Europeo aprobou no ano 2002 a instancias de Francia? Ou é que acaso xa ninguén recorda que esa directiva aprobada no consello Europeo permitía aos estados membros da UE sancionar a quenes ousasen asistir aos inmigrantes que chegasen ás nosas fronteiras en situación de ilegalidade? Ou é que acaso xa ninguén se acorda da chamada directiva Bolkestein que se aprobou no ano 2006 para permitir aos estados membros da UE a xestión do retorno e deportación de inmigrantes sen papeis?

A política de control de fronteiras, antes, como agora, sigue estando en marcha. Esta semana, o parlamento Europeo deu o visto bo a EUROSUR, unha máis que probable obra de enxeñería institucional cuxa intención será, textualmente, “coordinar a vixilancia de tódalas fronteiras exteriores á UE”, así como dispor de información just in time para que as autoridades dos estados membros reforzen aínda máis o seu control fronterizo coordinándose máis eficazmente coas forzas de seguridade fronteiriza.

Nada, absolutamente nada, poderán facer estes inventos de enxeñería institucional e xurídico-militar para impedir a vía libre, no país de orixe, das redes mafiosas organizadas que poñen prezo ao soño dos inmigrantes por chegar ao El dorado da Europa occidental. Nada, absolutamente nada poderán facer, a non ser cargar coa clásica dupla moral que esixe, ao mesmo tempo, un estado feble para a apertura de fronteiras e o libre tránsito de empresas, mercadorías, información e capital financeiro-especulativo… e un estado forte  para impor baixas taxas arancelarias e afortalar o control militar e xeo-estratéxico a un libre tránsito de persoas que non existe. Esta, lamentablemente, é unha dinámica que se reproduce, non só ad-extra, senon tamén ad-intra, na nosa Europa-fortaleza, en cuxo ámbito xeográfico reprodúcense progresivamente máis e máis arquipélagos localizados de exclusión e pobreza extrema, e en cuxo ámbito existe un claro control selectivo dos fluxos de inmigración internos.

“Non nos sentimos Italianos”. Isto, textualmente, din moitos cidadans de Lampedusa, que saben diferenciar moi ben o principio de solidaridade, axuda mutua e empatía ante a dor allea dos protocolos oficiais dun Estado, o italiano, que perciben moi, moi lonxano

“Non nos sentimos Italianos”. Isto, textualmente, din moitos cidadans de Lampedusa, que saben diferenciar moi ben o principio de solidaridade, axuda mutua e empatía ante a dor allea dos protocolos oficiais dun Estado, o italiano, que perciben moi, moi lonxano. Tan lonxanos como lonxanas, moi lonxanas, parécenlles as bágoas de crocodilo e os rituais mediáticos dos nosos eurocéntricos, euroracistas e europapanatas parlamentarios.

Cando os discursos nacionais que apelan á unidade - ben fundamentándose retrospectivamente en principios fundacionais, ollando cara o pasado, ben fundamentándose proxectivamente en principios re-fundadores, ollando cara o futuro - deveñen en relixions secularizadas que constrúen falsos universalismos, partindo dun universo cultural atrincheirado e distanciado perante a dor dos demais. Cando deveñen na sacralización da razón de estado por riba de calqueira consideración ética, ou cando se mesturan ámbalas dúas cousas para fuxir da perplexidade que causa a contemplación da crúa e núa realidade, o único que nos queda é partir da base de que toda solidaridade nacional non é máis – nin menos – que un efecto chamada para que a sociedade civil que quere defenderse dos abusos de poder e da mentira recupere de novo a palabra que lle é perpetuamente roubada, así como a autonomía real sobre as súas propias vidas.

Recentemente, Hamid Dabashi, recordando a Edward Said no décimo aniversario do seu finamento, deixóunolo claro :

“Despois de Said acabáronse os intelectuais foráneos, non nacionais, non-internacionais, do primeiro, do segundo ou do terceiro mundo. O campo de batalla das ideas é específico e global ao mesmo tempo. Non podes librar ninguna batalla a nivel local sen que quede rexistrada globalmente. Se non eres global, non eres local. E se non eres local, non eres global. Os intelectuais máis aburridos son aqueles que pensan que USA, IRÁN, INDIA ou o polo norte son o centro do universo. Mais o universo non ten centro, nin periferia. Todos andamos flotando. Said era moi específico sobre Palestina e polo tanto fixo do predicamento palestino unha alegoría metafísica, e basouna na agonía física e o heroísmo do seu pobo. Carece de sentido falar de intelectuais en exilio despois de Said, precisamente porque él teorizou exhaustivamente a categoría na súa época. Non hai unha patria da que se poida estar exiliado. O capital e o Imperio que desexa mais non logra o micro-control está en todas partes. Non hai saída dese mundo, e patria ou exilio son ilusions desmanteladas polo capital e a condición do Imperio. A nova organicidade intelectual que Said fixo posible require que te arremangues as mangas da camisola, que te ensucies, para que en medio do caos poidas atopar luz na escuridade. Esperanza na desesperanza”.

O mar de Lampedusa, o Mediterráneo, é, así pois, parte dese todo que é o Imperio neoliberal de ultramar. E o Imperio ultraliberal seguirá producindo centos de miles de arquipélagos de miseria como Lampedusa, quer por terra, quer por mar. Quer fóra, quer dentro de Europa.

Ante a dor dos demais, parafraseando o título dun ensaio de Susan Sontag, xa non ten ningún sentido poñerse a observar con microscópio se a materia humana dos nosos doe máis ou menos que a dos outros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.