Paz e ben, de interese cultural, para Herbón

Para quen seguira con atención o longo proceso administrativo e social que levou, finalmente, a que o Consello da Xunta de Galicia de onte, 12 de setembro de 2013, declarase Ben de Interese Cultural (BIC) o convento franciscano de San Antonio de Herbón, en Padrón, o sucedido non ten dúbida ningunha. Nesta película, con exceso de metraxe, os protagonistas e os antagonistas quedaron ben retratados porque, como di a sabedoría popular, o tempo pon sempre a cada quen no seu lugar. Con todo, non estaría de máis, agora, coa satisfacción que dá o comprobar que si se pode, lembrar algunhas cuestións.

A solicitude de BIC para Herbón fíxose de maneira exquisita. Buscouse a máxima colaboración interinstitucional e acadouse

A solicitude de BIC para Herbón fíxose de maneira exquisita. Buscouse a máxima colaboración interinstitucional e acadouse. Nos primeiros momentos, alcalde, patrimonio, entidades sociais, orde franciscana, estaban de acordo, mesmo entusiasmados coa petición. Facíase imprescindible, era unha das condicións que poñía o Ministerio de Fomento para acceder á financiación con cargo ó 1% cultural. Abrimos unha negociación con Fomento, cando o presidía Xosé Blanco. Federico Mayor Zaragoza e mais eu estivemos en Madrid no despacho de Fernando Puig de la Bellacasa Aguirre defendendo o proxecto de restauración de máis de 1000 metros cadrados dun dos edificios do convento, moi deteriorado, para facer nel un Centro Internacional pola Paz, o que chamamos Lar da Paz. A acollida foi moi favorable. Mesmo el persoalmente visitou o convento. O apoio, en Patrimonio da Xunta de Galicia, foi tamén entusiasta. Pedro de Llano fixo un proxecto arquitectónico de restauración magnífico. E o alcalde, Fernández Angueira, daquela, non tiña problema ningún.

Tiñamos conseguida unha axuda de nada menos que de 700.000€ con cargo ó 1% cultural. Con tres condicións: iniciar a tramitación do BIC, aceptada por Patrimonio sen problema ningún

Tiñamos conseguida unha axuda de nada menos que de 700.000€ con cargo ó 1% cultural. Con tres condicións: iniciar a tramitación do BIC, aceptada por Patrimonio sen problema ningún. A intermediación dunha entidade pública entre a orde franciscana e o Seminario Galego de Educación para a Paz, o Concello ou a universidade e, por último, que a cesión dos espazos fose por un período de 50 anos. O noso convenio en vigor o é por 20 anos renovables. E entón empezaron as dificultades.

Algúns veciños, poderosos e influíntes no Concello de Padrón, en vista de que o proceso avanzaba positivamente, empezaron a ver problemas onde non os había

Algúns veciños, poderosos e influíntes no Concello de Padrón, en vista de que o proceso avanzaba positivamente, empezaron a ver problemas onde non os había, especialmente, porque o informe de Patrimonio establecía un perímetro, non solicitado, de protección especial arredor da muralla do convento. Presionaron o alcalde. E este, en vez de impoñer cordura e responsabilidade, cedeu. Convocou unha asemblea veciñal, convidou e excluíu a quen quixo, axitou as augas, alarmou aínda máis, recolleu sinaturas e mesmo promoveu unhas alegacións a sabendas de que estaban fora de prazo. A parroquia fracturouse. As presións foron a máis. E as ameazas. Sobre todo contra do Prior Roberto Freire e as mulleres da asociación Sementar. Insultos, chamadas telefónicas, avisos, envelenamento de Alma, a cadela do convento, infamias, panfletos, declaracións en prensa (ver hemeroteca), inxurias, mesmo desde o púlpito, desprestixio persoal... e, ademais, presión política interna, dentro do PP para paralizar o BIC, en Patrimonio, na Comisión Provincial, na Orde Franciscana, en todas partes, o alcalde non paraba. A quen o escoitaba dicíalle que tiña dous grandes obxectivos, paralizar o BIC e sacar a Roberto Freire de Herbón. Houbo silencios elocuentes.

Onde antes había acordo foise abrindo paso o desacordo. En Patrimonio, na Orde Franciscana, no Concello... dous anos de tirapuxas. División, conflitividade social, alarma, declaracións en prensa... todo valía para xustificar a paralización do BIC. E así estivemos ata que rematou o prazo sen que Patrimonio decidira. O anterior Director Xeral, coas eleccións autonómicas ás portas, non quixo mollarse. A nova directora xeral, María del Carmen Martínez Insua, tomou o touro polos cornos e decidiu, cunha profesionalidade que a honra, aplicar o procedemento administrativo, impoñer a legalidade, manter o informe favorable e propor a concesión do BIC ó Consello da Xunta. Parabéns a ela e a todos os funcionarios que se mantiveron firmes e non cederon ás presións. Noraboa e recoñecemento. E as máis de 1000 sinaturas recollidas, en Padrón e na rede, entregadas ó Provincial franciscano, Pai Castiñeira.

A nota do Consello da Xunta quere ser condescendente co alcalde, do seu mesmo partido, a quen alguén deu varios toques. Se tivese algo de dignidade, tería que marchar

Con todo, non conceder o BIC a Herbón sería un escándalo. Os recursos xa estaban anunciados, sobre a base do voto particular de Carlos Amoedo, representante da Universidade de A Coruña na Comisión Provincial de Patrimonio, vaia papelón fixeron. Non hai precedentes, que eu coñeza, dunha solicitude tramitada en tempo e forma, con todos os informes técnicos favorables, que fose finalmente desestimada con alegacións en contra fóra de prazo.

A nota do Consello da Xunta quere ser condescendente co alcalde, do seu mesmo partido, a quen alguén deu varios toques. Se tivese algo de dignidade, tería que marchar. Resaltar que o BIC será compatible coa actividade agraria é unha obviedade, estaba na solicitude. Calquera pode velo. Como calquera pode ver as alegacións de Fernández Angueira, que aínda fora de prazo, foron desestimadas.

A satisfacción, en calquera caso, non é completa. Roberto Freire, prior de Herbón, máximo defensor do BIC e da continuidade dos proxectos sociais, non estará alí para xestionalo

A satisfacción, en calquera caso, non é completa. Roberto Freire, prior de Herbón, máximo defensor do BIC e da continuidade dos proxectos sociais, non estará alí para xestionalo, como el quería, como desexamos todas as entidades que compartimos espazos no convento. Alma, a cadela envelenada, tampouco.

Con tanta presión e tensión, a subvención de Fomento perdeuse. Os franciscanos non quixeron ampliar o prazo de cesión a 50 anos. Unha mágoa.

E hoxe, en Herbón, xa non hai frades, non existe unha comunidade franciscana estable. Por iso a satisfacción pola declaración do BIC non é completa. Mesmo cando o Papa Francisco proclama que os conventos franciscanos non poden ser para facer diñeiro e negocio, con hoteis, restaurantes ou residencias de luxo, senón para poñelos ó servizo da sociedade, dos refuxiados, dos empobrecidos, dos perseguidos, dos máis necesitados.

Roberto Freire, se alguén non o remedia, mirará cun sorriso desde a lonxanía e a frialdade do Cebreiro, e soñará con volver, outra vez, ó Herbón que tanto quere.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.