Os incendio forestais. Hai algo novo que dicir?

Estes días parécenos estar nun dejá vu cos incendios forestais. Unha onda de incendios forestais, idénticos artefactos encontrados, un/as responsábeis dicindo o mesmo desde hai décadas, da igual quen goberne, e unhas reivindicacións anti-incendios que non varían dende hai vinte anos, agás excepcións.

Mais aló da responsabilidade de quen os provoca, os incendios están determinados por causas que están no noso propio modelo produtivo e no noso propio ordenamento (ou mellor desartellamento) territorial

Desde hai mais dun terzo de século seguemos sufrindo incendios masivos que periodicamente dan lugar a veráns terríbeis e seguemos responsabilizando dos mesmos a unha trama incendiaria sen conseguir desentrañala nin explicar quen son e a quen serven. Se durante tanto tempo seguimos na mesma, non queda máis remedio que cualificar os incendios, mesmo os incendiarios, como un problema estrutural, como os accidentes de trafico. E dicir que, mais aló da responsabilidade de quen os provoca, os incendios están determinados por causas que están no noso propio modelo produtivo e no noso propio ordenamento (ou mellor desartellamento) territorial. Son estas causas estruturais as que fan posíbel ou favorecen que a trama incendiaria, ou o que sexa que os provoca, teña éxito. Semella que non nos queda mais alternativa que enfrontalas.

Unha axeitada xestión do monte desde unha perspectiva integral non é só unha materia pendente, senón tamén unha necesidade urxente. Está moi ligada, como dixemos, á xestión do territorio e a ocupación do mesmo, mais tamén a unha correcta análise do seu papel, das súas funcións e da súa importancia económica. E para iso, hai que procurar non repetir dogmaticamente as mesmas ideas nin por parte de quen goberna, nin por parte de quen reivindica. Cada pouco tempo, como calquera cousa neste mundo, hai que someter as vellas ideas a revisión, aínda que só sexa para concluír que poden seguir sendo validas. Aquí deixo algunhas consideracións para reflexionar e contribuír a enfocar o tema desde outra perspectiva.

Atreveríame a cuestionar que as nosas masas forestais sexan unha grande riqueza para o noso pais, nin económica nin ambiental, sen que isto signifique que pretenda negar a súa importancia, senón mais ben situala no seu contexto

Para moita xente, desde ecoloxistas a produtivistas, a perda de nosa “riqueza” forestal é un drama. Os incendios efectivamente son un drama sobre todo pola erosión e a perda irreparábel de solo, pero eu atreveríame a cuestionar que as nosas masas forestais sexan unha grande riqueza para o noso pais, nin económica nin ambiental, sen que isto signifique que pretenda negar a súa importancia, senón mais ben situala no seu contexto.

Ate hai moi poucos anos, en Galiza o monte non foi unha superficie forestal, senón fundamentalmente agrícola e gandeira que cumpría con distintas funcións

Aproximadamente o 60% da superficie galega esta cualificada como superficie forestal. E isto é moi novo historicamente, porque, tradicionalmente e ate hai moi poucos anos, en Galiza o monte non foi unha superficie forestal, senón fundamentalmente agrícola e gandeira que cumpría con distintas funcións. Abel Bouhier describiu con moita claridade o funcionamento do vello complexo agrario e o papel do monte como apoio á agricultura. Vale a pena deterse a ler a descrición que o profesor Balboa  fai do funcionamento do que chama “a agricultura do monte”, aínda que algúns se poidan sorprender. Unha porcentaxe importante de monte tiña un aproveitamento colectivo tremendamente eficiente. Sen embargo, distintas investigacións amosan que foron as actuacións políticas as que axudaron a rachar o equilibrio e mesmo provocaron o seu abandono. Segundo indica o profesor Rico Boquete, as repoboacións forestais comezan a finais do século XIX e comezos do XX, debido á necesidade de abastecer de madeira á industria española, unha razón que nada tiña que ver coa dinámica propia do rural galego

Unha vez rachada a lóxica do sistema agrario tradicional, o monte non derivou en bosque como pretenden algúns ecoloxistas. Agás valiosas excepcións coñecidas de todos/as, que sen embargo teñen un insuficiente nivel de protección, na actualidade o que temos maioritariamente son monocultivos de eucaliptos e piñeiros. O monte arborado converteuse case exclusivamente nun terreo onde se cultiva madeira e onde se implantaron de maneira masiva especies e técnicas importadas a un pais que non tiña, nin ten aínda, tradición silvícola. Mais, foi con éxito?

O monte arborado converteuse case exclusivamente nun terreo onde se cultiva madeira e onde se implantaron de maneira masiva especies e técnicas importadas a un pais que non tiña, nin ten aínda, tradición silvícola

Hoxe en dia, o sector forestal é un sector extractor de materia prima sen transformar con destino á exportación. Dúas terceiras partes da produción forestal de Galiza sae fora do pais. Como consecuencia a xeración de valor engadido non semella de moita entidade. Aínda que moitas terras dedicadas á produción forestal son de peor calidade e non serían aptas para a produción agraria, é bastante chamativo que o valor engadido xerado por unha Ha. de superficie forestal sexa entre catro e seis veces menor que o xerado por unha Ha. de superficie agraria e iso que unha parte substancial dos custes, como o dispositivo antiincendios, está externalizada e pagámola entre todos/as os/as cidadáns.  E ademais o sector forestal no seu conxunto xera bastantes menos postos de traballo que o sector agrogandeiro.

Non se trata só de substituír as especies pirofitas importadas, favorecedoras de incendios, por especies autóctonas

Así pois, a primeira consideración que compre facer é a seguinte: Estarémonos equivocando con esta política de forestación masiva que pretende que todo o monte e mesmo moitas terras agrarias teña un uso forestal? Hai sitio no medio rural e no monte para o bosque e para un importante sector forestal, pero non todo o rural, nin todo o monte ten que ser necesariamente forestal. Polo tanto non se trata só de substituír as especies pirofitas importadas, favorecedoras de incendios, por especies autóctonas. Sen cuestionar este tipo de propostas, semellan moitas veces unha brinde ao sol incapaz de efectivizarse sen modificar o contexto. O que compre é ollar o monte desde outra perspectiva, xa que, deste xeito, non só se farán posíbeis alternativas como a antedita senón que se ampliaran enormemente as posibilidades que ofrece.  Só dous exemplos

O monte galego foi non hai moito unha inmensa zona de pastoreo extensivo. Por que non pode volver a selo en certas zonas? Pensemos no sistema tradicional das veceiras, hoxe practicamente desaparecido, mais que, analizado nos comezos do século XXI, non deixa de ser un traballo de tempada (como os chiringuitos, campings  ou estacións de esquí) moi ben organizado.

Nas universidades xa se estuda desde hai tempo que o monte ten tres funcións: produtiva, recreativa e ambiental. Algunhas comunidades autónomas, como Estremadura ou Euskadi teñen feito a valoración integral dos seus montes, incluíndo estas tres funcións, cousa que non ocorre en Galiza, a lo menos que eu saiba. Sen embargo, a partir dos datos do Terceiro Inventario Forestal do Estado Español pódese deducir que a renda anual proporcionada polas as funcións recreativas e ambientais dos montes galegos representan case as tres cuartas partes dos obtidos pola función produtiva. Tamén se pode observar que comunidades autónomas como Asturias, en cuxos montes teñen un peso importante as función recreativas e ambientais, conseguen unha renda total dos mesmos similar a que obtemos en Galiza, aínda que a súa produción forestal sexa bastante menor. Podemos albiscar pois que hai marxe para unha estratexia que incremente o valor das funcións recreativas e ambientais de xeito que compense ou mesmo supere a diminución que se puidera provocar na produción forestal.

O monte ten tres funcións: produtiva, recreativa e ambiental. Algunhas comunidades autónomas, como Estremadura ou Euskadi teñen feito a valoración integral dos seus montes, incluíndo estas tres funcións, cousa que non ocorre en Galiza

A política que pretende a forestación masiva do territorio retroalimentase co abandono deste. Nun territorio coas características bioclimáticas que ten Galiza, a biomasa medra extraordinariamente. E, a menos que concibamos o rural como un enorme bosque, onde non teñen sitio as persoas, esta realidade hai que xestionala actuando sobre ela. Outra cousa é debater de que xeito e con que intensidade actuar. Pero isto só se pode facer con éxito mantendo ocupado o territorio en lugar de seguir incidindo naqueles aspectos que provocan o despoboamento masivo do rural .

Por unha banda, existen moitos propietarios/as que xa non viven no rural e para os que a produción de especies como o eucalipto é unha alternativa ao abandono das terras, ou mellor dito, é un certo xeito de abandono que, ao cabo do tempo, cun pouco de sorte e sen a penas facer nada, pode xerar algúns cartos. Sen tomar outro tipo de medidas esta situación continuará porque para estas persoas, calquera outra forma de xestionar as súas terras de monte  é, case sempre, menos interesante desde o punto de vista económico

Por outra banda as pequenas explotacións agrarias familiares acosadas e desprestixiadas desde o punto de vista político, económico, mediatico e científico, foron e seguen sendo arrombadas en calquera política sexa agraria, forestal, medio ambiental ou territorial o que leva a súa desaparición.

Non é posíbel unha ampla ocupación do territorio rural sen pequenas explotacións agrarias familiares

Sen embargo non é posíbel unha ampla ocupación do territorio rural sen pequenas explotacións agrarias familiares. Aínda hoxe en dia, estas xestionan a maior parte da superficie agraria. Pero ademais xestionan directamente arredor do 27% da superficie arborada pertencente a propietarios individuais de Galiza o arredor do 50% se temos en conta a súa participación nos montes veciñais.

Polo tanto, non semella doado formular unha adecuada política forestal que non contemple o papel das pequenas explotacións agrarias familiares e sen poñer en practica políticas de ocupación do territorio rural. Sen embargo a visión do monte como un terreo de exclusivo uso forestal impúxose ao marxe ou por riba das consideracións dos/as labregos/as e das practicas tradicionais, xerando unha actividade económica que, en moitos casos, se asenta no medio rural pero sen a participación das persoas que alí viven. E ademais quen saca os verdadeiros beneficios son as grandes empresas madeireiras.

Mentres non formulemos outro modelo produtivo, territorial e medio ambiental, ano tras ano, uns mais e outros menos, seguiremos padecendo a mesma desgraza e escoitando as mesmas cousas

O caso mais paradigmático desta política  e o dispositivo antiincendios alleo as persoas que viven no rural que deberían ser as máis implicadas na xestión do mesmo. Ou sexa, sen cuestionar que hai que apagar os incendios, previlos e todo o demais, moito me temo que, mentres non formulemos outro modelo produtivo, territorial e medio ambiental, ano tras ano, uns mais e outros menos, seguiremos padecendo a mesma desgraza e escoitando as mesmas cousas, agás excepcións. Sen ir ao fondo da cuestión, o problema dos incendios non terá remedio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.