Nós, os detritívoros

A partir de 1776 o uso da máquina de vapor de Newcomen, mellorada por James Watt, levou a unha crecente dependencia da enerxía fósil, a cal deu temporalmente a fraccións cada vez meirandes da poboación humana, poderes xigantescos. Cos desenvolvementos tecnolóxicos que viñeron despois, o Homo colossus adquiriu durante as seguintes nove xeracións, a ilusión de non ter límites. William R. Catton, Jr. (2009)

Tras a Revolución Industrial os seres humanos convertémonos nunha especie detritívora, é dicir, que se alimenta de detritos

Tras a Revolución Industrial os seres humanos convertémonos nunha especie detritívora, é dicir, que se alimenta de detritos. Esta denominación procede de Overshoot: The Ecological Basis of Revolutionary Change do sociólogo estadounidense William Catton, nado en 1926 e que leva desde os anos 70 do século pasado adicado ao estudo da socioloxía medioambiental e da ecoloxía humana. Aquel libro marcara en 1980 un fito na literatura da ciencia ecolóxica ao ser pioneiro en advertir de que a humanidade estaba a sobrepasar a capacidade de carga do planeta. A obra tivo hai poucos anos (2009) unha secuela titulada Bottleneck: Humanity's Impending Impasse, que constitúe o lúcido e amargo testamento intelectual de Catton e no que o profesor emérito da Universidade Estatal de Washington xa non advirte; limítase a constatar que non se fixo nada desde aquela para evitar ou reverter a extralimitación e analiza polo miúdo como a arrogante exuberancia (hubris) do Homo colossus nos leva dereitos a un pescozo de botella evolutivo que pode supoñer a extinción da nosa especie ou, cando menos, unha brutal redución no número de seres humanos sobre o planeta.

O detrito do que nos alimentamos non é outro có petróleo e mais o gas natural, os tesouros fósiles que a nosa especie aprendeu a explotar e que permitiron que nun intervalo de tan só douscentos anos! multiplicásemos por sete a poboación mundial, a cal se mantivera ata o século XIX sempre por baixo do milleiro de millóns de persoas. Esa cifra aparece logo como a capacidade máxima de carga (carrying capacity) que ten o planeta para manter a nosa especie mediante as achegas constantes de enerxía procedentes do sol. A achega extra que supuxo a enerxía fósil (primeiro o carbón, despois o petróleo e o gas natural) permitiunos, de maneira temporal, ampliar enormemente o noso nicho ecolóxico e rebordar esa cifra de xeito abraiante. Onde antes cabían apenas mil millóns, de súpeto (en termos históricos) coubemos sete mil millóns. En 1920 aínda eramos só dous mil millóns, así que no último século chegamos a máis ca triplicarnos! A gráfica da poboación humana desde o ano 1800 é un exemplo de libro do que é un crecemento exponencial. E se lle superpoñermos a gráfica do consumo total de enerxía (ou a do consumo per cápita), entenderemos como foi este medre posible: a correlación é absoluta.

De feito, podemos calcular de onde saíron tantos seres humanos mesmo en termos físicos: as moléculas de nitróxeno contidas nos corpos dos seres humanos que actualmente poboamos a Terra —en forma de ADN e aminoácidos que forman os tecidos da nosa masa muscular, por exemplo— saíron en boa medida —nun 50%, calcúlase— do gas natural, principalmente metano, que foi convertido en fertilizantes nitroxenados por medio da chamada reacción de Haber-Bosch, e estes en alimentos vexetais e animais por medio da agricultura e gandaría industriais. Foi esta dispoñibilidade de metano e de petróleo —enerxía solar prehistórica almacenada en forma química ao longo de millóns de anos— a que nos permitiu ampliar a capacidade de carga do planeta e rebasar o noso límite natural dos mil millóns de habitantes.

A chamada Revolución Verde ben podía terse denominado, con máis propiedade, a Revolución Negra, tanto pola cor do petróleo como polo futuro ao que nos condenaba

Hai que di, en expresión moi reveladora, que a agricultura moderna consiste en utilizar a terra para converter petróleo en comida. Así é que a chamada Revolución Verde ben podía terse denominado, con máis propiedade, a Revolución Negra, tanto pola cor do petróleo como polo futuro ao que nos condenaba. En poucas décadas centos de milleiros de tractores, colleitadoras e outra maquinaria agrícola espalláronse polo mundo, toneladas de fertilizantes sintéticos foron introducidos en terras esgotadas, millóns de vehículos de transporte, industrias de procesado e distribución alimentar, centos de cadeas de supermercados e centros comerciais, convertíronse no mecanismo creado pola nosa civilización para explotar esa enerxía fósil e convertela en alimento para máis e máis seres humanos.

As melloras na calidade de vida tamén asociadas a esta abundancia enerxética —como servizos de sanidade pública tecnificada, produtos farmacéuticos de síntese, materiais da industria petroquímica, etc.— fixeron posible non só que naceran e se puidesen alimentar cada vez máis persoas senón que sobrevivisen en mellores condicións materiais, sobre todo nos países pertencentes ao industrializado mundo rico. Por suposto todo isto foi facilitado por un sistema económico e social orientado ao beneficio a curto prazo e embarcado nun aparentemente imparable crecemento económico, medido este cuantitativamente segundo a cantidade de bens e servizos producidos con esta descomunal enerxía y que eran consumidos pola crecente masa humana de traballadores-consumidores.

A especie que deixa de alimentarse das súas fontes enerxéticas renovables experimentará un crecemento explosivo (exponencial) na súa poboación

Tráxica pero previsiblemente, isto non podía durar moito e así nolo tentaba explicar Catton xa no 1980, antes ca el o matrimonio Meadows e Jorgen Randers —autores de Limits to Growth (1972)— e nas décadas que viñeron despois, cada vez máis científicos, filósofos ou ecoloxistas. O petróleo primeiro e despois o gas natural, habían chegar sen tardaren moito ao seu máximo de extracción e a partir de aí devalaría a súa dispoñibilidade e todo o sistema industrial montado en base a eles, incluído o sistema agroalimentar, esfarelaríase. É o que hoxe coñecemos como peak oil, peak gas, peak coal... e moitos outros picos ou teitos de extracción de recursos finitos enerxéticos e materiais.

A especie que deixa de alimentarse das súas fontes enerxéticas renovables —non podemos esquecer que a comida é enerxía endosomática—, é dicir, aquelas das que dispón cada ciclo anual grazas ao sol e á base fotosintética da cadea trófica, para pasar a se alimentar dun abundante e rico detrito non renovable, experimentará un crecemento explosivo (exponencial) na súa poboación. Pero ao tempo, esa especie que vira detritívora estase condenado a un colapso demográfico no momento en que o detrito chegue a un certo punto de esgotamento, ao xeito que sucede coas poboacións de insectos ou doutros animais no intre en que viran unha praga e despois de esgotaren o excedente de alimento morren masivamente: "We are the locust”, como di Adolgo Doring, autor do documental Blind Spot (2008)... "Nós somos a lagosta".

O que debemos afrontar, polo tanto, é que a nosa especie vai sufrir antes ou despois unha terrible caída na súa poboación, unha enorme mortandade, unha die-off

O que debemos afrontar, polo tanto, é que a nosa especie vai sufrir antes ou despois unha terrible caída na súa poboación, unha enorme mortandade, unha die-off. Entre os autores que levan analizado esta situación non existe consenso acerca de cal será o nivel ata o que caerá a poboación humana despois da desaparición do seu temporal soporte enerxético fósil, pero podemos enumerar algúns factores relevantes ao respecto: 1) Sen os fertilizantes sintéticos faltaría o nitróxeno para a metade dos corpos humanos existentes: de aí podemos derivar que cando este falte non poderán existir máis de 3,5 mil millóns de habitantes. 2) A poboación humana preindustrial sempre se mantivo por baixo dos mil millóns: ese parece ser o teito natural da nosa especie, ou cando menos o teito historicamente constatado. 3) Os avances no coñecemento científico en áreas como a medicina, a bioloxía, a química, a edafoloxía, a ecoloxía, e mesmo en técnicas un tanto underground como a permacultura, asociadas ao maior coñecemento que se ten acerca da eficiencia e sustentabilidade dos diversos sistemas agrícolas tradicionais ao longo da historia humana, poderían en teoría permitir compensar nalgunha medida a caída da poboación e así elevarmos un pouco o noso límite natural, sempre e cando fósemos quen de conservar colectivamente ese coñecemento e aplicalo axeitadamente nun contexto de descenso enerxético acelerado e de colapso a múltiples niveis. 4) Porén, a extralimitación (o overshoot do que falaba Catton) ten consecuencias sobre a base natural que sostén a poboación (o solo fértil, a biodiversidade, a auga potable, o clima...), e durante varias décadas —cando menos— despois do colapso é posible que esta base de recursos non recupere o nivel que permitía soportar os mil millóns de humanos... ou mesmo que non se recupere nunca ou que fique danado para moitos séculos pola contaminación, perda de solo fértil, mudanza climática e outros factores negativos de orixe antropoxénica de longo impacto. É dicir, o que poderíamos teoricamente compensar por medio do noso actual coñecemento científico (o que sabemos facer) pode que se perda pola vía do deterioro ambiental (que nos limita o que podemos facer). 5) O previsible colapso da civilización industrial asociado á queda dos recursos enerxéticos fósiles moi probablemente terá consecuencias que impacten directa e negativamente no nivel demográfico: guerras polos derradeiros recursos (enerxía, materias primas, auga, terra fértil), conflitividade social, deterioro das condicións de vida, catástrofes industriais debido á falta de mantemento e de materiais con graves repercusións ambientais e na saúde para millóns de persoas (lembremos Bhopal, Chernobil, Deep Horizon, Fukushima...), meirande aumento da contaminación nun van intento de proseguir cun sistema inviable (p.ex. mediante a substitución parcial do petróleo polo carbón ou mediante técnicas coma o fracking), perda da capacidade de regulación e control dos Estados sobre as actividades contaminantes e sobre a seguridade das poboacións, e un longo e tétrico etcétera.

En definitiva: non sabemos ata onde vai caer a poboación humana, pero sabemos que o vai facer con seguridade

En definitiva: non sabemos ata onde vai caer a poboación humana, pero sabemos que o vai facer con seguridade. Tampouco sabemos o ritmo ao que se vai producir ese devalar, aínda que as cifras manexadas por varios autores parecen indicar que se completará a caída en menos dun século. Parecen bastante máis claras as vías polas que se concretará ese colapso poboacional, xa que contamos con experiencias históricas doutras civilizacións humanas e poboacións animais que colapsaron no pasado, e que se relacionan moitas delas co quinto factor devandito: 1) A falta de alimento será un obvio xinete desta apocalipse autoinducida, como xa vimos de comentar, ao deixar de ser viable a agroindustria intensiva actual fosildependente. 2) Sabemos que as guerras polos recursos son un factor que a nosa violenta especie dificilmente vai dar evitado, e de feito vímolo experimentando en maior ou menor medida desde o comezo da Revolución Industrial, con dúas guerras mundiais e innumerables conflitos locais. 3) O deterioro xeral das condicións de vida tamén implicará un aumento de mortes difícil de cuantificar; a contaminación será sen dúbida decisiva nesa queda poboacional, por medio dunha extensión dos cancros, problemas hormonais e de fertilidade, intoxicacións e todo tipo de enfermidades de orixe ambiental; como as levaduras nunha botella de mosto, acabaremos afogando nos nosos propios residuos alcohólicos e carbónicos tras o festín de azucres. 4) O colapso das cidades, cuxo funcionamento é totalmente dependente do subministro permanente de alimentos e de enerxía desde o exterior, e onde xa vive máis da metade da poboación mundial, suporá unha grave crise demográfica que implicará o éxodo probablemente caótico de milleiros de millóns de persoas de volta ao campo en busca de sustento e de traballo, con previsibles conflitos de todo tipo, por moi paulatino que poida resultar este retorno, e que poden derivar na morte dunha parte non desprezable dos ex-urbanitas. 5) O aumento das infeccións, epidemias, parasitoses, etc. —que xa se está a producir agora por factores precolapso como a mudanza climática, a resistencia aos antibióticos ou as mutacións dos axentes infecciosos—, será cada vez máis difíciles de atallar cos sistemas sanitarios en quebra e hanse cobrar cada vez máis vidas, contribuíndo así tamén ao descenso da poboación. 6) A mudanza climática será unha vía indirecta na que os nosos residuos (neste caso os gases de efecto invernadoiro) deteriorarán a capacidade do planeta para soportar a nosa especie: menos lugares habitables, menos auga potable, aumento dos lumes forestais e fenómenos meteorolóxicos estremos, perda de biodiversidade, desertificación, erosión, destrución de ecosistemas, problemas para o cultivo de especies agrícolas...; iso sen contar coas posibles realimentacións positivas que poidan acelerar o quecemento global (p.ex. o temido derretemento do permafrost ártico e a consecuente liberación masiva de metano á atmosfera) e facer bruscamente inhabitable o planeta para a nosa especie e moitas outras. 7) Accidentes en instalacións como presas hidroeléctricas ou centrais nucleares, debidos a fenómenos atmosféricos, movementos sísmicos, tormentas xeomagnéticas do nivel das que xa se teñen constatado no pasado —o chamado Evento Carrington (1859) causaría un desastre a nivel mundial se volvese suceder hoxe— ou ao simple deterioro entrópico das estruturas non compensado cun mantemento cada vez máis custoso en termos económicos e enerxéticos. 8) Deterioro xeral nas estruturas económicas e sociais, con millóns de persoas excluídas e incapaces de se adaptaren, atrapadas en modos e lugares de vida insostibles, que xa está a levar ao suicidio a non poucas persoas e ao deterioro xeral da súa saúde física e mental para case todas. 9) Descenso da natalidade polas malas perspectivas económicas e tamén pola contaminación química, aínda que podería verse compensado polo acceso cada vez máis difícil a métodos anticonceptivos modernos e pola tendencia a volver ás familias extensas/numerosas para compensar a carencia de soporte estatal (seguridade social, xubilación paga...) e de enerxías fósiles para o cultivo mecanizado das terras.

Diante desta perspectiva o noso instinto de supervivencia e o noso sentido ético reclámannos buscar unha solución, unha saída, algo que minimice esta masiva mortandade ou que cando menos evite a total extinción da nosa especie

Diante desta perspectiva o noso instinto de supervivencia e o noso sentido ético reclámannos buscar unha solución, unha saída, algo que minimice esta masiva mortandade ou que cando menos evite a total extinción da nosa especie. Porén, semella moi difícil albiscar algo semellante a unha esperanza. En calquera caso o primeiro paso é recoñecer a situación nos seus auténticos termos e loitar contra o xigantesco e múltiple engano que nos atranca. Este mortal engano penetra na nosa percepción a varios niveis: 1/ Nivel político-económico) Os detentadores do poder tentan mantelo a toda costa neste naufraxio civilizatorio, e para iso precisan manter enganado o resto da poboación o máximo tempo posible, mentres se resitúan para a etapa poscapitalista e acaparan todo o posible para si, a costa dos de baixo e a costa doutros países. Así é como debemos interpretar o actual espolio de diñeiro e servizos públicos, o acaparamento masivo de terras fértiles a nivel mundial, os intentos por controlar a agua e as sementes, e todas as manobras xeopolíticas en torno a países exportadores de enerxía. 2/ Nivel semiótico-cultural) A propia cultura de masas creada desde os anos 50 do século XX a partir desa maquinaria monstruosa e ubicua chamada publicidade, e insertada nos cerebros de boa parte dos sete mil millóns por medio da televisión, que promete continuidade e mellora permanente, promovendo valores suicidas como o consumo irracional, o individualismo e a hiperespecialización. 3/ Nivel psicolóxico) A propia resistencia mental, a disonancia cognitiva que nos impide aceptar unha realidade que choca co noso modelo mental de representación do mundo, coas nosas expectativas, cos relatos que desde nenos moldearon o noso cerebro desde o nivel semiótico-cultural e que falan de progreso continuo e irreversible, de crecemento infinito, da excepcionalidade da nosa especie e da súa separación e dominio do resto do mundo natural, do poder máxico da ciencia e a tecnoloxía, da infinitude dos recursos...

Por se isto non abondase, a nosa xenética é o froito de millóns de anos de loita individual e colectiva contra perigos palpables e inmediatos (un depredador, unha tribo invasora, un lume, unha enchente...) e polo tanto estamos neuronalmente cableados para reaccionarmos moi ben diante deste tipo de ameazas e adaptarmos a condicións mudantes sempre e cando as teñamos diante. Pero por desgraza iso implica que non sabemos reaccionar ao imprevisto, ás ameazas invisibles, ás condicións que aínda non mudaran. A evolución non nos capacitou para nos anticiparmos, para previrmos e os nosos xenes mantéñennos paralizados dicíndonos: non pasa nada, non reacciones.

Sen liberármonos deses enganos (externos e internos, sociais e psicolóxicos) resulta inxenuo pensar noutro remate da nosa historia diferente á catástrofe máis absoluta

Sen liberármonos deses enganos (externos e internos, sociais e psicolóxicos) resulta inxenuo pensar noutro remate da nosa historia diferente á catástrofe máis absoluta. Así e todo, se temos que empezar esa liberación por algures sería pola base de todo este colosal erro da nosa especie: se queremos evitar o destino dos detritívoros, non queda outra que deixarmos de comer petróleo, o cal non quere dicir unicamente pasar a consumir alimentos locais e producidos sen gasto de enerxía e fertilizantes fósiles, senón reducirmos drástica e masivamente o noso consumo en todos os ámbitos, é dicir a nosa pegada enerxética total.

Por suposto falamos dunha política de Decrecemento democraticamente xestionado contra unha política xenocida dun capitalismo salvaxe en caótica descomposición

Mais a solución individual non aseguraría a supervivencia: esta redución debe ser realizada en conxunto por toda a nosa especie, de maneira coordenada, organizada e redistribuíndo con xustiza os recursos remanentes para igualarmos o máis posible os niveis materiais de vida de todos os seres humanos, co obxectivo de satisfacermos as necesidades básicas do máximo número posible de persoas a nivel mundial e sen discriminacións. Se non, sería deixarmos de consumir para que outros puidesen consumir máis ou durante máis tempo, que se cadra é o que algúns están a buscar disimuladamente. Por suposto falamos dunha política de Decrecemento democraticamente xestionado contra unha política xenocida dun capitalismo salvaxe en caótica descomposición. Por suposto falamos dunha utopía, mais unha utopía imprescindible se queremos evitar a nosa extinción.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.