POVISA: deterioro laboral e consecuencias para os usuarios

Aproveitando a caducidade do convenio colectivo de POVISA, a parte empresarial baixo o foco da política de recortes da Xunta pretende precarizar de forma especialmente agresiva as condicións laborais dos traballadores/as deste hospital. Fálase dunha rebaixa do 40% dos salarios. Pero este proceso de degradación laboral coa redución de xornadas, os despidos e outras medidas xa ven de atrás.

Aproveitando a caducidade do convenio colectivo de POVISA, a parte empresarial baixo o foco da política de recortes da Xunta pretende precarizar de forma especialmente agresiva as condicións laborais dos traballadores/as deste hospital

Resulta evidente que esta situación vai ter (xa está tendo) a súa repercusión na atención sanitaria que recibimos todos os usuarios/as que con cartilla do Sergas estamos adscritos obrigatoriamente a ese centro hospitalario privado. O estrés laboral, o esgotamento físico por xornadas prolongadas e con turnos insoportables, a desmotivación e os cadros de ansiedade e depresión, todos eles efectos da precarización laboral, non son, desde logo, o mellor caldo de cultivo para crear un ambiente agradable, saudable e recuperador para o/a paciente.

Como consecuencia, recentemente, tivemos coñecemento a través dos medios de graves denuncias sobre a calidade asistencial de POVISA

Como consecuencia, recentemente, tivemos coñecemento a través dos medios de graves denuncias sobre a calidade asistencial de POVISA. Facían referencia a feitos que, sen dúbida teñen moito que ver coas políticas de austeridade tan queridas como buscadas polos nosos gobernantes neoliberais. Incidentes eses en absoluto imputables á capacidade profesional do persoal sanitario e non sanitario do hospital, senon a esa política indiscriminada de recortes que coa desculpa do pago dunha débeda que xeraron  especuladores, banqueiros e vividores quérenos facer pagar ás grandes maiorías. De feito, foi a profesionalidade do persoal de POVISA a que logrou manter durante todos estes anos uns niveis aceptables de atención e de calidade en relación cos recursos cos que conta, malia a xestión privatizada nas mans dun modelo empresarial mesquiño e parasitario.

Cando a fins de 2010 finalizou o vixente concerto a parte empresarial representou o papel que tiña moi ben ensaiado ao longo dos últimos vinte anos: a chantaxe. Chegou a ameazar co cese da actividade e un ERE empresarial, utilizando o enorme poder de presión sobre a administración da Xunta que lle outorga contar cunha poboación cautiva formada por 140.000 cartillas sanitarias. A contenda rematou cun armisticio temporal: prorrogábase o concerto por “interese público” á espera da súa renovación unha vez que o Novo Hospital de Vigo entrase en funcionamento. A medida que nos aproximamos á data límite, que oficialmente se sitúa en 2014, parece que chega o momento de ir afinando as condicións económicas do novo concerto. Por sorte para a empresa e a Xunta a reforma laboral do goberno de Rajoy non puido vir máis oportunamente. A caducidade do convenio tras unha prolongada e inútil negociación produciuse a inicios deste mes de xullo e con ela a entrada en vigor das normas laborais do convenio provincial. De aí a abismal caída en picado dos salarios e de moitos outros dereitos dos traballadores/as de POVISA.

Sabidas son as presións da Xunta para rebaixar o monto económico global que anualmente recibe este centro hospitalario. Despois do que acabamos de ver, a resposta á pregunta de quen vai pagar o pato, resulta obvia

Sabidas son as presións da Xunta para rebaixar o monto económico global que anualmente recibe este centro hospitalario. Despois do que acabamos de ver, a resposta á pregunta de quen vai pagar o pato, resulta obvia. Por suposto, o axuste preténdese facer básicamente meténdolle man ás nóminas dos traballadores/as, pero tamén a conta da poboación asignada que vai ser afectada indirectamente polo recorte xeral nos distintos servizos. Xa a finais de 2011, o empresario en cuestión, o señor Silveira, afirmaba que o "contexto xeral é restritivo e que tal vez debamos facer algúns axustes nos nosos custos laborais". Unha aceptación temeraria da rebaixa na calidade asistencial para adecuar o seu negocio á oferta restritiva da Xunta.

Probablemente Feijoo e os seus secuaces queiran tomar como referencia para o novo sistema de financiamento económico per cápita do novo concerto

Probablemente Feijoo e os seus secuaces queiran tomar como referencia para o novo sistema de financiamento económico per cápita do novo concerto (o actual modelo realiza o cálculo do Ingreso Económico Global mediante un complexo cálculo por procesos) cantidades similares ás que se asignarían aos seis hospitais madrileños en trámite de total privatización. Este recorte poderíase concretar nun 10% sobre a cantidade de 74 millóns e pico de euros asignados anualmente a empresa POVISA dos orzamentos da Xunta: o resultado de rebaixar os 535 euros que recibe por cartilla o hospital vigués aos 485 euros per cápita de media dos devanditos hospitais da comunidade autónoma de Madrid.

A respecto da asignación da Generalitat de Valencia aos hospitais PPP (Partenariado Público Privado) da súa comunidade (530 euros de pago per cápita), a situación só aparentemente resulta equiparable a POVISA. Hai que ter en conta que o hospital de Vigo non ten asignada a poboación pediátrica e carece de obstetricia, cirurxía cardíaca, cirurxía torácica, neurorradioloxía, etc, etc., ademáis doutros servizos que desde as plataformas vimos reclamando.

En resumo: o modelo POVISA é, segundo os prezos do “mercado”, demasiado caro e a intencionalidade da Xunta é reducir o importe do novo concerto rebaixando os custos laborais

En resumo: o modelo POVISA é, segundo os prezos do “mercado”, demasiado caro e a intencionalidade da Xunta é reducir o importe do novo concerto rebaixando os custos laborais. Nesta liña as palabras recollidas polo comité de empresa da boca de Antonio Fernández-Campa, secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, no sentido de que de producirse unha rebaixa sustancial da masa salarial do convenio dun 40% o hospital recibiría menos diñeiro do Sergas, clarifican a idea que teñen en mente e, por tanto, ratifican o expresado anteriormente de que os resultados dunha negociación á baixa do novo concerto recaerá sobre as costas de traballadores/as e da poboación do Morrazo, o Val Miñor e Coia que temos como hospital como referencia POVISA.

A ofensiva patronal contra o colectivo laboral de POVISA converte os/as pacientes en reféns dun mal goberno, que desde que chegou Feijóo á presidencia da Xunta non deu resolto ningún dos problemas importantes que tiñamos planteados na Área Sanitaria de Vigo. O empeño nun custoso e inacabable Novo Hospital privatizado que acabou encarecendo a obra e agravando a situación, correu parello á dinamitación de amplos consensos conseguidos antes do seu mandato para ordenar o sistema hospitalario e, por tanto, atopar un lugar funcionalmente adecuado para POVISA no sistema interhospitalario da Área.

En consecuencia, desde SOS Sanidade Pública e as plataformas da Área de Vigo non temos outra que manifestar a nosa rotunda solidariedade coas reivindicacións laborais do colectivo de traballadores/as de POVISA en contra dos recortes de persoal e de servizos porque como usuarios/as somos os/as que as padecemos directamente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.