Anova, AGE: mind the gap

Filipe Diez, particular cronista de asembleas partidarias, con fino ollo para mirar máis aló dos votos, emprega a palabra gap para referirse á distancia que tercia entre a base militante de Anova e o seu impacto electoral. É dicir, ese abismo, franqueable polo que se ve, entre a doutrina política e o respaldo que o seu líder e a súa exitosa campaña mitinesca presentan.

O fenómeno AGE, homologable a outros movementos de resistencia ás decisións da UE, neste inverno do descontento, segue a semellar unha incógnita

O fenómeno AGE, homologable a outros movementos de resistencia ás decisións da UE, neste inverno do descontento, segue a semellar unha incógnita. Oportunismo electoral, estratexia política a curto e medio prazo, alianzas interesadas, resposta da esquerda social á crise: calquera destas fórmulas acae a este movemento, segundo o cristal con que se mire.

Noutra achega, eu requería do movemento un aliñamento afirmativo: unha proposta de goberno ou de exercicio (mínimo) de poder que puidera artellar esa fronte de natureza opositora. Experiencias había: a de Cangas podía servir, aínda que feble, e pouco firme no tempo, para o contraste. No conxunto parecían emerxer as forzas de rebeldía comunista e aínda libertaria, cos correspondentes tics independentistas, ao cabo, non prioritarios. Tamén certo altermundismo, cando menos no horizonte de lembranzas cercanas dun Beiras asomado nas varandas de Porto Alegre. Sen esquecer o clásico nacionalismo rebotado dun Bloque desfigurado (en sentido estrito, coas súas figuras en retirada), sen acougo, desalentado en centos de agrupacións, movementos ou sindicatos afíns sen atopar definición nen proxecto. A iso engadiuse o vedraño pouso do pecé(gá), que, con sucesivos restylings, adapta o seu discurso elemental anticapitalista antineoliberal (sexa o que sexa o que isto signifique) ás circunstancias habituais de crise económica. Un difuso esquerdismo, probablemente tan difuso coma o nacionalismo que nutre as súas filas, tamén conflúe nesta formación política, con aspiracións de transformar non só o panorama externo senón tamén o réxime líquido da representación interna. 

Este magma político, de persoas, votantes mais ben, que proceden de campos tan diversos, atopa na figura de Beiras a representación simbólica, mesmo a súa faciana retórica e iconográfica

Este magma político, de persoas, votantes mais ben, que proceden de campos tan diversos, atopa na figura de Beiras a representación simbólica, mesmo a súa faciana retórica e iconográfica. A nostalxia do sorpasso dos noventa, a vehemencia oratoria (non exenta de contundentes simplicidades, que outros alcuman de verdades inapelables), a oposición sinxela e durísima contra certos signos, mais ben personaxes con nomes e apelidos, da estafa masiva da crise, o pulo conciliador de sensibilidades durante tempo receantes, as famosas sinerxias xeradas pola conxunción de dúas culturas políticas algo diversas pero que presentan puntos de intersección interesantes e ben fértiles son razóns evidentes do éxito electoral.

Que en EU ratificaran a Iolanda Díaz e o seu consello político non dera para moito falar non os exime tampouco da mesma tarefa: a de construíren unha proposta de goberno, verosímil a ser posible

Sobre este panorama basta unha conferencia política dun dos compoñentes da alianza para que agromen non só as disidencias senón a fráxil compostura do conxunto. Non son experto en anovismos, pero moito me temo que tras estas leas internas, de familiar dejà vu, agóchase a dificultade de artellar un programa político mais ou menos unitario para gobernar mañá mesmo. Sospeito que esta primeira asemblea soaba a repetición da constituínte: resultaba lóxico tras a relativa sorpresa do éxito electoral. Unha medición de forzas internas era necesaria, pero segue sen quedar claro, alén de certas figuracións opositoras, a opción de goberno que pode encarnar. Ou non mirei eu ben ou sigo sen adiviñar o propósito político, económico, social e mesmo cultural do conxunto. Non vou negar que o haxa, pero farían ben en amosalo con maior claridade. Que en EU ratificaran a Iolanda Díaz e o seu consello político non dera para moito falar non os exime tampouco da mesma tarefa: a de construíren unha proposta de goberno, verosímil a ser posible, para vindeiras citas electorais e agardables encargas políticas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.