Minando o sur

Sempre negaron o sur. Sempre. Nunca doutro xeito. Xamais. O poder sempre dixo que o sur non debía ser. Para que? Os sures só serven para esgazaren os nortes levando a contraria con postulados ilóxicos, ciclotímicos, asimétricos, curvos, por veces sentimentais, case sempre desvariados. Nunca interesou.

O recuncho noroeste Galiza – Galicia non debía quedar á marxe desta cosmovisión “avanzada” e “correcta” do mundo

O recuncho noroeste Galiza – Galicia non debía quedar á marxe desta cosmovisión “avanzada” e “correcta” do mundo. A realidade, esa dona traidora de estirpe sureña que houbo que pór en corentena por laretas, teimaba e teimaba en evidenciar a súa existencia, polo que non quedou outra que facer un apaño e argallar catro medios que desen algunha cobertura aparente no desprezo constante dos organismos pertinentes: Xunta, comunicadores oficiais, Deputacións... o que nos boten.

A herdanza vén de lonxe, de moi lonxe, non hai vontade de revertela porque suporía reconstruír o ínfimo da insignificancia e deixa pegada en case calquera aspecto das nosas vidas. O eufemismo máis común o resume acotío como “falta de autoestima”.

Hoxe falamos de como minar definitivamente o sur na enésima entrega do serial Galicia Bling Bling. Non vale torcer o bico que así o queren os deuses sagrados do norte. Por desgraza toca volver a falar da agresión ao medio e da minaría cando o que realmente nos pide o sur do corpo é falar de investigación, da memoria, de creación, das ondas do mar, das crianzas, de imaxinario, de poesía, de sanidade, de sexo, de educación, de música, de xogos, de viaxes, de cereixas, de linguas, de artes, de papaventos, do que che pasou hoxe á mañá que che deu tanta risa, de cinema, do que soñaches antonte, dese brillo fugaz que levas prendido nos ollos. Galicia é a comunidade con menos territorio protexido. Ese 11% que apenas se respecta tan só por diante de Melilla. A ninfrarlle á ONU.

Non vale torcer o bico que así o queren os deuses sagrados do norte. Por desgraza toca volver a falar da agresión ao medio e da minaría

O responsábel nesta ocasión non se chama Nacho John Thomas que hoxe os de Corcoesto libran e está de garda Ghicho Daniel Perry James, da Megold Resources Lda. Collan asento que desta volta gozaremos de programa triplo de terror. O visionado comeza cunha curta experimental en Pinzás, na serra da Groba. A lei (o rendemento do mineral) suponse superior ao de Corcoesto. Maldito sur.

Que ninguén crea que Perry James é orixinal na escolla porque a Pinzás xa lle botaron o ollo os antergos do paleolítico (auga e caza) e os parentes romanos (ouro). O noso centurión da Lexión Megold pretende ser o exterminador definitivo remexendo durante tres anos unha extensión equivalente á superficie de todo o concello de Oia, case tres veces o de Baiona. Os informes favorábeis de Medio Ambiente e de Patrimonio poden constituír todo unha Eneida épico-dramática da derruba ao tratarse dunha zona moi rica en mámoas e en explotacións auríferas romanas, por non falar da conexión implícita entre o monte, os acuíferos (un patrimonio natural en si mesmo) e a ría. Levamos todo un estado español propietario do subsolo nas entrañas e as comunidades de montes e particulares aquí non contan. Hai voces que alertan do inevitábel desafiuzamento de hostalaría e turismo, a querida á que os medios de comunicación e corporacións municipais puxeron piso con vistas ao porto deportivo.

O do Galiñeiro é unha longametraxe de amor sempre interrupta. Cando non se fedella co tema dos eólicos, cuadriculan o absurdo chamándolle terras raras invadindo todo o habido e por haber até o sector sur do Campus Universitario da Universidade de Vigo

O do Galiñeiro é unha longametraxe de amor sempre interrupta. Cando non se fedella co tema dos eólicos, cuadriculan o absurdo chamándolle terras raras invadindo todo o habido e por haber até o sector sur do Campus Universitario da Universidade de Vigo. Como cada vez somos máis os que berramos ben alto que queremos protección (ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia, incorporación da Serra do Galiñeiro ao Parque Natural do Aloia...) os intermediarios da cuadrícula mental propoñen un estraño puzzle cunha figura de segunda categoría non integrada na Rede Galega de espazos protexidos: Espazos Naturais de Interese Local de ámbito municipal sen apenas financiamento e que abre o paso a presuntos manexos caciquís.

A amnesia retrógrada esquece o alto valor emotivo, natural e histórico da serra do Galiñeiro para toda a poboación de Vigo, Mos, Gondomar, o Porriño e Tui, o espazo idóneo para a realización de investigacións e prácticas de campo en áreas como a arqueoloxía, etnografía, xeoloxía, flora e fauna; o lugar de iniciación á escalada, ciclismo de montaña e tantos outros deportes e actividades ao aire libre.

Como sobremesa ofrecemos un clásico, un éxito garantido asegurado a todo risco. Máis de noso que a torta de Santiago, a celulosa de ENCE na ría de Pontevedra, con ese inconfundíbel cheiro a podremia edulcorada, sempre consegue deixarnos sen palabras. Xeracións enteiras manifestándose con unanimidade polo seu peche para acabar, unha vez máis, noutra promesa incumprida.

Xa que logo, onde se pode atopar a saída, algunha solución fronte ao estado de miseria ambiental que comezamos a entrever?

Xa que logo, onde se pode atopar a saída, algunha solución fronte ao estado de miseria ambiental que comezamos a entrever? É prioritario tentar incidir nos centros de poder financeiro e de toma de decisións mundiais. A difusión e adhesión á iniciativa Que non arrasen Galicia constitúe a toma de conciencia da magnitude do problema. Sen esquecer as actividades organizadas dende as plataformas locais, a plataforma ContraMINAcción desenvolve un traballo de coordinación da problemática no seu conxunto á que te podes sumar. Non nos debemos esquecer tampouco da importancia á hora de rachar con esa fronteira mediática “natural” aínda presente no telón de grelos: a capital do reino descoñece os prolegómenos desta nova marea negra ocupada como está nas súas propias marexadas internas. Sería desexábel mobilizar a entidades ecoloxistas profesionalizadas con certa pegada histórica en Galicia como Greenpeace e similares para conseguir visibilizar o problema noutras esferas internacionais onde se dirimen estas cuestións.

O acoso constante ao sur de Europa ten como obxectivo unha rexeneración capitalista que está fracasada de antemán. Cada vez imos ter menos que perder. A que esperamos?

Estamos a padecer políticas globalizadoras moi agresivas nunha etapa de carreira neocolonial adoecida por atopar materias primas, fontes de enerxía e fontes de especulación. O acoso constante ao sur de Europa ten como obxectivo unha rexeneración capitalista que está fracasada de antemán. Cada vez imos ter menos que perder. A que esperamos?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.