Familia, subversión e escrache

De súpeto as familias aprenderon que a economía ía na dirección incorrecta, que o estado español, un dos estados europeos que menos recursos lles ofrece, ten a pior clasificación en desemprego, igualdade e empobrecemento. A familia está de volta a través da PAH, dos partidos sensibles ao social, dunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) e pola acción de escarnio (escrache) dos afectados polas execucións de hipotecas e as accións preferentes, todo eles fenómenos estreitamente relacionados.

Cando mozos, os nosos avós tiñan confianza na ética do esforzo, na cultura e no traballo. Estuda rapaz, estuda - repetían, sabedores de que un fillo era vantaxe e beneficio, gaño futuro para a casa e para o individuo, para a xente, para nós como colectivo e non só como medio privado de medre persoal. Se non había posibilidade de estudar era preciso traballar, ou traballar para poder estudar. Como os modernos, era a menciña dos avós para crear cidadáns autónomos e de paso de garantir un mellor traballo e, se cadra tamén, unha mellora da renda e da posición social. Albiscaban no esforzo presente un investimento para un medre futuro, un mañá mellor do que hoxe. Quen hoxe persiste no platexamento son os mesmos que louvan, sen aparente contradición, a preparación da xuventude e a súa falta de esforzo. Como se prepararse se fixer sen esforzo aparente. Acontece que a sociedade actual non ten máis recompensa que ofrecerlles do que culpa e lóxica do dobre vínculo. Así, o investimento persoal a longo prazo baseado no esforzo presente pasou ao gaño de recompensa inmediata do traballo non cualificado e abuso do crédito: era o benestar das oportunidades infinitas, cada xeración superaba a anterior, non había diñeiro, mais había tarxeta. Deixaron de ser "beneficios" para facerse "gastos".

Temos sentido a fatiga dos mestres en todos os niveis de ensino, abafados pola falta de interese intelectual dos alumnos, o illamento burocrático das institucións académicas e a falta de recoñecemento da sociedade. Algúns din que o abandono prematuro dos estudantes e o fracaso escolar teñen como correlación ao político profesional como oligarca, o profesor como burócrata xerente, a escola como chreche, a universidade como empresa e o saber como pura mercadoría ao servizo da ideoloxía de consumo. Baixo o andazo a familia, tamén as vellas e as non tan novas formas familiares de comezo de século. De feito, xa estaba alí ata que centos de familias pasaron á pantalla e da resignación e a culpa ao rexeitamento directo dun poder político aliado do lobby financeiro e bancario.

Ademais da dose diaria de violencia de xénero familiar e daquelas manifestacións apoloxéticas contrarias ao aborto ou a incorporación da muller ao traballo, as imaxes da crise trouxeron de novo a familia á vista. Porén, a incorporación da muller tornouse visible hai ben pouco. A modernidade sempre tivo no traballo dos seus alicerces ideolóxicos de empoderamento. E a familia é nesa sociabilidade polo traballado, unha unidade de subministración de servizos ao que a esquerda do noso pouca atención ten adicado ademais do modelo baltariano de familia, da real familia ou da feliz ideoloxía terapéutica dos Simpsons.

Ata hai pouco tempo nada se dixo do familialismo, afeitos que estamos a ver a familia na súa faceta de violencia tan próxima e invisible, de submisión e reprodución conservadora, branco das nosas xenreiras e dos nosos afagos. Certo é que todo isto o estaba a alimentar un interese parcial pola institución. As crises tamén son adecuadas para ollar doutro xeito. E diso sabe moito a vella familia reprodutora cando ollou co ollar das novas tipoloxías de familia baseadas en afinidades elixidas, unxidas xa dun gran espectro ideolóxico. A lóxica patrimonialista debullada por Luhmann deconstruiuse ante o avance das relacións sociais baseadas no individuo. O seu progresivo emponderamento sobre a autoridade e o parentesco mudou de centro de interese, de estar só baseado en intereses materiais pasou a se xustificar en base á libre elección individual.

Porén, a realidade da práctica de emparellamento segue a ser a de homogamia social, na que a lóxica colectiva segue a xustaporse ás opcións formalmente individuais. Por outras palabras, séguese a dar prioridade a opcións de parella baseadas no mesmo status socioconómico. É o que a economía precisa: subordinar as constelacións familiares a unidades de consumo Mais todo isto  ten unha dimensión de clase. O cambio dos roles sexuais que induciran as permeables familias post-modernas como alternativa da familia nuclear e á marxe do mainstream, están a ser reducidas a unidades de consumo como antes o foron a intrinsecamente produtoras e procreadoras. Pouca foi  a resistencia das familias a seren enmarcadas como banners publicitarios que só operan como mecanismos-clic-de-dixestión. Foi a propia familia, como institución, a caixa de resonancia do goberno, dos medios e dos bancos: era preciso mercar unha casa.

Aínda non temos a certeza do que significou que desde a década dos noventa o Estado español se teña destacado no liderado en taxas de propiedade de residencia. A familia como porta xiratoria do mercado, produtora e consumidora, a ela se dirixiron todas as proclamas publicitarias porque no expandido campo de posta en escena de consumo a familia ten demostrado unha gran capacidade de absorber as representacións contraditorias da modernidade. O contedor familiar rexistrou as catástrofes sociais do presente do mellor xeito posible a través da aplicación rigorosa das propias regras do xogo neoliberal. Xunto co aumento da visibilidade conquistada nos últimos anos, a igualdade á luz pública dos novos relacionamentos trouxo tamén signos de involución.

O significativo é que as familias xa non se diferencian por seren sagradas ou pagás, por seren ao vello ou ao novo estilo senón polas oportunidades de consumo que ofrecen aquén do esquema familiar. Unha presión que somete as mulleres a unha contraditoria tensión entre os requisitos da economía de consumo e as funcións tradicionais da familia nuclear e do patriarcado. Porque a familia, a máis de ofrecer servizos de asistencia, tornárase moi semellante a unha célula comercial, a unha franquía ao servizo dos apetitos dos seus órganos. Baixo a mirada dos depredadores, as familias teñen prezo. A familia é unha Europa esgotada e sen ideas, sucumbindo á preguiza circunforme do centro ou ao órdago hipotecario. Como no pasado, a familia segue a ser eficaz laboratorio para moitos lances pois, sendo así, a medida que os tentáculos da crise afogaron o vínculo político, a familia está a redescubrir unha faceta que non ten o costume de facer e que a súa propia reprodución impedía. As familias están a rescatar a política ao enxergar que a animalidade política ten no seu colo a súa forza para alén de simples lugar de redención polo consumo.

Así, se compararmos o pacto lampedusiano implicado na postdemocrática tendencia a abrir procedementos ao servizo do gremio e a comenencia, e a faceta política e autoeducadora das familias que están sufrindo desafiuzamento, as políticas de traballo e o desmantelamento do Estado de benestar, quizáis poderiamos sacar calquera conclusión do empobrecemento laboral e da queda da economía familiar: que a política é cousa de todos e que ter un emprego non garante nada. Que cómpre atopar eidos onde xestionar a situación caótica.  Que o lento tempo que gorentamos da redención polo consumo foi unha forma de escapismo consentido, un medio de evitar o enfrontamento cos antagonismos da propia sociedade. Porén, os anos de discreta loita cidadán (cando os desocupaciónss eran só unha pequena nota de rodapé  na folla de balance dos grandes bancos e non preocupaban a ninguén) culminaron nun relativo suceso nos medios, non sempre á altura das inxustizas alegadas e das relativas vitorias políticas (ILP)

Que queda do traballo como redentor? Podería haber algunha subversión na solidariedade que as familias xuntas están a alicerzar ademais da culpa de ter xerado sospeitas na sociedade? Algunhas familias están a reclamar profundidade no debate. Afeitos que estamos a subversión do sociopata transgresor que serve para que a sociedade funcione "normalmente" (Zizek), sería posíbel entender nas familias novas formas simbólicas de acción colectiva ante a evidencia de que as directrices funcionais que as levaron á desfeita non axudan a tratar coa resignación e a renuncia, coa ansiedade e a culpa? Unha revelación pola que as clases dirixentes, simbolizadas no banqueiro (feiticeiro ou gran manipulador do noso tempo), en vez de descenderen do ceo ou de estar alicerzadas en algún tipo de lei natural como os imperativos biolóxicos ou evolutivos que supostamente soerguen a estrutura familiar, os marcadores normativos son ferramentas que son útiles nun determinado tempo e lugar, sen ningunha garantía de que eles van durar. Que o que fai falta é un suplemento de alegría inocente para mobilizar os propios recursos individuais nas interseccións do social. Hai detalles que lanzan unha luz inesperada sobre o protagonismo familiar. Estará a familia a repor as competencias positivas?. Entre a familia como medio (o modelo baltariano baseado en relación-clientelar de parentesco) e a reactivación dos recursos e estratexias familiares que foron postas en práctica para xestionar os efectos da reforma do mercado de traballo, a recesión económica e as execucións hipotecarias que rebordaron a capacidade contentora do núcleo familiar, hai signos contraditorios e ambivalentes no que é moi fácil de interpretar cada sinal como o oposto.

Privadas dese punto único de identificación, as familias gañan en autorecoñecemento, unha identificación colectiva alicerzada nas habelencias dos seus membros nun sentido dobre de vulnerabilidade e solidariedade. Rotos os vínculos ben se poderían formar novos relacionamentos baseados na moralidade. Mentres algúns entraban os avances na igualdade social das mulleres e dos mozos - ao individualismo competitivo acáelle ben o escrache-, os outros estimulan unha visión idealizada da solidariedade familiar e do mito da democracia postmoderna (aquel que acredita na relación sen mediación das institucións ). Porén, que a moralidade se faga autoevidente nos procesos de pauperización e marxinación fai tentador levar esa lóxica até as últimas consecuencias. O que o escrache esquece é que o significado "obxectivo" xa está mediado subxectivamente. Velaí o máis perturbante da alternativa. Que poida ser entendida a partir da súa natureza tráxica e subxectiva non debe ignorar o que problematizar xa que o subversivo a miúdo forma parte das constelacións ideolóxicas do presente, do ciclo capitalista de reprodución social.

E se o escrache, en vez de minar a engrenaxe ideolóxica do universo neoliberal e postmoderno, non fai máis nada que expandir a desconfianza xeneralizada en todo tipo de política ao bloquear fluxo subversivo polas formas e linguaxe externa que utiliza? Aquí a esquerda debería propoñer autocrítica radical e significado obxectivo tan necesario para a esquerda contemporánea; a provisionalidade non debe substituír a necesidade de pensar o novo. Con todo, aínda que poida parecer que o escrache é un bloqueo máis defensivo que transgresor -que a orde existente pode apropiarse sen dificultade pois hai unha actitude contraditoria en relación ao seu obxectivo- para alén do dereito de queixarse, da manifestación total da liberdade de expresión e de facer visible, o escrache é tamén un ritual político de restitución do poder perdido, da ilusión de o recuperar, e por iso, aínda que pareza estar desconectado da demanda política formal e concreta (para iso xa está a ILP e os partidos relacionados) ofrece, ademais de certas connotacións violentas, unha xustificación de urxencia se o enxergarmos desde aquelas políticas socioeconómicas (capitalismo liberal) baseadas na verdade absoluta en que "todo o mundo é racional e os mercados funcionan perfectamente" (Krugman). A irracionalidade do estamento dominante fortalecendo os sistemas bancarios e financeiros e as empresas multinacionais desde o campo da dereita conservadora separadamente da maioría da poboación e a costa de defraudar aos contribuíntes, non pode entender a urxencia da disidencia social porque pon en dúbida o carácter insuficientemente democrático do Estado.

Porén, o feedback dos medios de comunicación do medo ao desastre dos desafiuzamentos e das preferenciais tamén serven para móstralle á clase dominada as razóns polas que non debe aspirar a máis do que foi dado (a vítima tórnase agresor). Nun estándar económico e social con cifras do paro aturables, sen cortes en servizos básicos e sen conxelación de pensións e beneficios sociais, o escrache tería merecido un forte rexeitamento, pero que é unha pequena dose de asedio polas persoas expulsadas das súas vivendas desde o inicio da crise? Sinalar a casa dun deputado co adhesivos é xustificado polos cinco millóns de parados que non poden atopar traballo? Son comparables gritos e insultos aos recortes en saúde e educación? É menos brutal o elitismo cínico do conglomerado informativo que xustifica a quen exercen o poder político-financieiro?

Entre o cinismo do Goberno español, a demagoxia noxenta da FAES e da caverna e o escrache a Ada Colau (presidenta da PAH), dúas formas de persecución moi diferentes en formas e medios, existe unha conexión maior: o conflito social que teñen como obxectivo ocultar con trazos de desmoralización e culpa. Por unha banda, unha sociedade mobilizada (ILP apañou millón e medio de sinaturas) contra un goberno sen autonomía e, por outra, a reacción do españolismo moribundo, correlato socio-político da crise que padecemos. En caso contrario, ninguén podería ter presentado con declaracións como aquela segundo a cal  Ada Colau é pouco menos que "filoetarra". O problema do escrache é que iguala a expresión formalmente programada (as eleccións) pola expresión informal. A dificultade é como dar o seguinte paso unha vez  se lexitima o escrache.

Con frecuencia esquecemos o desempeño ambiguo da vitimización e como o capitalismo post-moderno reconduce as emocións. Todos soubemos do movemento Occupy Wall Street, todos agás Wall Street. É ben coñecida a distinción que Weber fai entre ética de convicción e da responsabilidade. Se actuamos con lealdade completa os valores (as crenzas éticas e políticas) aínda que iso nos faga consistentes con eses principios, inevitablemente nos levan a afastarnos das consecuencias inesperadas das nosas accións. O potencial de cambio non é para descubrir, só se ve na altura do desexo, ou sexa, se compromete co cambio. O momento escrache non é viábel como boa praxe (é fundamentalmente incómodo e hostil) e a estrutura de poder segue  intacta.

De feito, é máis determinante e subversivo cando muda a acción fustigadora do político en casas particulares (nos EUA o escrache tamén serven para apuntar profesores que ensinan darwinismo ou médicos que fan abortos; en Chile, para protestar en forma de cacerolazo contra as nacionalizacións de Allende) pola acción "formal" que ten dereitos e deberes no horizonte, porque asume unha responsabilidade dende dentro. Por iso, non será máis provocador  canto efectivo e empoderador aplicar accións que traen consigo a posibilidade de renovar a potencia, facer un chamamento non previsto ou desafíar a política neoliberal como teoría das clases dominantes? A saber, cando se presenta aberta, para alén da éxtase emancipadora, a algo novo.

Cando non agocha as execucións hipotecarias, cando mostra que hai milleiros de persoas afectadas e se presenta como un tipo de rede social que funciona e que é capaz de activar núcleos de resistencia da subxectividade fronte aos efectos (persoas deprimidas, sentimento de culpa e fracaso). Cando, afastándose do Estado, é capaz de "crear e consolidar un espazo de confianza", activando recursos endóxenos nas familias e nos individuos. Cando entre a razón xudicial e as ordes de lanzamento opón un protocolo de acción que impide desocupacións que ameazan o dereito á vivenda. Accións de desobediencia que permite pensar en termos de boa sociedade e, talvez, mudar algunhas cousas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.