Máis de dúas mil persoas maniféstanse en Vigo en solidariedade con Palestina

Imaxe da manifestación deste luns en Vigo CC-BY-NC gz.foto

"O pobo galego, co pobo palestino". Máis de dúas mil persoas manifestáronse na tardiña deste luns en Vigo, nunha mobilización de carácter unitario que se pechou coa lectura dun manifesto e a intervención de varios cidadáns palestinos. Este luns tamén se celebrou en Ourense unha concentración en solidariedade co pobo palestino e este martes está convocada unha nova manifestación, en Compostela.

"A situación en Gaza hoxe traspasa a loucura, traspasa o imaxinable, é un exterminio real", destacou Fayed Khalaf, da  Fronte Popular para a Liberación de Palestina (FPLP), lembrando os máis de 500 mortes provocadas polos ataques israelís na última semana, máis de 100 nenos e nenas. Khalaf reclamou unha negociación "que non estea baseada nos postulados norteamericanos ou europeos, queremos unha negociación baseada no dereito internacional". O representante da FPLP despediuse citando a George Habash, fundador da Fronte Popular para a Liberación de Palestina: "poden destruír as nosas casas, poden destruír as nosas árbores, poden destruír os hospitais, poden destruír as escolas,  pero hai unha cousa que non poden destruír: o noso espírito de loita. Seguiremos na loita até que o pobo palestino consiga a independencia, nun Estado democrático, laico e progresista, do río Xordán ao Mediterráneo".

No comunicado final da manifestación denunciouse que o Estado de Israel "tortura, somete a terrorismo e mata o pobo de Palestina por resistir a colonización" e que "a ONU vén de sinalar que tres de cada catro mortos na invasión a Gaza son civís, na súa maioría mulleres e nenos". Dende Galiza con Palestina demándase "que os responsables desta nova agresión sexan levados ante os tribunais internacionais e xulgados polo delito de xenocidio" e que "a UE e o Estado español esixan a Israel o cese inmediato desta agresión e que se cumpran os incontables acordos de Nacións Unidas, e que implican o abandono do territorio ocupado polo Estado de Israel".

Este martes 22 de xullo está convocada unha nova concentración e manifestación en Compostela, ás 19.30 horas na Praza do Toural, na que se volverá dar lectura ao comunicado que xa pechou a concentración celebrada o pasado luns. No texto, destácase que "desde Galiza non podemos permanecer impasíbeis diante deste novo crime. Non se trata só dun problema ético. Trátase tamén dun delito à luz de todos os conceitos do dereito internacional. A situación da nosa nación aproxímanos necesariamente máis á dor da Palestina e a necesidade de os pobos poderen exercer a súa autodeterminación, posuíren un territorio que non sexa constantemente violado e se desenvolveren economicamente en función dos seus proprios intereses colectivos e non en base a intereses alleos de carácter imperialista". O comunicado pechábase facemos un chamado "á solidariedade activa e a apoiar a campaña internacional de boicote, desinvestimentos e sancións contra Israel".

Cabeceira da manifestación CC-BY-NC gz.foto
Outra imaxe da manifestación CC-BY-NC gz.foto
Outra imaxe da manifestación CC-BY-NC gz.foto
Outra imaxe da manifestación CC-BY-NC gz.foto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.