0 Gardados para despois

O final da era Sarkozy?

IGADIIGADI


*Texto publicado no nº 83 dos IGADI papers

Este domingo Francia celebra a primeira volta das súas eleccións presidenciais nun contexto de atomización política e coa eventual perspectiva dun cambio de goberno. Paralelamente, estes comicios son relevantes para dirimir a actual xeopolítica europea, principalmente ante a posibilidade de que a non reelección do actual presidente Nicolás Sarkozy (Unión por un Movemento Popular, UMP) signifique o retorno ao poder do Partido Socialista (PS), desta vez da man do seu candidato François Hollande.

As eleccións presidenciais francesas constitúen un importante test político para un dos países centrais e con maior peso político da Unión Europea. O contexto de crise e recesión económica, o espectro do desemprego e unha crise social que pode intensificar a conflitividade gremial e laboral nos próximos meses, son algúns dos factores que inflúen considerablemente na evolución dos próximos comicios presidenciais.

O test electoral e político é, por tanto, moito mais importante para o actual presidente Nicolás Sarkozy, quen busca a reelección nun momento de marcada caída da súa popularidade. Velaí que Sarko (como é coloquialmente coñecido en Francia) se afana por todos os medios en reactivar a súa imaxe pública, incluso botando man do tirón mediático da súa esposa, a ex modelo Carla Bruni. Ao mesmo tempo, Sarkozy tenta “asustar” o electorado francés ante a perspectiva de que un eventual retorno do Partido Socialista ao poder imprima unha deriva económica e social similar á acaecida na España de Zapatero, tendo en conta que actualmente o seu veciño do sur é o país europeo con maior taxa de desocupación laboral.

Pola súa banda, o Partido Socialista francés ofrece unha imaxe alternativa, aínda que de menor calado mediático, coa candidatura de François Hollande, ex parella sentimental da candidata socialista nos comicios de 2007, Segolène Royal. O Partido Socialista espera retornar ao poder desde 1995 ofrecendo un “lavado de imaxe” tralos recentes escándalos sexuais dunha das súas figuras máis emblemáticas, Dominique Strauss-Khan, ex director do FMI.

Así, Hollande preséntase como un candidato que encarna unha especie de transición dentro do Partido Socialista francés, coa perspectiva de liderar un hipotético revival da socialdemocracia europea nun contexto caracterizado polas crises económicas e o impulso político e electoral da dereita continental

Así, Hollande preséntase como un candidato que encarna unha especie de transición dentro do Partido Socialista francés, coa perspectiva de liderar un hipotético revival da socialdemocracia europea nun contexto caracterizado polas crises económicas e o impulso político e electoral da dereita continental. O seu lema electoral, “O regreso da socialdemocracia a Europa”, baséase precisamente en defender unha perspectiva de carácter global a nivel europeo, nunha conxuntura marcada polas ameazas da austeridade fiscal e a crise económica cara un dos piares da integración europea: o estado social do benestar.

Con diversas variantes nas enquisas preelectorais, o escenario reflicte un polarizado Tête À Tête entre Sarkozy e Hollande, con estimacións de voto próximas ao 30% para cada un. Posteriormente, resalta o ascenso da Fronte de Esquerda (FdE) de Jean-Luc Mélenchon, seguido da ultradereita da Fronte Nacional (FN) de Marine Le Pen, ambos oscilando en torno ao 15-18% da intención de voto. Moito mais lonxe aparecen a candidatura centrista de François Bayrou (10%) así como outras con menores posibilidades, como Jacques Cheminad (Solidariedade e Progreso), Eva Joly (Os Verdes), Nathalie Arthaud (Loita Obreira), Philippe Poutou (Novo Partido Anticapitalista) e Nicolás Dupont-Aignan (partido nacionalista De Pie la República).

A pesar das notables diverxencias entre o Partido Socialista e a pluralidade de partidos e movementos da esquerda francesa, especúlase para esta eventual segunda volta cun posible aluvión de votos da esquerda a favor de Hollande

Non obstante, este panorama variaría sensiblemente de cara á segunda volta electoral prevista para o próximo 6 de maio. Neste caso, as enquisas semellan beneficiar a Hollande (aproximadamente cun 55% de intención de voto) por riba de Sarkozy (45%). En gran medida, e a pesar das notables diverxencias entre o Partido Socialista e a pluralidade de partidos e movementos da esquerda francesa, especúlase para esta eventual segunda volta cun posible aluvión de votos da esquerda a favor de Hollande, moi probablemente persuadidos non só a evitar a reelección de Sarkozy senón a frear o avance da Fronte Nacional.

A alternativa da Fronte de Esquerda

Dentro da pluralidade de movementos e partidos existentes na esquerda francesa, a Fronte de Esquerda de Mélenchon, conformada pola alianza do Partido Comunista Francés e do Partido da Esquerda, canaliza os apoios dunha clase obreira e inmigrante proveniente da periferia urbana, golpeada pola crise económica.

No Partido Socialista existe unha notable preocupación de que o avance da Fronte de Esquerda signifique unha erosión de votos tradicionalmente socialistas en estratos sociais populares e de inmigrantes

Neste sentido, nas derradeiras semanas, a candidatura de Mélenchon estase a converter nunha inesperada sorpresa electoral con claras perspectivas de definirse como unha bisagra que relativiza a polarización Sarkozy-Hollande. No Partido Socialista existe unha notable preocupación de que o avance da Fronte de Esquerda signifique unha erosión de votos tradicionalmente socialistas en estratos sociais populares e de inmigrantes. Non obstante, e cun discurso que defende a “revolución cidadá”, Mélenchon declarou publicamente o seu obxectivo de evitar a reelección de Sarkozy, o cal interpretaríase como un eventual apoio dos votantes da Fronte de Esquerda á candidatura de Hollande nunha segunda volta.

Unha elección vital para Europa

No ámbito europeo, o proceso electoral francés dirime unha serie de variables centradas no futuro da consolidación do eixe xeopolítico dentro da Unión Europea conformado por Alemaña e Francia, en particular no caso do tándem entre Sarkozy e a chanceler alemá Ángela Merkel, popularmente coñecido como o eixe “Merkozy”. Paralelamente, estas eleccións francesas suxiren un debate público sobre a eventual influencia da crise económica na erosión do edificio de convivencia social e do estado de benestar europeo.

No seo do electorado galo existe unha marcada sensación de declive do poder francés en Europa, en particular ante a certificación da hexemonía e do poderío de Alemaña dentro das institucións europeas, así como da decadente potencialidade económica e de influencia política de Francia a nivel mundial. Velaí que Merkel observe igualmente con atención o desenlace electoral francés, especialmente á hora de barallar unha eventual e posible nova alianza xa non con Sarkozy senón co socialista Hollande, crítico coa política fiscal e monetaria de Berlín na Zona Euro.

Esta eventual negativa de Hollande aos plans fiscais de Merkel pode potenciar a súa candidatura ante o malestar existente en diversas capas sociais identificadas co nacionalismo francés, os cales observan a un Sarkozy absolutamente submiso e obediente non só ante as pretensións de Merkel e de Berlín

Esta eventual negativa de Hollande aos plans fiscais de Merkel pode potenciar a súa candidatura ante o malestar existente en diversas capas sociais identificadas co nacionalismo francés, os cales observan a un Sarkozy absolutamente submiso e obediente non só ante as pretensións de Merkel e de Berlín senón a través da súa aceptación do “atlantismo” estadounidense, en particular en crises exteriores como a de Libia, Siria e Irán.

O cadro complétase coa previsión dunha anunciada e histórica abstención electoral

Paralelamente, e no caso de ser reelixido, Sarkozy deberá xestionar un complexo escenario político interno así como unha situación de maior dependencia externa con respecto a Merkel, un aspecto que igualmente deberá dirimir o cruce de  tradicionais e ambivalentes correntes dentro da dereita “gaullista” francesa e da UMP con respecto á UE e ao ideal europeísta.

O cadro complétase coa previsión dunha anunciada e histórica abstención electoral o próximo 22 de abril: segundo o instituto de sondaxes IFOP, a abstención podería calcularse en torno ao 32% do electorado, identificado en menores de 35 anos provenientes dos sectores obreiros e rural.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.