A violencia na rexión obriga a adiar o Festiclown Palestina

Pallasos en Rebeldía actuando no campamento de refuxiados de Shatila, Beirut CC-BY-NC-ND Eugenia Arteaga

O atentado contra o ex ministro libanés Mohamed Chatah, unido ás previsións dunha escalada da violencia na zona, obrigaron nas últimas horas os organizadores do Festiclown Palestina a adiar a celebración do festival, programado para a semana do 12 ao 19 de xaneiro nos campamentos de refuxiados do Líbano. A decisión foi adoptada en conxunto coas distintas organizacións palestinas e libanesas que forman parte da organización do evento co obxectivo de garantir "a seguridade dos artistas participantes".

En calquera caso, Iván Prado (Pallasos en Rebeldía) asegura que o festival se celebrará ao longo deste 2014 nos campamentos de poboación refuxiada: “Agora, máis ca nunca, hai que apoiar esta poboación palestina, pois atópase nunha situación de extrema vulnerabilidade, vítima da ocupación ilegal do seu territorio por parte do estado de Israel e dun sistema de apartheid en pleno século XXI”.

O Festiclown, que acollerán os campamentos de Nahr Al-Bared, Baddawi (Trípoli), Bourj Al-Barajneh, Shatila (Beirut) e Ein Al-Hilweh (Saida) “trata de paliar as consecuencias psicolóxicas dun conflito interminable e o seu consecuente éxodo", segundo os seus responsables. Estaba prevista a participación de Kanbahiota Trup, Ricky Tenis, Kanadagama, Fuman, Marcelo González e o mago Dani García. Para poder completar o pago dos gastos da iniciativa, seguen en marcha unha campaña de microfinanciamento a través da plataforma Verkami.

Nunha entrevista en Praza Iván Prado sinalaba hai uns días que "esta segunda edición do Festiclown Palestina serve para combater o poder xenocida e para facer ver a terrible situación de milleiros de persoas agochada aos ollos da opinión pública pola conivencia de gobernos e organizacións internacionais que se din salvagarda dos dereitos humanos".

"Cando estiven en Gaza en 2004 non vin campamentos de refuxiados tan superpoboados. Ademais, a guerra en Siria está xerando aínda máis refuxiados: un campamento coma o de Shatila, que tiña 25 mil refuxiados, agora ten 35 mil"

Prado tamén destacaba "a situación de pobreza e acumulación de persoas" que o "golpeara" en anteriores visitas aos campos de refuxiados: "Cando estiven en Gaza en 2004 non vin campamentos de refuxiados tan superpoboados. Ademais, a guerra en Siria está xerando aínda máis refuxiados: un campamento coma o de Shatila, que tiña 25 mil refuxiados, agora ten 35 mil. Cando ves esas casas, nas que viven oito persoas no mesmo espazo, e chega a súa familia de Siria, outros seis, e os acollen, iso impacta. Os campos de refuxiados son ghettos, a luz vaise cada pouco, a auga é auga de mar. Impactáronme as condicións materiais".

En calquera caso, destacaba o valor da experiencia, o cotacto directo cos milleiros de persoas que enchen estes campos: "sempre tivemos a sorte de ser escollidos de forma extraordinaria, mesmo pola xente máis pobre ou a que peor o estaba a pasar. Onde a pobreza material se impón, a grandeza da fraternidade fai maxia. Nesta casiña dos milagres non falta un café nin un pouco de humus para ninguén". E concluía cunha anécdota: "Acabo a función e agóchome para desmaquillarme e recuperar o alento. Uns nenos míranme pola físgoa da porta con ollos de admiración e misterio. Falan entre eles e, de súpeto, unha nena de 5 anos achégaseme cun bombón na man e damo sen dicir unha soa palabra. Dá a volta e sae correndo. Quizais isto sexa ser pallaso".

Pallasos en Rebeldía actuando en el campamento de Nahr al-Bared, en Trípoli CC-BY-NC-ND Eugenia Arteaga
Pallasos en Rebeldía actuando no campamento de refuxiados de Shatila, Beirut CC-BY-NC-ND Eugenia Arteaga

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.