“Eu non podo escribir nun xornal que non podo ler”

Conferencia de Ramón Chao na Fundación Paideia CC-BY Praza Pública

Ramón Chao (Vilalba, 1935) ten unha longa traxectoria xornalística, na que destaca o seu traballo na radio pública francesa, na que chegou a ser responsable do servizo para Latinoamérica. Ademais, colaborou en Triunfo, Le Monde, La Voz de Galicia ou Le Monde Diplomatique. Unha extensa experiencia que debullou este luns na Coruña, de atrás a adiante, para contrapoñer as distintas ferramentas que nas últimas décadas empregaron os distintos poderes para controlar a información. Chao estaba convidado a falar sobre A censura no franquismo e agora, nunha conferencia que tivo lugar na Fundación Paideia, organizada polo Ateneo Republicano de Galicia e a Rede de Asembleas 15M da cidade.

O acto, ao que asistiron preto de 200 persoas, foi presentado polo presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, cuxa presentación abriu o cerne do debate sobre a evolución dos mecanismos de censura. Despois de eloxiar a figura de Ramón Chao e sinalar a axuda emprestada aos militantes galegos de esquerda durante os anos sesenta e setenta en París, Ferrín anunciou que Chao ía falar sobre "a censura no franquismo", ao que o conferenciante retrucou: "e agora", concluíndo Ferrín que "censura haberá sempre".

Chao falou máis de pasado que de presente, dos seus anos en Radio France, Triunfo e como correspondente en París de varios medios, aínda que de todas as súas experiencias tirou conclusións que se poden traer á actualidade. Sinalou, por exemplo, que no momento en que se negou a escribir en Le Monde, por mor do xiro conservador que estaba experimentando, fíxoo porque “eu non podo escribir nun xornal que non podo ler”.

Preguntado polas diferenzas que atopa entre a censura que se exercía antes, no franquismo, e a que se exerce na actualidade, Chao explicou que "antes a censura a exercían os políticos, mentres que agora a exercen os grandes empresarios e os editores dos xornais"

Preguntado polas diferenzas que atopa entre a censura que se exercía antes, no franquismo, e a que se exerce na actualidade, Chao explicou que "antes a censura a exercían os políticos, mentres que agora a exercen os grandes empresarios e os editores dos xornais" e que "a "última persoa que me censurou foi Santiago Rey cando Ignacio Ramonet e eu tivemos que deixar de escribir en La Voz de Galicia". Porén, Ramón Chao concluíu: "isto vaise acabar". O xornalista expresou a súa confianza nos medios de comunicación públicos e sinalou a necesidade de que se loite polo seu control democrático e liberdade.

Na conferencia iniciouse un debate, así mesmo, sobre o Maio do 68 en París, no que Chao exerceu de correspondente para El Alcázar (daquela nunha liña moderada propiciada por un sector do Opus Dei, até que Fraga forzou un cambio na súa dirección), o xornalista explicou que puido facer un gran traballo por mor da súa boa relación persoal cos líderes esquerdistas do momento. Ferrín participou no debate, así mesmo, elevando a figura de Sartre, de quen dixo que "foi a persoa que me permitiu ser comunista" e destacando a forma en que o filósofo está sendo recuperado "por Rancière, por Badiou, polos alumnos de Althusser, que era o contrario de Sartre".

Conferencia de Ramón Chao na Fundación Paideia CC-BY Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.