As fumigacións tóxicas afectarían a ríos, persoas e espazos protexidos

© Adega

Adega denuncia que as fumigacións dos eucaliptais galegos co tóxico Flufenoxuron afectarán as espazos protexidos, ríos e vilas de Galicia. A asociación ecoloxista asegura nun comunicado que  "vén de coñecer as zonas propostas por Aspapel para desenvolver as fumigacións nas provincias da Coruña (40 localizacións), Pontevedra (28 sitios) e Lugo (1 área)".  Na documentación cartográfica, elaborada pola empresa Fitoaragón S.L., indícanse 69 áreas de 8 km de diámetro cada unha, denominadas "zonas de tratamento químico". Nelas áreas localízanse as masas de eucaliptos máis densas e con maior afectación do gorgullo, mais, como indica o colectivo, "tamén inclúen lugares habitados, cursos fluviais e mesmo espazos da Rede Natura 2000".

Adega advirte "da toxicidade do principio activo e da dispersión que provocan os métodos aéreos"

Segunda Adega, e debido "á toxicidade do principio activo e á enorme dispersión dos métodos aéreos", persoas, animais e mesmo biodiversidade ameazada "estarán expostas ao veleno". O colectivo ecoloxista advirte á Xunta de que podería estar sendo "cómplice", de seguir "avalando" estas prácticas, "dun delito contra a saúde das persoas e o medio ambiente".

Segundo explica Adega, son moitas as áreas nas que están proxectadas as fumigacións que inclúen territorio da Rede Natura 2000 no que están presentes, entre outras, especies protexidas de insectos que tamén se verán afectados polo tóxico. "Por exemplo, a bolboreta Euphydryas aurinia e o escarabello Lucanus cervus (vacaloura) están consideradas de interese comunitario e figuran no Anexo II da Directiva de Hábitats da UE", aclara Adega, que advirte do perigo doutros insectos, aves ou incluso morcegos. "Calquera danos a estas especies podería ser constitutivo dunha falta moi grave e mesmo dun delito penal, coa agravante de ser a propia administración quen o cometería", destaca a asociación.

Adega pregúntase se a Xunta tivo en conta as especies ameazadas, os riscos de fumigación sobre ríos e persoas ou o posible envelenamento da auga. Para o colectivo, a resposta ás decisións da Xunta é "a escandalosa submisión ao lobby do eucalipto que amosou a administración galega, corroborada por unha política forestal hiperpermisiva coas pasteiras e os seus intereses".

© Adega
© Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.