A Plataforma contra as Fumigacións concéntrase en Melide malia a prohibición da súa manifestación

CC-BY Plataforma contra as Fumigacións

A Plataforma contra as Fumigacións programara unha manifestación para este domingo en Melide para protestar polos tratamentos aéreos contra o gorgullo do eucalipto cun pesticida prohibido na Unión Europea pola súa perigosidade e alta toxicidade: o Flufexonuron. A pesar da inminencia destas fumigacións, a Delegación do Goberno non entendeu a urxencia do evento e prohibiu a manifestación.

Porén, membros da Plataforma desprazáronse até Melide para informar, a pé de rúa, a cidadanía melidense, e as persoas que visitaron a vila para asistir á Foliada e ao mercado feiral, dos perigos destas fumigacións. Entre as accións informativas desenvolvidas, repartíronse centos de panfletos e fixéronse performances con persoas caracterizadas como abellas, apilcultores e fumigadores.

Segundo a Plataforma, "esta acción serviu para constatar a falla de información existente entre a poboación que vai sufrir directamente as fumigacións e a súa fonda preocupación ao coñecer o que se lles vén enriba". Informaron a sectores profesionais "seriamente ameazados", como produtores e produtoras de mel e hortalizas, ou titulares de explotacións ecolóxicas. E tamén a calquera persoa, non relacionada directamente con estes sectores, pois o Flufexonuron pode afectar a depósitos de auga, e chegar a impactar de forma directa a saúde das persoas.

Dominio Público Praza Pública
CC-BY Plataforma contra as Fumigacións

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.