O Concello de Lugo impón servizos mínimos do 100% na folga de recollida de lixo

Concentración dos traballadores de Urbaser Dominio Público CIG-Servizos

O Concello de Lugo aprobou este martes unha actualización do decreto de servizos mínimos para a folga de recollida de lixo na cidade, que chega ao seu día número 43. Os servizos mínimos, situados anteriormente entre o 50% e o 70% (aínda que durante o Arde Lucus eran do 100%), pasan a estar fixados no 100% en case todos os casos. Tanto na adminisytación, na recollida de residuos sólidos urbanos, bolseo, limpeza viaria e na administración. Só se manteñen no 50% na recollida de envases lixeiros, papel, cartón e vidro.

A comparecencia foi interrumpida por máis de 30 traballadores, traballadoras e sindicalistas

O alcalde de Lugo, José López Orozco, anunciou no pleno municipal os detalles deste decreto. A comparecencia foi interrumpida por máis de 30 traballadores, traballadoras e sindicalistas, que amosaron o seu frontal rexeitamento a uns servizos mínimos que consideran "abusivo" e que violentan o dereito de folga. Os traballadores acusaron o alcalde e o Goberno municipal de poñerse do lado da empresa, Urbaser, demandando ademais a dimisión do rexedor. A voceira de CIG-Servizos, Carmen Antas, acusou o alcalde de "facilitarlle" a Urbaser as circunstancias para que "a folga dure outros sesenta días". Tras a intervención do rexedor, os traballadores e sindicalistas permaneceron pechados no salón de plenos e foron identificados pola policía.

López Orozco recriminoulles aos traballadores en folga que esta fin de semana rexeitaran "unha oferta digna" presentada por Urbaser

López Orozco cualificou como "intolerable" que "os veciños de Lugo sigan sendo vítimas dun problema que non causaron" e recriminoulles aos traballadores en folga que esta fin de semana rexeitaran "unha oferta digna" presentada por Urbaser. No decreto aprobado este martes, o Concello denuncia o "incumprimento" dos servizos mínimos fixados a comezos de xuño, "por canto só nalgúns días determinados se utilizan os medios considerados como mínimos na recollida de RSU, sen que se teña recollido ningún día as fraccións de vidro e papel e, o que se considera como máis grave polas implicacións en materia de salubridade, o incumprimento total no relativo á limpeza viaria da cidade".

Engade que "despois de 42 días de folga, e debido aos reiterados incumprimentos dos servizos mínimos, estase a producir o peor escenario previsto, con centos de puntos de risco sanitario para os cidadáns declarados pola Consellería de Sanidade, presenza de parásitos e roedores e putrefacción de materia orgánica".

Concentración dos traballadores de Urbaser Dominio Público CIG-Servizos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.