Iníciase a recollida de sinaturas para pedir o acceso de cans ás praias en Vigo

Imaxe da concentración celebrada a pasada semana en Bouzas © Mercedes Méndez

O pasado martes 15 de xullo o Concello de Vigo desdicíase, daba marcha atrás na súa decisión de permitir o acceso de cans polas noites á cala de Toralla. A prohibición, confirmada polo concelleiro de Seguridade, Carlos López Font (que remitía á ordenanza municipal vixente) contradicía a autoriación, verbal iso si, concedida e confirmada en varias ocasións pola concelleira de Medio Ambiente, Chus Lago. 

En Vigo, ao igual que maioría dos concellos galegos, está prohibida a presenza de cans nas praias durante os meses de verán (na cidade olívica do 1 de xuño ao 30 de setembro). Porén, xa o pasado o Concello ensaiou unha experiencia piloto para permitir que os cans puidesn pisar a area no verán, só nunha pequena praia (a de Toralla) e só entre as sete da tarde e as oito da mañá). En principio, o ensaio se repetiría este ano, e así llo confirmou Chus Lago a algunhas protectorase colectivos en defensa dos dereitos dos animais. Porén, nunca o fixo de maneira escrita nin a través dunha orde oficial. Cando chegaron á praia as primeiras persoas coas súas mascotas, foron increpadas por algúns bañistas, que chamaron á policía municipal. Esta, a pesar dos argumentos dos propietarios dos animais, non tiñan comunicación oficial ningunha sobre o permiso para que as mascotas puidesen estar no areal.

Demandan que entre xuño e setembro se permita o acceso das mascotas, a partir das nove da noite, a todos os areais de Vigo, agás praias de gran concorrencia como Samil, o Vao e Canido

Ao día seguinte o Concello confirmou a prohibición, o que levou aos colectivos en defensa dos animais a iniciar a recollida de sinaturas (a través deste formulario, que tamén se pode atopar nos locais de varias entidades, clínicas veterinarias e tendas de produtos para animais) para levar ao pleno municipal unha proposta de modificación dos regulamentos, para o que necesitan o apoio do 10% das persoas censadas en Vigo. Na súa petición denuncian a ausencia de espazos públicos para poder estar cos seus animais, sobre todo no verán, e demandan que entre xuño e setembro se permita o acceso das mascotas, a partir das nove da noite, a todos os areais de Vigo, agás praias de gran concorrencia como Samil, o Vao e Canido. De igual xeito, piden que se reserven "un par de praias debidamente seleccionadas, sinalizadas, coas súas respectivas normas, e dotadas dos seus respectivos Sanecan, para o goce e  convivencia de mascotas cos seus donos". Finalmente, esixen que se respecte "a libre circulación de animais polos areais" entre setembro e xuño, "tal como está agora estipulado no artigo 7 da normativa de Tenencia de Animais de Vigo".

A decisión do Concello de volver prohibir a presenza de animais na praia de Toralla provocou tamén as críticas dos grupos da oposición municipal

A decisión do Concello de volver prohibir a presenza de animais na praia de Toralla provocou tamén as críticas dos grupos da oposición municipal. O PP sinalou que Caballero ten "unha oportunidade única para sentar a falar cos veciños que teñen mascotas ao seu cargo" e que "hai que buscar unha alternativa que satisfaga a xente que ten mascotas sen vulnerar o dereito dos cidadáns a gozar da praia en paz". Tamén o BNG, a través de Iolanda Veloso, sinalou que "se entende a reclamación da xente que ten cans e hai que artellar solucións para facer compatible os intereses de todos".

En Vigo hai máis de 20 mil cans rexistrados

De igual xeito, os e as propietarias de animais anuncian novas mobilizacións, despois da exitosa concentración celebrada o pasado domingo en Bouzas (cando aínda non se confirmara a prohibición de Toralla), na que participaron ao redor de 500 persoas coas súas mascotas. Lembran que só en Vigo hai máis de 20 mil cans rexistrados, con chip e censados no REGIAC (polo tanto, o número real será superior), o que significa que unha porcentaxe moi importante das familias viguesas conviven cun animal. Todas estas persoas atopan moitas dificultades no seu día a día para desprazarse coas súas mascotas (por exemplo a utilización do transporte público está moi limitada) ou para pasealos nos espazos públicos da cidade. Na meirande parte das cidades de Europa o acceso aos autobuses públicos ou á meirande parte dos establecementos privadgos permítese dende hai moito tempo. En España este proceso vai moito máis lento, pero Zaragoza, Funegirola ou Barcelona aprobaron recentemente lexislacións máis respectuosas cos dereitos dos animais.

Imaxe da concentración celebrada a pasada semana en Bouzas © Mercedes Méndez
Imaxe da concentración celebrada a pasada semana en Bouzas © Mercedes Méndez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.