"Non podemos volver ás receitas de toda a vida: o crecemento económico, o capitalismo keynesiano"

Xoán Doldán Dominio Público http://galiza.pospetroleo.com/
"Atención: A xanela de oportunidade está a pecharse. Como máximo temos un lustro para asentarmos un debate amplo e transversal sobre os límites do crecemento, e para construírmos democraticamente alternativas ecolóxicas e enerxéticas que sexan á vez rigorosas e viábeis. Deberiamos ser capaces de gañar grandes maiorías para unha mudanza de modelo económico, enerxético, social e cultural". O pasado luns fíxose público o manifesto Derradeira Chamada, un exitoso chamamento decrecentista que pide que a política se axuste "aos límites ecolóxicos do planeta" e que contou entre os seus primeiros 250 asinantes (investigadores, activistas, líderes políticos) cun bo número de galegos e galegas.
"Quixemos facer un texto de consenso, uns mínimos comúns nos que todos nos recoñecésemos e nos que todos estivésemos cómodos"
Entre eles estaba Xoán Doldán, profesor titular de Economía Aplicada da USC e presidente de Véspera de Nada, unha entidade que leva anos alertando sobre o inminente fin da civilización industrial baseada no petróleo, e reclamando a aplicación de medidas para evitar o seu colapso e para iniciar unha transición gradual e controlada cara outro modelo de sociedade. O obxectivo deste manifesto era levar o debate a espazos no que estes conceptos non son tan habituais ou nos que, cando menos, non son prioritarios. "Levabamos un tempo falando da necesidade de facer algo así, pero en ningún caso pensabamos que ía ter a repercusión que está tendo. Queríamos, en todo caso, que chegase a todo o mundo, e por iso quixemos facer un texto de consenso, uns mínimos comúns nos que todos nos recoñecésemos e nos que todos estivésemos cómodos", destaca Doldán.
 
Búscabase abrir o debate público, introducir na discusión sobre as vías para saír da actual crise económica a proposta decrecentista, fuxindo das habituais solucións keynesianas para reactivar a economía: "non chegan políticas que volvan ás receitas do capitalismo keynesiano. Estas políticas leváronnos, nos decenios que seguiron á segunda guerra mundial, a un ciclo de expansión que nos colocou no limiar dos límites do planeta. Un novo ciclo de expansión é inviábel: non hai base material, nin espazo ecolóxico e recursos naturais que o puidesen sustentar", afírmase no manifesto.
"Temos que ser conscientes da realidade, e buscar solucións que teñan en conta as actuais limitacións. E iso obriga a tomar decisións que son radicais"
Doldán subliña que "aínda que a idea do crecemento e a idea do progreso poidan ser moi atractivas, temos unha situación demasiado complicada. Esas ideas poden mesmo ser sedantes: se confiamos en que isto se vai solucionar dun xeito ou doutro, en que ese progreso baseado no crecemento é posible dunha forma continuada, ao final, por non tomar medidas a tempo, os problemas serán maiores". "Temos que ser conscientes da realidade, e buscar solucións que teñan en conta as actuais limitacións. E iso obriga a tomar decisións que son radicais. Ademais haberá que tomalas o máis rapidamente posible, porque se non, cada vez as solucións terán que ser máis drásticas e dolorosas. E de aí sairá un mundo que non ten por que ser necesariamente peor. Terá que ser un mundo diferente", di.
 
O éxito do manifesto foi innegable: situou a proposta no debate público e o texto recibiu o apoio, por exemplo, de líderes políticos como Cayo Lara, Pablo Iglesias, Xosé Manuel Beiras ou David Fernández, unha adhesión case unánime no espectro político esquerdista. Unha esquerda non exenta de contradicións neste eido. Xoán Doldán destaca a este respecto que "seguramente hai persoas que están asinando, mentres nos colectivos políticos ou sociais aos que pertencen se seguen facendo propostas que entran en contradición co que se di no texto. A nós iso non nos parece mal: precisamente hai que falar desas contradicións, deben formar parte do debate e esas persoas que incorran ou incorramos en contradicións teremos que pensar sobre elas".
"Hai que falar desas contradicións, deben formar parte do debate e esas persoas que incorran ou incorramos en contradicións teremos que pensar sobre elas"
O manifesto sinalaba tamén as orixes do problema, un modelo económico capitalista baseado no crecemento e no consumo crecentes. "Para evitar o caos e a barbarie cara a onde hoxe estamos a nos dirixir, necesitamos unha ruptura política profunda coa hexemonía vixente, e unha economía que teña como fin a satisfacción de necesidades sociais dentro dos límites que impón a biosfera, e non o incremento do beneficio privado", destacábase. "Á hora de propoñer saídas á crise non podemos volver ás receitas de toda a vida: o crecemento económico, o capitalismo keynesiano ou algunhas propostas de tipo medioambiental pero que non teñen a súa base nos límites físicos, senón que só buscan reducir algúns indicadores ambientais", subliña Doldán.
 
O texto é unha diagnose da situación, pero non incorpora propostas de accións concretas. Doldán explica que se pensou en incorporarlle ao manifesto unha proposta de medidas, "pero ao final decidiuse que o mellor era quedar algo máis na superficie, na diagnose, de forma máis aberta. Dende Véspera de Nada, por exemplo, e dende outros colectivos que participamos neste manifesto, temos feito propostas de solución, pero cremos que estas deben saír dun debate máis aberto". "As persoas non deben ser pasivas, e deben participar no deseño e no debate destas medidas", conclúe.
Xoán Doldán Dominio Público http://galiza.pospetroleo.com/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.