A xestión das zonas verdes: un espazo máis para o lucro privado

Dende 2010 funcionan hortas urbanas autoxestionadas na Coruña CC-BY-SA Asamblea Agra do Orzán

En 2010 o Concello da Coruña completou a privatización da xestión dos parques e xardíns municipais. Os beneficiados por esta decisión foron as empresas Cespa (Ferrovial), Orto e Malvecín, que dende entón veñen recibindo unha importante (e crecente) cantidade de cartos públicos polo mantemento das zonas verdes da Coruña: dos 4,44 millóns anuais de 2010 pasouse aos 5,43 millóns en 2014. A concesión outorgada polo anterior goberno municipal foi renovada polo PP. En total, o Concello da Coruña gasta ao redor de sete millóns de euros cada ano no concepto de parques e xardíns, case o 3% do seu orzamento total.

O colectivo de arquitectos e arquitectas Ergosfera analiza e documenta o crecente beneficio económico obtido por empresas privadas dende que se iniciou o proceso de privatización da xestión dos parques e xardíns na Coruña, un negocio que chega agora ás hortas urbanas. Os resultados desta reflexión expóñense dende o pasado 27 de xuño na instalación de Flu-or Otras Naturalezas, que estará até deste mes no espacio Hangar de Test (rúa Barcelona, 58).

Ergosfera alerta tamén de que representantes destas empresas comezan a intorducirse nos procesos de decisión sobre o deseño de zonas verdes. Así sucedeu, por exemplo, na Coruña, no concurso de ideas para a mellora da zona da Rosaleda, nos xardíns de Méndez Núñez, en cuxo xurado participou Pedro Calaza, decano do Colexio de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, pero tamén cargo directivo de Malvecín (unha das empresas que xestiona as zonas verdes na Coruña). Unha das alternativas que propón este colectivo é a remunicipalización da xestión das zonas verdes, unha fórmula máis democrática, que permitiría máis fórmulas de participación cidadá, e que, "se se poñen en marcha sistemas de mantemento nos que a xardinería sexa a acompañante de procesos vexetais autónomos, ademais sería moito máis barata".

Os servizos urbanos (limpeza, xestión de residuos, tratamento de augas, mantemento de zonas verdes...) moven millóns de euros cada ano en España (850 millóns en 2013)

Dende Ergosfera pregúntanse se é "razoable" que o gasto en mantemento das zonas verdes "non só non se reduza, senón que aumente tanto nun período marcado pola crise económica e os recortes sociais". Lembran igualmente que os servizos urbanos (limpeza, xestión de residuos, tratamento de augas, mantemento de zonas verdes...) moven millóns de euros cada ano en España (850 millóns en 2013), que "dependen nun 70% dos contratos coas administracións públicas" e que se converteu "nun dos refuxios das grandes construtoras españolas", despois da crise do ladrillo. Sacyr (a través de Valoriza), ACS (Urbaser), FCC (FCC Servicios Ciudadanos), OHL (Pacsa), Ferrovial (Cespa) e Acciona (Acciona Service), controlan boa parte do mercado. Ergosfera lembra tamén a "auxe da corrupción asociada aos servizos urbanos" e que por exemplo Sacyr, ACS, FCC e OHL aparecen nos papeis de Bárcenas vinculadas a supostos pagamento ao Partido Popular. Ou que Cespa apareceu vencellada aos casos de corrupción Brugal (en Alacante) ou Patos, ademais das ligazóns de Aquagest descubertas na operación Pokémon.

 

Hortas urbanas

En novembro de 2009, como parte da iniciativa A cidade dos barrios, o colectivo Desescribir (hoxe Hábitat Social Cooperativa Galega) comezaba o proxecto de deseño e creación dun sistema de hortas urbanas comunitarias na zona do Val de Feáns, que dende abril de 2010 é xestionado pola Asociación das Hortas do Val de Feáns. Os seus promotores, cun orzamento total de 3.000 euros, conseguiron que a veciñanza da zona cedese seis mil metros cadrados de terreo, que foron convertidos en hortas para o seu uso comunitario. A iniciativa foi pioneira, e nos anos seguintes Culleredo, Compostela ou Vigo levaron a cabo iniciativas semellantes.

A pesar de existir este proxecto en marcha, cunha metodoloxía que podería ser reproducida noutras zonas da cidade, e de que varios barrios e colectivos sociais (por exemplo na Agra do Orzán) levaban tempo reivindicando a habilitación dun espazo de horta semellante, o Goberno municipal dirixido por Carlos Negreira optou por unha fórmula completamente distinta. En setembro de 2013 anunciou a construción a través dunha empresa privada (Arce Jardinería) de hortas urbanas na zona de Novo Mesoiro. O custe: 161.500 euros (no que non se inclúe o proxecto), 54 veces máis que o proxecto desenvolvido en Feáns, a pesar de ter unhas dimensións semellantes (8.300 metros cadrados o proxecto municipal, por 6.000 o comunitario e autoxestionado) e de ser realizado en solo público.

Mentres os usuarios do proxecto do Val de Feáns deben pagar 20 euros ao ano, os usuarios das hortas municipais deben abonar 50 euros de inscrición e 25 euros mensuais de aluguer, 300 euros ao ano

Ademais, as súas condicións de uso son ben distintas: mentres os usuarios do proxecto do Val de Feáns deben pagar 20 euros ao ano, os usuarios das hortas municipais deben abonar 50 euros de inscrición e 25 euros mensuais de aluguer, 300 euros ao ano. Para Ergosfera, o Concello "non entende que as hortas urbanas son procesos que poden ser colectivos, máis do ámbito do común que do municipal" e denuncia que "como en moitas outras situacións, a administración só percibe a oportunidade dende o simulacro servicial, como captura irreflexiva de modas capitalizables en votos e que de paso continúen reforzando o tecido económico coñecido".

“Se hai xente que conseguiu facelo ben, pois será unicamente cuestión de aprender desa experiencia. Non hai outros lugares na Coruña nos que a xente estea disposta a ceder as súas hortas? Despois póñense a disposición da veciñanza, para que se autoxestionen", destaca Iago Carro (Ergosfera). O arquitecto tamén critica o lugar escollido para levar a cabo o proxecto municipal: "na Agra, onde sempre houbo hortas, non é difícil poñelas de novo en funcionamento, ademais alí levan anos reclamando que se fagan. En cambio, óptase por un lugar como o Novo Mesoiro, onde non había hortas, o que obriga a facer unha obra de acondicionamento”.

 

"Outras lóxicas son posibles"

"Reclamamos que no mundo da xardinería e dos espazos verdes se poidan pensar outras lóxicas", explica Iago Carro

"Reclamamos que no mundo da xardinería e dos espazos verdes se poidan pensar outras lóxicas", explica Iago Carro. "Ás veces gástanse moitísimos cartos en poñer unhas flores nun xardín público que duran moi poucos días, cando traballando con especies locais se podería xerar unha xardinería ornamental con outro tipo de lóxicas. Sobre todo en Galicia", di. E pon un novo exemplo: "Pensemos nos céspedes con usos unicamente visuais; os céspedes poden ser moi útiles, se a xente os usa para deitarse ou sentar alí, pero outras veces ten unha función de embelecemento unicamente. E o céspede require dun mantemento moi caro, e ademais do uso de moita auga".

Carro sinala o traballo teórico de Gilles Clément, un dos teóricos máis coñecidos hoxe en día nestes ámbitos, que propón outros conceptos, coma o de xardín en movemento e con criterios menos economicistas, novas teorías sobre os espazos públicos e as zonas verdes, "que non teñen por que ser algo tan controlado”, destaca Carro.

"Parecería que nestes tempo de crise e recortes, a xestión das zonas verdes debería ser un deses sectores máis flexibles, nos que se podería reducir o investimento, en beneficio de outros". Porén, na Coruña veu pasando exactamente o contrario

O arquitecto sinala que a investigación levada a cabo por Ergosfera ten a súa orixe nunha ruta urbana, realizada o pasado mes de decembro, no que tres biólogas exerceron de guías nunha procura "doutras naturezas na cidade", explorando a natureza que subsiste e coexiste alén do cemento e alén das zonas verdes delimitadas e xestionadas en forma de parques e xardíns. Como destacou daquela o sociólogo Carlos Diz Reboredo, participante na actividade, "diso trataba: a paisaxe dunha cidade que está emerxendo sen ser mirado, que crece e se reproduce sen ser domesticado, quizais máis cidade (en "esencia") que a propia cidade habitada, domesticada e deseñada con rostro humano. Que representou historicamente a cidade senón, ante todo, a posibilidade de se volver ingobernable?"

"Sorprendeunos que nos equipos de xestión das zonas verdes non hai biólogas" -sinala Iago Carro- "Elas teñen moito coñecemento, poderían xerar un novo tipo de xardinería, con outro tipo de especies, con menos custe económico e menos gasto de auga. Non entendían en que momento a xardinería se separara da bioloxía”. "Iso foi o que nos levou a investigar a situación na Coruña. Parecería que nestes tempo de crise e recortes, a xestión das zonas verdes debería ser un deses sectores máis flexibles, nos que se podería reducir o investimento, en beneficio de outros. Porén, na Coruña veu pasando exactamente o contrario, primando o valor económico, de negocio, por riba de todos os demais", conclúe.

Imaxe da procura "doutras naturezas na cidade", realizada o pasado mes de decembro CC-BY Ergosfera
Análise da evolución do gasto municipal na xestión de parques e xardíns CC-BY-SA Ergosfera
Empresas beneficiadas polo actual sistema CC-BY-SA Ergosfera
Dende 2010 funcionan hortas urbanas autoxestionadas na Coruña CC-BY-SA Asamblea Agra do Orzán

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.