Facendo cidadanía nas festas de San Pedro

A autoxestión, a debate CC-BY-SA Praza Pública

A mañá do sábado amenceu desapacible en Compostela. Tras varios días de sol a chuvia regresara ao ceo da capital e ameazaba o día grande das festas de San Pedro, un dos barrios máis populosos da cidade cuxa comisión de festas reservara para esa xornada unha das súas grandes apostas deste 2014. Onde antes organizaba unha feira de artesanía e asociacións -que ahora ten vida de seu na Feira da Primavera- lanzou desta volta cinco espazos temáticos abertos á veciñanza e a quen visitase o barrio: Espazo Sonoro, Espazo das Letras, Espazo de Xogo, Espazo da Ciencia e Espazo Cidadán. Neste último, a organización propúxose "repensar, escoitar, aprender e participar". Sobre a mesa estiveron estratexias, demandas e liñas de actuación cidadás e sociais para tentar facer barrios e cidades mellores.

Cando a chuvia deu tregua, contra media mañá, colectivos sociais como a Fiare, Amnistía Internacional, a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, Xanela Social, a Asemblea Galega de Cooperación para a Paz ou Panxea instalaban os seus espazos dentro da feira. Mentres, no espazo dedicado aos faladoiros a veciñanza comezaba a aprender como unha urbe pode tornar en "amigable para as persoas maiores". Quen o explicaba era Ximena González, concelleira do BNG de Ourense que detallou o programa iniciado na cidade das Burgas para logar esa cualificación por parte da Organización Mundial da Saúde. Para lograla son necesarios cinco anos de traballo no que as institucións públicas teñen que mudar a mentalidade e lanzar un plan de acción local elaborado a través da participación das propias persoas maiores, unha "ferramenta política" que non só atinxe ao lecer ou á asistencia, senón a asuntos tan diversos como a mobilidade ou a vivenda. "Se unha cidade é amigable para as persoas maiores é mellor" para todas as persoas, sinala.

O Espazo Cidadán abordou o papel das persoas maiores, repensou a autoxestión ou debullou as loitas de defensa cívica en Sarria e Monterrei

De mobilidade, aínda que noutra clave, falou a veciñanza doutro barrio compostelán de Galeras, e tamén o veciño de San Pedro Miguel Pazos. Os primeiros explicáronlles aos presentes o momento no que se atopa a súa loita co maltreito Concello de Santiago, que pretende construír unha rotonda e, de paso, un acceso a un aparcadoiro privado por riba dun parque público. O segundo expuxo as alternativas para que en San Pedro as persoas conten máis que os vehículos aproveitando a recente reurbanización dunha rúa na que o debate da peonalización está moi presente. A instalación de badéns ou de zonas limitadas a 20 quilómetros por hora, di Pazos, son algunhas das estratexias para garantir a seguridade, para que os nenos e nenas poidan xogar con tranquilidade ou para que as devanditas persoas maiores transiten sen problemas. É, en último termo, unha cuestión de "seguridade" e "dereito á vida".

Cando a chuvia xa se despedira definitivamente da xornada en San Pedro "repensábanse" os "espazos autoxestionados" como o Centro Social Ocupado Escarnio e Maldizer, o Centro Social Autoxestionado de Sar ou o Proxecto Cárcere da Coruña. Os límites para o desenvolvemento das actividades, o financiamento ou o xeito de relacionarse coas administracións públicas foron algún dos asuntos abordados na mesa redonda moderada pola xornalista María Rúa. Aínda houbo tempo para que un activista escocés recabase apoios para a independencia do seu país e para explicar iniciativas no ámbito socieducativo antes do último panel do día, no que a Plataforma en defensa do Castelo de Monterrei e a Plataforma Sarriana polo Río inxectaron unha dose de moral na veciñanza explicando o crecemento "exponencial" das súas respectivas loitas na defensa do patrimonio público, xa sexa histórico, ambiental ou económico, e a colisión das súas reivindicacións con algúns dos poderes establecidos, que mesmo chegan ás "ameazas" fronte á súa defensa cívica. Tras repensar, escoitar, aprender e participar seguiu a festa, que este domingo culmina cunha romaría.

Miguel Pazos fala sobre mobilidade CC-BY-SA Praza Pública
Membros da Plataforma Sarriana polo Río, en San Pedro CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.