"O incremento de suicidios é a punta do iceberg dun nivel de sufrimento moi elevado na sociedade"

Intervención de Miguel Anxo García Álvarez na Asemblea da Saúde Mental de Galicia © Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

A Facultade de Psicoloxía da USC acolle este sábado a Xornada do Movemento Galego da Saúde Mental, na que sanitarios, profesionais do ámbito xurídico e legal e representantes de asociacións de afectados e familiares analizarán a situación deste ámbito en Galicia, moi afectado polos recortes. A xornada de debate, baixo o lema “Unidos para defender o dereito a un futuro con saúde” estará composta por distintas mesas de traballo, que elaborarán unha serie de conclusións que servirán de base para unha asemblea final do Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM). Nesta xuntanza adoptaranse decisións para futuras actuacións do Movemento, buscando a defensa desta parcela da sanidade pública.

Entre 70.000 e 80.000 galegos e galegas padecen trastorno mental grave, segundo datos do MGSM, e entre 27.000 e 41.000 non poden acceder "ao sistema de atención á dependencia ao que teñen dereito". Para Miguel Anxo García Álvarez, psicólogo clínico do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e portavoz da plataforma, "os actuais recortes están limitando os dereitos asistenciais destas persoas. Están a ser danados os dereitos asistenciais e son restrinxidas de feito as prestacións sanitarias recoñecidas como dereito por lei á cidadanía". Falamos con García Álvarez sobre a situación do sector e os obxectivos desta Xornada.

"Noutros ámbitos os efectos dos recortes e da crise económica poden tardar máis tempo en manifestarse, pero na saúde mental o efecto prexudicial da crise é seguro e é importante"

É a saúde mental o ámbito da saúde máis afectado pola crise e os recortes?

En canto aos efectos da crise sobre a saúde, estamos seguros de que o ámbito máis afectado é a saúde mental. Noutros ámbitos os efectos dos recortes e da crise económica poden tardar máis tempo en manifestarse, pero na saúde mental o efecto prexudicial da crise é seguro e é importante. Hai informes que deixan claro o incremento do consumo de antidepresivos e ansiolíticos. O cambio nas condicións de vida dunha boa parte da poboación: empobrecida, debilitada, con máis incerteza sobre o seu futuro, privada dalgúns elementos materiais, apartada das redes normais de protección e apoio, privada en parte dos servizos sanitarios e dos sistema de axuda social..., todo isto fai que as persoas, loxicamente, manifesten en forma de trastornos a dificultade para tolerar estas situacións vitais.

Falouse moito do incremento dos suicidios, pero supoño que os efectos -ainda que con consecuencias menos terribles- nótanse en capas moi amplas da poboacións, non si? 

Hai cousas que viñeron pasando e que pouco a pouco se van convertendo en sufrimento psíquico insoportable. A perda de vivenda, a perda de emprego, a pobreza..., é normal que derive en trastornos psíquicos, entendendo isto non como algo estraño á experiencia común, senón como un sufrimento que nun momento determinado adopta un cadro sintomático tal que require de apoio especializado sanitario para poder enfrontalo. En todo isto o incremento de suicidios é a punta do iceberg dun nivel de sufrimento moi elevado na sociedade.

"O incremento de suicidios é a punta do iceberg dun nivel de sufrimento moi elevado na sociedade"

E no medio da crise, a reforma do sistema de atención á saúde mental. En que se está a fallar? 

A reforma do sistema de atención á saúde mental consistiu nun incremento de dispositivos asistenciais na rede sanitaria xeral para hospitalizar cadros agudos de alteración psíquica e para tratar estas persoas no marco social de asistencia normal, como se trataría calquera outro problema de saúde, e ao mesmo tempo en reducir até pechar os antigos hospitais psiquiátricos ou manicomios. Que pasou? Que avanzando o tempo a reforma foi perdendo forza, arranque e motivos; e ao mesmo tempo foi priorizando uns métodos de tratamento que satisfacían uns intereses comerciais moi poderosos, os intereses da industria farmacéutica, promovendo un consumo excesivo de psicofármacos na sociedade. Foi pechando os hospitais psiquiátricos, onde os dereitos das persoas enfermas eran vulnerados, pero sen crear ao mesmo tempo un sistema alternativo, cos apoios suficientes para poder levar unha vida digna. O que se fixo foi colocar a estar persoas en residencias para maiores, nalgúns casos cun bo apoio profesional, pero noutros casos en condicións case de abandono.

"Avanzando o tempo a reforma foi perdendo forza, arranque e motivos; e ao mesmo tempo foi priorizando uns métodos de tratamento que satisfacían uns intereses comerciais moi poderosos"

Tanto na organización do MGSM coma na programación concreta des Xornada buscouse a intervención de todos as dimensións e actores que xogan un papel determinante na sáude mental, comezando polo ámbito legal... 

Historicamente os temas legal e da saúde mental sempre foron xuntos. A reclusión do tolo nos manicomios tivo que ver cunha sociedade que se decataba de que certas accións que facían determinadas persoas parecían estar fóra da súa capacidade de responsabilizarse dos seus actos. O primeiro que se facía era considerar que eses actos irresponsables eran consecuencia dalgún tipo de enfermidade, polo que se optaba pola reclusión, pero sen que isto supuxese unha condena penal para estas persoas. A presenza na Xornada e no Movemento de asociacións profesionais do ámbito xurídico remarca esta dimensión legal da saúde mental, totalmente inseparables. O Movemento introduce a novidade de incorporar todos os factores que teñen que ver coa enfermidade mental. Así conséguense incorporar todas as dimensións, achegando as visións e necesidades de todos os actores, dende os profesionais aos afectados e familiares, e tamén é moi importante a presenza sindical, e o seu traballo por garantir que se segue empresando unha atención de calidade dende o sistema público.

"Fíxose unha chamada de atención, reducíronse danos na poboación simplemente polo feito de existir o Movemento e de estar vixilante. Parouse unha redución grande dos recursos asistenciais en Compostela"

Como valoras o camiño percorrido polo Movemento? Que obxectivos perseguides nesta Xornada?

Avanzouse bastante nestes tres meses. Fíxose unha chamada de atención, reducíronse danos na poboación simplemente polo feito de existir o Movemento e de estar vixilante. Parouse unha redución grande dos recursos asistenciais en Compostela, ao deter a intención da Xunta de pechar toda unha unidade de especialización durante catro meses. A Xornada deste sábado debe servir para seguir avanzando polo mesmo camiño, fortalecendo un Movemento moi necesario a curto, a medio e a longo prazo, para continuar analizando a problemática que nos atopamos neste ámbito, para mandar ao mesmo tempo unha mensaxe á sociedade de que estamos aquí, e para formular unha alternativa.

 

Programa da Xornada

A primeira mesa céntrase nas dimensións legais do que está a acontecer, coa participación do xuíz José Gómez Rey, que abordará a responsabilidade legal do profesional sanitario, e de Antonio Rama Valdés, fiscal de Santiago, que proporá unha visión crítica da actual reforma do Código Penal e as controvertidas medidas que afectan á saúde mental. O Hospital Psiquiátrico de Conxo será o protagonista da segunda mesa, moderada polo psiquiatra do Hospital Gil Casares, Alberte Araúxo. Tomarán a voz os profesionais do centro, subliñando as alternativas que ten por diante o centro de Conxo.

O Movemento Galego da Saúde Mental celebrou a súa asemblea fundacional hai tres meses

A evolución e a situación laboral dos profesionais centrará a terceira das mesas, a última que se celebrará antes do mediodía. A relación entre a crise e a saúde mental abrirá a quenda da tarde, analizando a asistencia aos máis maiores, a situación da atención á saúde mental da infancia e da adolescencia e a repercusión do actual contexto económico nos casos de suicidio. Para rematar, será a quenda dos dereitos sociais, debuxando a situación sociolaboral, asociativa e participativa das persoas afectadas por trastorno mental grave.

O Movemento Galego da Saúde Mental celebrou a súa asemblea fundacional hai tres meses. Trátase dun movemento cívico que pretende a protección da saúde mental en Galicia e a defensa da súa atención pública, ante o grave deterioro que está a sufrir e o dano que se está a causar nos dereitos das persoas. Está formado por máis de trescentos profesionais da saúde mental pública de Galicia, profesionais da Xustiza, sindicatos, o Colexio Oficial de Psicoloxía, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais, organizacións de familiares e usuarios dos servizos de saúde mental, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública ou a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria.

Intervención de Miguel Anxo García Álvarez na Asemblea da Saúde Mental de Galicia © Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Cando peche O Rebullón, en Vigo, Conxo ficará como psiquiátrico de referencia para Galicia © David Simón

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.