Tragsa comeza a recoller lixo en Lugo con protección policial

Camións de Tragsa, facendo labores de recollida de lixo, este sábado en Lugo CC-BY-SA Praza Pública

Son días de tirapuxas en Lugo. Nin os empregados e empregadas de Urbaser nin a propia empresa se moven un centímetro das súas posicións. Por unha banda, os traballadores da recollida do lixo reiteraron este venres a súa negativa a cumprir uns servizos mínimos fixados polo Concello, que no centro da cidade durante o Arde Lucus son do 100%. Pola outra, a empresa tamén endurece a súa posición, sen asumir aínda as demandas salariais dos folguistas e, ademais, abríndolle un expediente por "falta grave" a todos os membros do comité de empresa, que se suma ao despedimento de doce persoas.

No medio, o Concello, acusado polos traballadores de "parcial" e de favorecer os intereses da empresa, por ter fixado uns servizos mínimos considerados "abusivos" e por negociar coa empresa pública Tragsa a súa contratación para facer menos visibles no Arde Lucus os efectos da folga. Especulouse coa posibilidade de que Tragsa comezase a traballar na madrugada do xoves, véndose finalmente obrigada a adiar a súa acción até este sábado ao mediodía.

Dous camións comezaron a realizar o traballo da concesionaria, ante as protestas dos traballadores, que tentaron impedir a acción de Tragsa, que finalmente, cun forte despregue policial, proseguiu a súa acción. Os sindicatos xa advertiron de que a contratación de Tragsa "vulnera clarísimamente o dereito de folga" e sinalaron o venres que “de confirmarse que Tragsa vén recoller o lixo, imos presentar denuncia diante da Fiscalía por vulneración do dereito á folga", anunciou Carme Antas, da CIG-Servizos de Lugo. Sinalan, ademais, que o Concello lle pagará 40 mil euros a Tragsa polo traballo destes días.

Os sindicatos sinalaron o venres que “de confirmarse que Tragsa vén recoller o lixo, imos presentar denuncia diante da Fiscalía por vulneración do dereito á folga"

O concelleiro Luis Alvarez defendeu que os gastos de Tragsa, cun tope de 50.000 euros, ampliables, serán descontados a Urbaser, e xustificou a acción nas alertas sanitarias da Xunta e nun informe dos bombeiros sobre o risco de incendios. La Voz de Galicia publicou que varios hosteleiros contrataron a algunhas persoas para que lles retirase o lixo das proximidades dos seus establecementos.

O Xulgado denegou este venres a suspensión cautelar dos servizos mínimos do 100% impostos polo Concello, tal e como demandara o Comité de empresa nun recurso, sen pronunciarse sobre a súa posible ilegalidade ao aducir "falta de tempo para analizar a situación". O Concello de Lugo fixou uns servizos mínimos que se nas primeiras xornadas de folga se situaban entre o 50% e o 70% para os traballos de recollida de residuos, a partir deste venres se elevan até o 100% no centro da cidade (50% no resto). Porén, os e as traballadoras de Urbaser xa anunciaron que non cumprirán con estes servizos mínimos, que consideran "abusivos", pois destacan que uns servizos mínimos do 100% "vulneran o dereito de folga de calquera traballador". Dende os sindicatos asegúrase que se propuxo que en cada quenda saia un condutor para cumprir con "eses servizos esenciais que necesita a cidade, pero a dirección da empresa impídeo".

A totalidade dos traballadores e traballadoras da concesionaria Urbaser está a secundar a folga indefinida en demanda dun convenio "digno", cun incremento salarial conforme coa suba do IPC, e tamén da readmisión de doce empregados, que foron despedidos.

Camións de Tragsa, facendo labores de recollida de lixo, este sábado en Lugo CC-BY-SA Praza Pública
Camións de Tragsa, facendo labores de recollida de lixo, este sábado en Lugo CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.