'As Marías' terán por fin unha lápida digna, despois de anos de abandono

Flores ao pé das Marías, na homenaxe que recibiron en 2012 CC-BY-SA Merixo

En febreiro do pasado ano unha nova de prensa denunciou o estado de abandono no que se atopaban as tumbas de Maruxa e Coralia Fandiño, As Marías, no cemiterio de Boisaca. Represaliadas en vida pola militancia anarquista da súa familia, ignoradas, ocultadas ou esquecidas as razóns do seu sufrimento e do seu illamento, foron convertida nunha anécdota, nun elemento folclórico, símbolo dunha cidade que en realidade non as coñecía. Finadas a comezo dos oitenta, pouco a pouco esta situación foi reparándose. Unha moi fotografiada escultura na Alameda, actos de homenaxe, libros e documentais, serviron para que a súa memoria seguise presente, e para que pouco a pouco fose coñecemento a súa verdadeira historia, que aínda necesita dunha maior difusión e recoñecemento. Hai dous anos Lila de Lilith e As dúas organizaron unha mulleranaxe, unha homenaxe a dúas mulleres que "tiveron que vivir nos seus corpos a represión" polo seu "compromiso ideolóxico indubidable" e o da súa familia.

A pesar destes pequenos avances, e de seren un dos símbolos de Compostela, a tumba destas dúas mulleres estaba totalmente abandonada. O Ateneo de Santiago iniciou o pasado ano unha campaña de procura de apoios económicos para colocar unha nova lápida en Boisaca, que ademais fose testemuña do compromiso político e da vida que levaron Maruxa e Coralia. Contaron dende un comezo co apoio da Asociación Cultural O Galo e doutras entidades da cidade. Ano e medio despois, por fin este mércores inaugurarase oficialmente esta lápida, nun acto cívico que se celebrará no cemiterio a partir das seis da tarde. Intervirán o Presidente do Ateneo de Santiago, Salvador García-Bodaño, Mercedes Espiño da A.C. O Galo, Luis Pasín, Encarna Otero, Xosé Luis Bernal e Manuel Fandiño Pampín, familiar das irmás Fandiño. Ademais, o xornalista Nacho Mirás, que deu a voz de alarma sobre o estado das tumbas, acompañará o acto tocando a gaita.

Xosé Ramón Pousa, que dende o Ateneo foi un dos impulsores do proceso que se pechará este mércores, salienta as dificultades que atoparon para acadar o obxectivo: "Houbo moitas dificultades, porque estaban en dúas tumbas, e ademais non había uns propietarios claro deses nichos. Houbo que atopar un herdeiro, que se implicou activamente no proceso, e superar un proceso burocrático complexo". 

Xosé Ramón Pousa: "A cidade débelles moitas cousas"

Pousa destaca que "o obxectivo é reivindicar un pouco a figura histórica destas mulleres, que formaban parte da paisaxe humana de Santiago e que foron moi maltratadas pola sociedade compostelá, que aínda que as converteu nun símbolo da cidade, en realidade descoñecía a súa historia. Unha familia represaliada polo franquismo polo seu activismo anarquista". "Nos últimos anos foise coñecendo algo máis a súa historia, pero aínda non é suficientemente coñecida. Débenselles moitas cousas na cidade", conclúe. Por este motivo, o Ateneo chama á cidadanía de Compostela a participar na homenaxe, que se implique "nesta iniciativa para dignificar as súas tumbas", con "afecto e rebeldía", como se pode ler inscrito no mármore.

Será unha boa oportunidade para recoñecer a Maruxa e a Coralia Fandiño como merecen, para lembrar como "o acoso dos falanxistas, a represión, a marxinación e a fame se cebaron nelas", como destacou Luz Fandiño na homenaxe realizada hai dous anos, e tamén para poñer en valor como durante as longas décadas de ditadura a súa liberdade foi "a cor naquela cidade tan gris".

As Marías, mulleres de luz inmensa na Compostela gris, por Encarna Otero no Album de mulleres

Lápida que se colocará na súa tumba © Ateneo de Santiago
Estado que presentaba a tumba antes dos traballos © camaraenristre.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.