Negreira teima en licitar de novo a feira taurina

Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos

O Goberno municipal da Coruña, presidido por Carlos Negreira, parece empeñado en que siga habendo touradas na Coruña, a pesar do maioritario rexeitamento social que esperta este espectáculo e do aparente desinterese amosado polas empresas que nos últimos anos se encargaron de organizar a feira taurina. O Concello sacou a licitación este martes a organización e explotación da feira deste verán, despois de que hai dous meses Eventauro anunciara a súa renuncia á súa opción de renovar a concesión por outros dous veráns.

O Concello sacou a licitación este martes a organización e explotación da feira deste verán, despois de que hai dous meses Eventauro anunciara a súa renuncia á súa opción de renovar a concesión por outros dous veráns

Cunha asistencia de público moi baixa e unha ampla porcentaxe de entradas e abonos entregados de balde, a organización da feira non é rendible para a empresa, como recoñecian os seus responsables. Mesmo así o Concello da Coruña fai un novo intento, se cadra o derradeiro, por manter esta práctica, que o BNG volveu cualificar este martes de “espectáculo violento e sanguento" que "cada vez rexeitan máis cidadás e cidadáns". Os nacionalistas lembran así mesmo que no pleno do pasado mes de marzo presentaron unha moción conxunta coa entidade Galicia, Mellor sen Touradas, na que lle solicitaban ao Goberno Municipal que o IMCE non volvese sacar a concurso a organización e explotación da Feira Taurina, aproveitando a renuncia da empresa concesionaria Eventauro a prorrogar o contrato, e que non se volvesen subsidiar, nin directa nin indirectamente con cartos públicos eventos destas características no Concello da Coruña.

A pasada semana o Valedor do Pobo anunciou o seu apoio á Galicia, Mellor sen Touradas na súa demanda de que se fagan públicas as subvencións públicas entregadas ás feiras taurinas. En 2013 tan só se venderon o 20% das entradas totais (5.137 billetes dos 25.257 que se puxeron á venda, segundo o expediente do IMCE) e a feira só se puido celebrar grazas ao mantemento dunha subvención pública indirecta de 95 mil euros, consistente no pagamento por parte do Concello de taxas polo uso do Coliseum, montaxe, terra ou persoal.

A pasada semana o Valedor do Pobo anunciou o seu apoio á Galicia, Mellor sen Touradas na súa demanda de que se fagan públicas as subvencións públicas entregadas ás feiras taurinas

Tres de cada catro coruñeses (o 75,5%) amósanse contrarios a que os cartos públicos sosteñan artificialmente este espectáculo, segundo unha enquisa realizada por Obradoiro de Socioloxía, unha cifra que se achega ao cen por cento entre os menores de 44 anos. Ademais, a organización da feira taurina viuse mesturada co escándalo de corrupción das facturas falsas de Vendex na Coruña, o caso Pikachu.

Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos
Público nas touradas da Coruña, no verán de 2012 CC-BY M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.