"Semella que o cliente sempre ten a razón, agás se fala en galego"

Marcos Maceira © A Mesa pola Normalización Lingüística

Marcos Maceira converterase o vindeiro sábado no novo presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. Encabeza a candidatura única que se presentará na asemblea da entidade, na que as vicepresidencias serán ocupadas por Mónica Pazos Martínez e Carlos Outeiro Baamonde, Susana Méndez será a nova secretaria xeral, Paulo Filgueiras continuará como Coordinador de Zonas, e na que se incorporarán como vogais Elsa Quintas Alborés e Manuel Rei Romeu. Destaca que se trata dun grupo de persoas "heteroxéneo, procedentes de distintos ámbitos profesionais e sociais, unha aposta "pola continuidade" e polo impulso da mobilización social.

Cal é o principal reto da Mesa nestes momentos, o teu obxectivo máis importante como presidente?

O principal reto vai ser aumentar a base social da Mesa e a xente á que está chegando actualmente, que se está mobilizando a favor da lingua. Nos últimos anos mellorouse moito neste aspecto, aumentou moito a base da Mesa, sobre todo despois das últimas mobilizacións. Pero temos que incrementala moito máis porque é a principal ferramenta que temos para conseguir avances para a nosa lingua.

"Non hai ningún país de Europa Occidental que movese toda a xente que movemos nós para defender a lingua"

Que cres que foi o máis positivo do traballo realizado pola Mesa nos últimos anos?

O máis importante foi incrementar a implicación da sociedade, sobre todo o que se moveu ao redor da Plataforma Queremos Galego. Non hai ningún país de Europa Occidental que movese toda a xente que movemos nós para defender a lingua, todas esas manifestacións consecutivas en Santiago entre 2009 e 2010. A implicación da xente é fundamental para manter viva esta loita. Non hai futuro ningún se non hai xente detrás. Nestas mobilizacións, ademais, vimos como participaba moita xente que na súa vida cotiá non emprega o galego, pero si que quere un cambio, para que os seus fillos e fillas poidan estudar en galego, ou para que eles mesmos poidan vivir nun contexto social que lles permita dar o paso e comezar a falalo. Creo que é unha novidade importante, que non se producía hai uns anos.

"Vimos como participaba moita xente que na súa vida cotiá non emprega o galego, pero si que quere un cambio, para que os seus fillos e fillas poidan estudar en galego, ou para que eles mesmos poidan vivir nun contexto social que lles permita dar o paso e comezar a falalo"

E o máis negativo, ou aqueles aspectos nos que habería que incidir máis?

Hai unha cousa que nos últimos tempos penso que foi negativa para A Mesa, que se solucionou en parte grazas ao apoio da xente, que foron todos os ataques que houbo á Mesa como organización, moitas veces personificados na persoa de Carlos Callón. Tentaron facer unha tarefa de desgaste dende fóra, o que finalmente non conseguiron, porque a sociedade estivo aí, non para defender a Mesa e non para defender a Callón como persoa, senón para defender a lingua, que é o obxectivo que temos.

Onde temos que incidir máis é na cuestión da denuncia social, en moitos aspectos, co obxectivo de poder facer a vida normal en galego. Cousas sinxelas que van dende unha simple chamada a unha compañía de telefonía móbil para solucionar un problema, e que acaba sendo un problema para ti, porque semella que o cliente sempre ten a razón, agás se fala en galego. É un exemplo, pero refírome a calquera trámite administrativo, dende notaría, banca, a administración pública... Imos manter a denuncia social neses ámbitos, pero sempre ligada á mobilización da cidadanía, que é o que nos deu aire todos estes anos.

"Temos que ter esperanza, porque depende de nós. Depende de que cheguemos a máis xente e de que haxa xente detrás, e agora mesmo haina"

Es optimista con respecto ao futuro da lingua, en xeral, e no que respecta á actitude que cara a ela ten o Goberno galego?

Temos que ter esperanza, porque depende de nós. Depende de que cheguemos a máis xente e de que haxa xente detrás, e agora mesmo haina. E en canto á actitude do Goberno galego, temos que facer que mude, e temos que facelo entre todas e todos. Non é algo que atinxa só á Mesa pola Normalización, senón que depende de toda a sociedade. Temos que animar a xente a que se asocie á Mesa e a que apoie a nosa loita. Hai esperanza porque a xente está respondendo, e verémolo o vindeiro 17 de maio.

Marcos Maceira © A Mesa pola Normalización Lingüística
Manifestación a prol do ensino en galego CC-BY-NC-SA Queremos Galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.