"Nas grandes operadoras non sabemos o que pagamos nin temos criterio para valorar se é caro ou barato"

Asemblea de Som Connexió © http://www.rubitv.cat/

A sociedade organízase, tamén como consumidores. E non só para denunciar acordos ou prezos inxustos, funcionamentos ineficienetes ou situacións de oligopolio, senón creando as súas propias estruturas e redes para dar e darse, de xeito cooperativo, os servizos que anteriormente só emprestaban o sector público e o privado (e nos últimos tempos cada vez menos o primeiro e cada vez máis o segundo). Asi naceu, hai uns meses Som Energia, a cooperativa de produción e comercialización eléctrica que con máis de 13 mil socios en toda España xa constitúe unha alternativa ás grandes compañías eléctricas. E así nace, promovida ademais por algúns dos impulsores de Som Energia, Som Connexió, unha cooperativa que vai comezar a ofrecer servizos de telefonía (fixa e móbil) e Internet. 

O proxecto uniuse dende o comezo a outro, con obxectivos e filosofía semellantes, Eticom, nacido no laboratorio-incubadora de proxectos Gats en Rubí (Barcelona). E xuntos comezaron a camiñar nun terreo cheo de obstáculos, dominado por xigantes da comunicación como Vodafone ou Movistar e que ademais se atopa nun proceso de concentración empresarial. Outra das eivas tiña que ver coa utilización da rede (sexa móbil ou de fibra óptica), na que Eticom-Som Connexió deberá depender polo momento de Orange (despois de que as restantes compañías nin sequera respondesen á súa oferta de aluguer).

Eticom-Som Connexió xorde, en palabras dos seus promotores, “orientada aos valores da economía do ben común, como proxecto colectivo e de participación democrática que se organiza dende o territorio”. O proxecto, nacido en Catalunya, pero con socios fundadores en Galicia, Euskadi ou Madrid, ofrecerá prezos máis baratos aos usuarios polo feito, explican, de non cobrar servizos ou elementos accesorios que os consumidores non necesitan nin utilizan. Ademais, por tratarse dunha cooperativa, ofrece un proceso de toma de decisións horizonal e aberto, así como unha meirande transparencia. Falamos con Mercè Botella, de Eticom. E, por suposto, cantos máis persoas participen, mellores servizos e prezos poderán ofrecer.

Como nace o proxecto? Cales foron os primeiros pasos?

Nace de dúas orixes un pouco distintas. Un equipo (moi reducido) que busca persoas interesadas en atopar solucións para avanzar cara á soberanía no ámbito das telecomunicacións e construír unha solución para cubrir as nosas necesidades de conexión desde a economía do ben común (www.somconnexio.org). E outro equipo, máis extenso, que pretende ofrecer un servizo alternativo á actual oferta das teleoperadoras centrado nas persoas e que poida ofrecer, desde o primeiro momento, todos os servizos que se poidan necesitar (www.proyectoeticom.com).

"Tamén temos vocación de despregar infraestrutura propia que se regule segundo a Rede do Procomún (redes de uso e xestión colectiva)"

A través de que redes ides operar?

Os servizos que utilizan tecnoloxía móbil vanse apoiar na rede de Orange. É o primeiro contrato que conseguimos negociar. Máis adiante xa teremos máis forza para negociar con outros e con outras condicións. O resto de servizos vanse prover utilizando a infraestrutura máis adecuada en cada caso: algunhas de propiedade das grandes operadoras (por exemplo, o cobre basicamente é de Telefónica), outras infraestruturas de operadores máis pequenos que ofrecen servizo máis territorializado e tamén temos vocación de despregar infraestrutura propia que se regule segundo a Rede do Procomún (redes de uso e xestión colectiva).

Cales serán os beneficios inmediatos dos socios?

O trato de proximidade e personalizado: a maioría de servizos non se comercializarán como "produtos" sino que en función do uso e necesidades da tecnoloxía vaise facer unha proposta personalizada en cada caso para buscar a mellor relación calidade-prezo adecuados ás necesidades específicas de cada un. A transparencia da información, pois os prezos establécense en base a custes. Se á cooperativa un servizo lle custa x, o prezo que se vai establecer será x máis o 25% de marxe para absorber os custes internos e deixar unha marxe de seguridade que se vai reinvestir para despregar infraestruturas e/ou proxectos sociais.

"Se á cooperativa un servizo lle custa x, o prezo que se vai establecer será x máis o 25% de marxe para absorber os custes internos e deixar unha marxe de seguridade que se vai reinvestir"

Tamén a información e o coñecemento do funcionamento do sector das telecomunicacións para empoderar as persoas na toma de decisións no ámbito das telecomunicacións. De igual xeito, participar colectivamente dun proxecto que pretende, desde un sector, sumarse a un movemento maior que é o de transformar cada dia o mundo coas nosas opcións de consumo. Asi mesmo, construír cada día cos nosos gastos cotiáns o sistema económico que desexamos, máis xusto, máis democrático, máis sustentable, máis solidario e que se constrúe dende o recoñecemento da dignidade de todas as persoas. Por último, deixar de ser cliente dunha teleoperadora, para pasar a ser co-propietario/a, cos dereitos, obrigas e responsabilidades que isto conleva.

Que número de socios esperades convencer a curto prazo? Hai un número mínimo para un correcto funcionamento da cooperativa?

Pois non o dimensionamos aínda. Pero cremos que nun par de anos é fácil convencer 4.000 ou 5.000 persoas. Non hai un mínimo para poder ofrecer o servizo, pero o potencial de chegar a ser moitos é enorme neste sector porque nos permitirá un avance máis rápido cara ao despregamento de infraestruturas colectivas e o desenvolvemento de proxectos sociais de base tecnolóxica de elevado impacto.

"Cremos que nun par de anos é fácil convencer 4.000 ou 5.000 persoas"

Falades de "contribuír á redución de residuos tecnolóxicos". De que forma o faredes?

Cos tres R: Reducindo, Reutilizando e, cando xa non se poida, Reciclando. Por exemplo, evitar a distribución de aparellos se non é imprescindible (módems, wifis, terminais de teléfono, etc.). Buscar provedores de tecnoloxía que cumpran o máximo de criterios de sustentabilidade. Non estimular a renovación periódica dos terminais, máis ben crear consciencia dos impactos que isto leva. Aproveitar terminais de móbil que para uns xa non cobren as súas necesidades e para outros as cobren totalmente. Este vector de transformación é moi importante pero aínda só está definido.

Que parte da nosa actual factura de telefonía é prescindible e non paga o custo real?

"Nas grandes operadoras non sabemos nunca o que pagamos nin temos criterio para valorar se é caro ou barato máis que comparando os prezos dun servizo en distintos países, pero non temos referencia dos custes"

A instalación de fibra óptica, por exemplo, é unha instalación que non é moi custosa. Se se cablea un barrio e se conectan uns 30 veciños, cada veciño pagaría aproximadamente entre 800 ou 1.000 euros de investimento e tería un servizo de conexión a internet de 1G simétrico a un prezo duns 25 euros. Se se amortiza o investimento nuns catro anos, significa que durante catro anos tes un servizo de 1G simétrico (de subida e baixada) a un prezo duns 50 euros máis IVE e, a partir do ano 5 só pagas 25 euros + IVE polo servizo. As grandes operadoras tiveron que investir cartos para "acoutar con software" o potencial natural que ofrece a fibra óptica (1G simétrico). Deste xeito, canto máis ancho de banda soltan, máis che cobran. Ademais, nestes momentos non hai ningunha operadora que ofreza o servizo de comunicación simétrica, sempre ofrecen máis ancho de descarga que de subida. A asimetría das comunicacións reproducen a asimetría das relacións de poder. Ademais, para ter ADSL na casa só nolo provén cunha liña fixa xeográfica, que non é imprescindible.

Por outra banda, o servizo de roaming non ten máis custo que calquera outra chamada. Para evitar pagar estes custos, pódense atopar solucións que aforren os sobrecustes dos desprazamentos a outros países. Así mesmo, cando as operadoras din que che regalan terminais, o wifi, ou o que sexa, en realidade cóbrano co prezo do servizo e na maioría dos casos (especialmente cos contratos de fidelidade) o custo do financiamento é moi elevado (acabas pagándoo moito máis caro). O problema é que, co engano, todos quedan contentos, uns coa idea que conseguiron gratis o terminal de móbil que desexaban e, os outros, obtendo unhas marxes moi por riba do que nos parecería razoable se tivésemos a información.

"O panorama do sector cambiará moito nun período curto de tempo, reducíndose a unhas poucas operadoras que acapararán a maior parte do mercado"

Ao final, nas grandes operadoras non sabemos nunca o que pagamos nin temos criterio para valorar se é caro ou barato máis que comparando os prezos dun servizo en distintos países, pero non temos referencia dos custes. Poden mesmo pór prezos por debaixo de custo (como están a facer nestes momentos moitos deles) para conseguir máis clientes para logo especular en operacións de venda. O sector está moi inestable nestes momentos. Crese que o panorama do sector cambiará moito nun período curto de tempo, reducíndose a unhas poucas operadoras que acapararán a maior parte do mercado, concentrarase o oligopolio das telecomunicacións.

Captura de pantalla da web © http://www.somconnexio.org/
Asemblea de Som Connexió © http://www.rubitv.cat/
Stand de Eticom-Som Connexió nunha feira de economía social © Som Connexió

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.