"Seguiremos a loitar pola sanidade pública"

Manifestación pola sanidade pública en Vigo CC-BY-SA CIG

Milleiros de galegos volveron saír á rúa para defender a sanidade pública nunha nova exitosa mobilización na Coruña, Ferrol, Compostela, Pontevedra, Vigo, Ourense, Ribeira, O Barco, Lugo e Burela. Convocada polos sindicatos CIG, CCOO, UGT, C-SIF, CESM e OMEGA e apoiada por outras centrais e a plataforma SOS Sanidade Pública, a cidadanía volveu reivindicar unha sanidade pública, gratuíta e universal e denunciou os recortes e a privatización que está a levar a cabo a Xunta de Galicia.

Foron once manifestacións e dúas concentracións nas que usuarios da sanidade pública e numeroso persoal sanitario volveron amosar o seu rexeitamento ao desmantelamento deste básico servizo público e a exixir unha viraxe nas políticas da administración autonómica que permita garantir o seu carácter gratuíto e universal.

"Feijóo pretende que a sanidade un privilexio, accesible a quen o poida costear a través dos repagos que tratan de impor"

Ao remate das mobilizacións leuse un manifesto no que se denuncia que coa chegada de Feijóo á Xunta, o PP iniciou unha campaña de recortes, desmantelamento e privatizacións da sanidade Pública, coa que pretende que a sanidade “sexa un privilexio, accesible a quen o poida costear a través dos repagos que tratan de impor. Ou acudindo á sanidade privada, adiantando os cartos que despois o Sergas reintregará”.

"A sanidade é unha necesidade e un dereito e, ante a enfermidade, precisamos duns servizos sanitarios que nos axuden a mellorar, a sobrelevar a debilidade que nos produce, a sandar”, leuse tras as diferentes mobilizacións, nas que tamén se pediu que os servizos sanitarios atendan a todos os pacientes "por igual, sen discriminacións nin desigualdades".

"Precisamos duns servizos sanitarios que nos axuden a mellorar, a sobrelevar a debilidade que nos produce, a sandar”

Ademais, os convocantes advirten de que a cidadanía ten que seguir saíndo á rúa ante os "oídos xordos" da Xunta ante as "demandas dunha sanidade pública". "Xa non podemos acceder con equidade ao sistema sanitario, incrementáronse as desigualdades de acceso en función dos nosos ingresos, da zona onde vivamos”, recordan, tras alertar dun prexuízo aínda maior para os que teñen menos recursos.

"A sanidade pública é patrimonio universal da cidadanía, lograda co esforzo de todos”, reivindicouse antes de advertir ao Goberno autonómico que a xente non vai "consentir que a privaticen, converténdoa nun nicho de negocio para empresas amigas, vendéndoa por pezas e ao mellor postor”. "Esa é a folla de ruta que teñen marcada para os servizos públicos: eliminar a sanidade pública para poder facer negocio coa enfermidade das persoas", engadiron.

“Seguiremos a manifestarnos e a loitar. Os políticos son meros xestores transitorios dos servizos públicos, non teñen ningún dereito a privatizalos, negándonos o dereito a ter unha sanidade pública, universal e de calidade, que logramos o noso esforzo e que se financia cos nosos impostos”, aseguraron os voceiros das marchas, logo de recordar as medidas máis destacables que afondan nesta política privatizadora e de recortes. Así, reparouse nas continuas privatizacións, no copagamento imposto nas prestacións sanitarias, o peche de camas, os recortes orzamentarios ou as taxas de reposición, as consecuencias da Lei de Garantías, a creación de áreas de sestión integradas e áreas de servizos compartidos ou a derivación de casos de accidentes de tráfico menos graves ás clínicas privadas.

Manifestación pola sanidade pública CC-BY-SA CIG
Manifestación pola sanidade pública na Coruña CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.